A chacona[1] está comprendida nas danzas populares españolas, con metro ternario, tempo moderado e variación continua das voces superiores sobre baixo ostinato. No século XVII difundiuse por toda Europa a través de España (aínda que existen defensores da súa orixe hispanoamericana). Apareceu orixinalmente en coleccións de guitarra con patróns comúns de acordes/baixo. É na súa orixe unha danza festiva, viva e de gran erotismo.

Italia editar

Unha das primeiras series coñecidas de variacións instrumentais sobre este ostinato foi composta para Chitarrone por Alessandro Piccinini, amigo de Frescobaldi na corte do Leste en Ferrara. Esta obra é típica das primeiras variacións de chacona pola persistencia da melodía do baixo, o uso dunha progresión de acordes que se repite en cada aparición do baixo, e o ritmo unificado dentro de cada variación, que se move entre os patróns (branca-negra e negra-branca).

Monteverdi e Frescobaldi utilizaron ritmos máis lentos do tipo zarabanda, moi do gusto de Couperin e Lully, que a utilizaban nas súas obras escénicas. Antonio Vivaldi escribiu un exemplo de chacona no primeiro Allegro do Concerto para cordas RV 157. Outro exemplo deste compositor é o tema central (sen tempo) do Concerto de cámara en Fa, RV 100.

Atoparemos outro exemplo italiano na Chacona en sol menor para violín, de Tomaso Antonio Vitali, fillo de Giovanni Battista Vitali (aínda que de dubidosa atribución). Na que con cada variación, aumenta o grao de dificultade, converténdose nunha interesante e complexa peza de estudo.

Francia editar

Lully emprega a chacona como danza nas súas obras escénicas en compás ternario cun destes baixos ostinatos: 8-7-6-5; 8-5-6-5; 1-5-2-5; 1-2-3-4-5. Sempre en modo maior. Tras dúas exposicións do ostinato, hai xeralmente un baixo contrastante. Tempo= 121-159.

Alemaña e evolución editar

En Alemaña, Johann Sebastian Bach comporía a soada Chacona en re menor para acabar a Partita para violín solo n.º 2.[2] Neste exemplo, a chacona baséase na sucesión de temas harmónicos e melódicos no baixo. Esta foi a chacona máis famosa da historia, a súa data de creación é de 1720, cando o mestre estaba en Köthen. Crese que a compuxo trala morte da súa esposa María Bárbara Bach, polo que moitos a consideran máis próxima ao lamento que á chacona.

 

Este lamento mencionado na obra de Johann Sebastian Bach, como herdanza de Claudio Monteverdi, baséase e evidencia en moitas seccións da peza nas que aparecen movementos cromáticos descendentes. Esta composición ademais destacou pola súa longa duración (de 15 minutos), a súa dificultade técnica, así como as corais luteranas que a integran.

Esta peza sería clave no repertorio para violín, sendo considerada unha das pezas máis complexas compostas para este instrumento, debido a que abarca todos os aspectos da técnica de violín barroca.

España editar

Juan Arañés, compositor español compuxo a famosa chacona A la vida bona, tamén coñecida como El sarao de la chacona, na que, lonxe do lamento, canta á diversión sa e á alegría da xente da súa época. Esta está incluída no seu libro Segundo de tonos y villancicos, publicado en 1624 en Roma, que contén numerosas cancións a unha, dúas e catro voces, con acompañamento de guitarra. A letra, que está nun perfecto castelán popular do s. XVII, é unha burla da sociedade e dos seus arquetipos: negros, xitanos, prostitutas, médicos etc.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Thomas Schmitt: Passacaglio ist eigentlich eine Chaconne. Zur Unterscheidung zweier musikalischer Kompositionsprinzipien. En: Frankfurter Zeitschrift für Musikwissenschaft, 13 (2010), pp.1–18
  • Samuel Rubio: Historia de la música española. Tomo 2. Desde el ars nova hasta 1600. Alianza Editorial. 1983.
  • Dir: Emilio Casares Rodicio: Diccionario de la Música: Española e Hispanoamericana. Tomo 3. Sociedad General de Autores y Editores. 1999.
  • SADIE, Stanley E.: The new Grove dictionary of music and musicians. 1980.
  • WALTER HILL, John.: La Música Barroca: Música en Europa occidental, 1580-1750. Ediciones Akal. 2008.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

 
Chacona antiga, obra de Juan Arañés,
de principios do século XVII.