Abrir o menú principal

Cepesca é a sigla coa que se coñece a Confederación Española de Pesca, alianza empresarial constituída en 2007 pola unión das tres principais patronais pesqueiras do Estado español —a Federación Española de Organizacións Pesqueiras (FEOPE), a Federación Española de Armadores de Buques de Pesca (FEABP) e a Organización Nacional de Asociacións Pesqueiras (ONAPE)—, alianza que deu como resultado un coloso empresarial da pesca europea: 41 asociacións de armadores de pesca —17 andaluzas, 13 galegas, 4 catalás, 2 valencianas, 2 vascas, 1 cántabra e 2 madrileñas—, 1 200 empresas pesqueiras, 1 400 embarcacións, 19 800 tripulantes e 350 000 toneladas de arqueo, o 75 % do total de España.

Estas cifras non só fan da Cepesca a organización máis importante do sector en Europa, senón tamén "unha das máis representativas do mundo", segundo fontes da nova confederación, que integra a toda a frota atuneira conxeladora, ao 90 % do palangre de fondo, a case toda a frota palangreira de superficie, á práctica totalidade dos arrastreiros da Organización de Pescarías do Atlántico Norte (NAFO) e ao 95 % da frota do Gran Sol, á parte de representar a un bo número de armadores doutros segmentos de actividade.

A alianza das tres patronais é "un logro sen precedentes en España", e inspírase noutras fórmulas que xa se desenvolveron en países como o Reino Unido, Dinamarca, Noruega, Canadá ou Nova Zelandia.

Cepesca nace coa intención de "realizar unha mellor defensa dos intereses económicos e profesionais do sector pesqueiro e pretende converterse "nun interlocutor privilexiado das distintas Administracións". Entre as súas liñas de actuación figuran a loita contra a pesca ilegal, mellorar a competitividade das empresas e fomentar a vocación do pescador.[1]

NotasEditar

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar