Centro Gallego de Buenos Aires

institución da emigración galega en Buenos Aires
(Redirección desde «Centro Galego de Buenos Aires»)

Co nome Centro Gallego de Buenos Aires denomínanse dous centros galegos da capital da Arxentina. Primeiramente o fundado en 1879, desaparecido en 1892, e posteriormente o fundado en 1907. O centro é a única institución correspondente da Real Academia Galega.

Centro Gallego
de Buenos Aires
Logo
Panteón do Centro Gallego no cemiterio de La Chacarita Editar o valor em Wikidata
Tipoedificio, hospital e organización
Data de fundación2 de maio de 1907
Localización
EnderezoAvenida Belgrano 2199
EnBuenos Aires
PaísArxentina
34°36′50″S 58°23′50″O / -34.613983, -58.397299
Na rede
https://centrogallego.ar/
Twitter: centrogallegoba Instagram: centrogallegoba Youtube: UCnM4D2C6FIm31eRUNQqwtIg Galiciana: 7387 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Ao falecer Pascual Veiga, o autor da melodía Alborada galega, realizouse un acto na súa memoria o 31 de outubro de 1906, no antigo Teatro Vitoria. Por mor dese acontecemento, o xornalista José Ramón Lence publicou no Diario Español un artigo que «enfervorizou e mobilizou á colectividade galega, xurdindo neste clima a iniciativa de fundar o Centro Gallego, feito que se concretou o 2 de maio de 1907», e por iso alguén dixo que «… o Centro Gallego naceu dunha canción».

 
Revista del Centro Gallego de Buenos Aires (1932).

O 2 de maio de 1907 reuníronse representantes de varias asociacións galegas e o xornalista Lence, na rúa Alsina 946, casa do presidente do Centro Vigués, Antonio Varela Gómez, asinando a acta de fundación na cal se establecía que a mesma respondía ao obxectivo de «… encher as necesidades de que completamente carece a nosa colectividade».

No mes de xuño de 1907, e con ao redor de 200 socios, o Centro trasladouse a un local alugado da rúa Estados Unidos 1056, onde tiveron lugar as primeiras clases nocturnas de alfabetización. Antonio Varela Gómez presidiu a Comisión Organizadora ata a redacción do primeiro Estatuto, o día 21 de xullo, cando foi elixido presidente Roque Ferreiro.

O 1 de outubro de 1907 comezou a editarse co nome de Rexión Galaica, a primeira publicación realizada pola Institución, que correspondía a un folleto publicado do 5 ao 20 de cada mes. En xaneiro de 1909 o Centro mudouse á rúa Perú 689, lugar no que se instalou un pequeno servizo de curacións que funcionaba baixo o control do Dr. Pablo Rubido, profesional que atendía de maneira gratuíta aos asociados no seu consultorio particular, mentres que as curacións estaban a cargo dun enfermeiro rentado. Dous anos máis tarde foron aprobados os Estatutos que integraron á Institución no Mutualismo.

No ano 1912 o Centro estableceuse na casa de rúa Vitoria (hoxe Hipólito Yrigoyen) 1176, onde se instalaron os primeiros consultorios médicos que dirixía gratuitamente o Dr. Avelino Barrio, primeiro Director Médico. Así mesmo, implantouse a asistencia a domicilio, creándose tamén un consultorio nocturno, que atendía de 20 a 21 horas. Alí funcionaban ademais os servizos de farmacia, fúnebre e de asesoramento xurídico.

A atención médica foise acrecentando e no ano 1914 a Institución xa contaba con dez facultativos. En 1913, durante a presidencia de Laureano Alonso Pérez, apareceu o primeiro número do Boletín Oficial del Centro Gallego, que máis tarde comezou a editarse co nome de Galicia, órgano de comunicación da Institución.

A afluencia de socios continuou e obrigou a adquirir un edificio acorde coas novas necesidades, o que trouxo como consecuencia que no ano 1917, e mercé a unha subscrición popular, fóra adquirido o inmoble de Belgrano 2189, lugar no cal está emprazado actualmente. O mesmo foi comprado en 65.000 pesos, aínda que eran necesarios 41.000 pesos máis para a reedificación, motivo polo cal os integrantes de cada unha das comisións postulantes, vagaron de porta en porta, ata conseguir reunir os fondos. A obra comezou en 1918, inaugurándose o 2 de maio de 1920.

Anos máis tarde fíxose un chamamento á cooperación social, que deu como resultado un grande aumento no ingreso de socios, e novamente unha das primeiras decisións da Xunta Directiva, foi a construción do edificio anexo ao local de Belgrano 2171, facéndose cargo o propio presidente, Alfredo Álvarez, da dirección técnica e da compra de materiais a prezo de almacenistas. En 1923 foi a inauguración, sumando ás salas de clínica e cirurxía, 30 dormitorios cuxo mobiliario foi doado por significativas personalidades.

Entre 1923 e 1926 adquiríronse seis propiedades contiguas ao edificio social, por Belgrano, Pasco e Moreno. Emitíronse «obrigacións de 50 pesos cada unha sen interese, a cobrarse en cotas de 5 pesos mensuais e co compromiso, por parte do Centro, de reintegralas en cotas anuais, non menores do 10%». Como resultado desa subscrición a maioría dos contribuíntes doaron o importe en efectivo.

En 1929 comprouse o inmoble de Belgrano 2159. En 1931 convocouse un concurso de anteproxectos para a construción da primeira parte do Edificio Social nos terreos de Belgrano e Pasco, e elixiuse como gañadora a proposta dos arquitectos Calvo, Jacobs e Giménez. Para a cerimonia, na que se colocou a pedra fundamental, foi traída terra das catro provincias galegas.

A inauguración foi o 2 de maio de 1936. En 1938 adquiríronse dúas propiedades en Pasco 362 e 368, para a prosecución das obras. En 1940 iniciouse a construción da segunda etapa, en Belgrano e Pasco, que foi inaugurada en 1941.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar


 
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.