Cefalalxia

dores e molestias localizadas en calquera parte da cabeza

Cefalalxia, cefalea (do latín cephalaea, e este do grego κεφαλαία, de κεφαλή, cabeza) ou dor de cabeza fai referencia ás dores e molestias localizadas en calquera parte da cabeza, nos diferentes tecidos da cavidade cranial, nas estruturas que o unen á base do cranio, os músculos e vasos sanguíneos que rodean o coiro cabeludo, face e pescozo. Na linguaxe coloquial cefalalxia é sinónimo de dor de cabeza.[1].

Cefalalxia
Clasificación e recursos externos
Representación caricaturesca dunha dor de cabeza, pintura de George Cruikshank (1819).
ICD-10G43-G44, R51
ICD-9339, 784.0
DiseasesDB19825
MedlinePlus003024
eMedicineneuro/517 neuro/70
MeSHD006261
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

As dores de cabeza frecuentes poden afectar as relacións persoais e o emprego.[2] Dáse tamén un gran risco de depresión en persoas con dores de cabeza severas.[2] É un dos síntomas máis comúns na medicina, e unha das razóns máis frecuentes das consultas a especialistas clínicos, pediatras e neurólogos, fisioterapeutas especializados en osteopatía e acupuntura. A cefalea é un síntoma universal no ser humano. Estímase que entre o 90 e o 100% das persoas terán algún tipo de dor de cabeza ao longo da vida.[3]

As cefaleas máis comúns do ser humano son a xaqueca e a cefalalxia tensional. A meirande parte das cefaleas non teñen unha causa subxacente grave e só unha de cada 1.000 das que chegan a necesitar de asistencia médica se deben a un tumor.

Desde a antigüidade coñécese a demanda de asistencial debido a cefalalxias: o trastorno xa é citado nalgúns documentos sumerios e exipcios. Hipócrates refírese, con gran coñecemento, ás cefaleas e individualiza con gran precisión a xaqueca con aura. Posteriormente a estes primeiros achegamento á temática houbo outros tratados cara ao tema ao longo da historia e en especial a partir da segunda metade do século XIX. Con todo non foi ata o ano 1948 cando se sistematizan por primeira vez hipóteses rigorosas (actualmente en parte superadas) sobre a patoxenia das diferentes cefaleas, grazas á publicación de Headache and other head pain Harold Wolff.[4]

Causas

editar

Hai máis de 200 tipos de dores de cabeza. Algúns son inofensivos e algúns son potencialmente mortais. A descrición da dor de cabeza e os achados no exame neurolóxico, determinan se se necesitan probas adicionais e que tratamento é o mellor.[5]

As dores de cabeza teñen unha gran variedade de causas, dende forzar demasiado a vista ata a inflamación das cavidades sinusoidais ou, outras condicións perigosas como encefalite,[6] cancro de cerebro,[7] meninxite[6] ou un aneurisma cerebral. Cando a dor de cabeza aparece xunto cunha ferida na cabeza, a causa é normalmente bastante evidente; aínda que moitas causas das dores de cabeza son de máis difícil diagnóstico. O tipo de dor de cabeza máis común é a dor de cabeza tensional. Moita xente ten dores de cabeza cando teñen fame ou están deshidratados (a deshidratación severa é unha das causas da dor de cabeza despois da borracheira, xa que o alcohol é un diurético).

As dores de cabeza clasifícanse en termos xerais como "primarias" ou "secundarias":[8] Defínense como cefaleas primarias aquelas nas que non existe unha causa estrutural ou metabólica que explique a sintomatoloxía, mentres que nas secundarias a dor de cabeza non é máis que o síntoma dunha outra patoloxía subxacente.[9] Na gran maioría de casos a cefalea é primaria, con todo a cefalea pode ser síntoma doutra enfermidade. Debido ao carácter esencialmente subxectivo da dor de cabeza, o feito de que se dean escasos indicadores clínicos e a falta de marcadores biolóxicos e anatómicos, para facer un diagnóstico da cefalea e a súa diferenciación faise necesario efectuar unha extensa e minuciosa valoración da historia do paciente. Nas cefaleas secundarias é onde a práctica de diversas técnicas médicas (exploración física, exame neurolóxico, neuroimaxe etc.) adquiren maior relevo.[10]

As cefaleas tensionais son debidas á contracción e tensión dos músculos dos ombros, o colo, o coiro cabeludo e a mandíbula, xa que a miúdo están relacionados co estrés, a depresión ou a ansiedade. O feito de traballar demasiado non durmir o suficiente, omitir comidas e consumir alcohol ou alucinóxenos pode facer que as persoas sexan máis susceptibles ás dores de cabeza. Igualmente, as dores de cabeza poden ser desencadeadas polo chocolate, o queixo ou o glutamato monosódico (GMS). As persoas que consomen cafeína poden presentar dores de cabeza cando non obteñen a cantidade diaria usual.

Outras causas comúns poden ser:

  • Realizar unha actividade que obrigue a persoa a manter a cabeza na mesma posición durante moito tempo, como utilizar unha computadora, un microscopio ou unha máquina de escribir
  • Durmir nunha posición anormal
  • Esforzarse demasiado
  • Estreitar a mandíbula ou chiar os dentes

As cefaleas tensionais tenden a darse en ambos os dous lados da cabeza e a miúdo comezan na parte posterior deste e propáganse cara a diante. A dor pode ser xorda ou opresiva, mesmo como unha banda axustada ou unha prensa arredor da cabeza. É posible que se senta dor e rixidez nos ombros, o colo e a mandíbula.

As xaquecas son dores de cabeza fortes e recorrentes que xeralmente están acompañadas doutros síntomas, como trastornos visuais ou náuseas, e tenden a comezar nun lado da cabeza, aínda que a dor se pode diseminar dun lado o outro. É posible que a persoa experimente unha "aura" (síntomas de advertencia que se inician antes da dor de cabeza) e xeralmente sente unha dor intensamente pulsátil e palpitante.

Hai moitos. No Dicionario Enciclopédico de Medicina, aparecen 26 definicións de cefalalxias, entre as que se poden destacar:

  • Cefalalxia asociada co uso ou coa supresión de fármacos, que é producida por diferentes tipos de substancias como nitritos, dipiridamol, betahistina, reserpina, monóxido de carbono, alcohol etc.
  • Cefalalxia tensional, e a cefalalxia crónica diaria, unha forma crónica da cefalalxia. É moi común entre os nenos.[11]
  • Cefalalxia esencial, que non ten unha causa coñecida.
  • Cefalalxia hipertensiva; é orgánica, e débese a unha hipertensión arterial ou a unha hipertensión endocranial.
  • Cefalalxia migrañosa, que é o síntoma principal do acceso de migraña, en crises recorrentes separadas entre elas por intervalos libres de síntomas.
  • Cefalalxia en acios, ou cefalea de agrupamento, que evoluciona con accesos intensos, de curta duración (15-30 minutos) e recorrentes, de dor unilateral localizado nas zonas periorbitaria e frontal, con elevación da temperatura local, inxección conxuntival, lagrimeo, e rinorrea. Pode considerarse como unha variante da migraña.
  • Cefalalxia neurótica ou cefalalxia psicoxénica, que é consecuencia dun conflito psíquico. Pode ser unha cefalea tensional ou unha cefalea orgánica por hipertensión arterial.
  • Cefalalxia oftálmica, ocasionada por patoloxías no ollo como glaucoma, queratite, uveíte ou neurite óptica.
  • Cefalalxia otorrinolaringolóxica, ocasionada por otite, sinusite etc.
  • Cefalalxia orgánica ou cefalalxia sintomática. É a que é consecutiva a algún proceso subxacente: afeccións oculares, afeccións otorinosinusals, alteracións das estruturas craneocervical (cervicoartrose, tumors cerebrais, hipertensión endocranial etc.), repercusións metabólicas (intoxicacións, estados febriles, anemia, vasodilatación farmacolóxica etc.), estados postraumáticos e neuralxias craniais.

O National Institutes of Health (NIH), unha institución do goberno dos Estados Unidos dedicada á investigación médica, clasifica as dores de cabeza nun número relativamente limitado de categorías.[12] Destacando cinco tipos de dor de cabeza fundamentais segundo sexan principalmente de tipo vascular, mioxénico (tensión muscular), de orixe cervical, de tracción, e como resposta inflamatoria.

  • Vascular. O tipo máis común de dor de cabeza vascular é a migraña. Logo da migraña, o tipo máis común de dor de cabeza vascular é a dor de cabeza producido pola febre. Outro tipo de dor de cabeza vascular inclúe a cefalea en acios, que son dores de cabeza moi graves, recorrentes e de curta duración, a miúdo situados a través ou ao redor dos ollos e, a miúdo, sófrese no mesmo momento todas as noites.
  • Mioxénico ou muscular. Parecen implicar o endurecemento ou a tensión dos músculos faciais e do pescozo, e poden irradiar na cara. A cefalea tensional é a forma máis común desta categoría de dor de cabeza.
  • Cervicoxénica. Dores de cabeza de orixe cervical que proceden dos trastornos do pescozo, incluídas as estruturas anatómicas innervadas polas raíces cervicais C1-C3.
  • De tracción ou inflamación. Son síntomas inflamatorios doutros trastornos, que van desde os accidentes cerebrovasculares en infeccións dos seos paranasais. Inclúense varios tipos de dores de cabeza xa mencionados como a cefalalxia tensional, a migraña, e moitos outros.

Clasificación e etioloxía

editar

A cefalalxia en realidade é un síntoma que pode estar orixinado por unha interminable lista de causas. A Sociedade Internacional de Cefaleas (International Headache Society IHS) publica unha clasificación actualizada periodicamente, na cal explícanse de forma detallada as distintas orixes de está afección.[9]

Cefalalxias primarias

editar

Supoñen en torno ao 78% das cefalalxias, tenden a non ser graves, aínda que a dor pode ser moi intenso:

Xaqueca

editar
 
Unha persoa con dor de cabeza

Ver artigo princiapal: Xaqueca

A xaqueca ou hemicrania é un tipo de cefalalxia moi intensa, que pode acompañarse de certos avisos previos, denominados aura. Esta aura antecede ao episodio migrañento e pode ser de varios tipos. Un dos máis comúns é a aura oftálmica, na que o paciente ve unha serie de lampos ou alteracións na súa visión.

Xeralmente a xaqueca causa unha dor incapacitante, e é motivo de baixa laboral. A dor é pulsátil, é dicir, vai e ven en cuestión de segundos. Normalmente comeza nunha parte localizada do cranio para logo espallarse por todo el. A frecuencia de xaqueca é moi variable entre persoas, polo que existen enfermos con episodios ao ano, episodios ao mes, á semana e nalgúns casos cada poucos días.

Durante o proceso, que pode durar ata 3 días, o enfermo padece dor ante sons fortes (fonofobia) e molestias ante a luz (fotofobia). O repouso en cama e o sono axudan á conclusión do episodio. Noutras ocasións é preciso percorrer á medicación. Os antiinflamatorios non esteroides, coma o paracetamol ou o ibuprofeno adoitan ser pouco ou nada efectivos. A carbamacepina e a ergotamina son bos medicamentos. No caso de que unha persoa sufrise de moitos episodios, pode administrarse un tratamento preventivo.

Nuns poucos casos, a xaqueca perpetúase no tempo, enlazando unha xaqueca con outra. É o denominado status migrañento e é unha doenza que require hospitalización e tratamento endovenoso. O mantemento deste estado pode dar lugar a complicacións graves, por exemplo vasculares.

Cefalalxia tensional

editar

Ver artigo principal: Cefalea tensional

Xunto coas xaquecas, é o outro meirande tipo de cefalalxia. A causa é a contracción dos músculos da cabeza ou do pescozo. En moitas ocasións hai causantes coma o estrés ou substancias coma a cafeína. Trátase dunha dor opresiva, como se existise un casco que oprime a testa. Por norma xeral non é unha dor grave nin incapacitante, polo que habitualmente a persoa mantén as súas actividades normais. O exercicio adoita mellorar a dor. O tratamento pode requirir medicación preventiva constante se os ataques son moi frecuentes, ademais do tratamento da dor aguda cando este é moi intenso.[13] Se é preciso pódense empregar medicamentos, preferentemente antiinflamatorios non-esteroides, paracetamol ou metamizol.

Cefalalxia en acios

editar
 
A cefalalxia en acios (The Cluster Headache) debuxo de JD Fletcher.

Ver artigo princiapal: Cefalea en acios

É outro tipo de cefalalxia primaria, con dor en salvas, xeralmente localizados por encima do ollo, no arco supraciliar ou en zonas próximas. As salvas poden ser máis ou menos frecuentes, con posible espallamento por todo o cranio.

Cefalalxia hemicrania paroxística crónica ou hemicrania continua

editar

Ver artigo princiapal: Hemicrania continua

Trátase dunha cefalalxia que se dá nunha metade co cranio, de intensidade moderada. Non é frecuente. O tratamento de elección é o litio.

Outras cefalalxias primarias

editar

Inclúense varios subtipos, entre eles a cefalea asociada á actividade sexual, a cefalea benigna por tose, a cefalea benigna por exercicio e a cefalea hípnica.[14]

Cefalalxias secundarias

editar

Son aquelas que están provocadas por unha enfermidade coñecida. Poden deberse a enfermidades moi diversas e divídense nos seguintes grupos:[15]

1. Cefalea atribuída a traumatismo cranial, cervical ou ambos. Son cefaleas por traumatismo cranioencefálico.
2. Cefalea atribuída a trastorno vascular cranial ou cervical. Son cefaleas de causa vascular, é dicir por alteracións dos vasos sanguíneos, tanto arterias como veas. Están causadas por accidente cerebro vascular, ou por arterite temporal.
3. Cefalea atribuída a trastorno intracranial non vascular. Por exemplo: cefalea por aumento da presión do líquido cefalorraquídeo, cefalea por diminución da presión do líquido cefalorraquídeo, ou cefalea por neoplasia intracranial.
4. Cefalea atribuída a unha substancia ou á súa supresión. Son cefalea por abuso de medicación, drogas ou por síndrome de abstinencia.
5. Cefalea atribuída a infección. Causada por infección intracranial, como a meninxite e a encefalite; ou por infeccións xerais, como a gripe.
6. Cefalea atribuída a trastorno da homeostase: hipoxia, diálise, hipertensión arterial, hipotiroidismo.
7. Cefalea ou dor facial atribuído a trastorno do cranio, pescozo, ollos, oídos, nariz, seos, dentes, boca ou outras estruturas faciais ou craniais. Inclúense as cefalea causada por alteracións do oído, como a otite, dos seos paranasales entre elas a sinusite e do ollo, por exemplo o glaucoma agudo.
8. Cefalea atribuida a trastorno psiquiátrico.

Neuralxias craniais e dor facial central e primario e outras cefalalxias

editar
13. Neuralxias craniais e causas centrais de dor facial. Inclúe a cefalalxia por neuralxia do trixémino, por neuralxia do nervio glosofarínxeo e a cefalalxia por estímulos fríos ou "cefalalxia do xeado".
14. Outros tipos de cefalalxia, neuralxia cranial e dor facial central ou primario. Inclúe todas aquelas cefalalxias que non poden encadrarse en ningún dos apartados anteriores.

Os mecanismos que producen as cefalalxias son diferentes segundo o tipo da mesma:[16]

  • Espasmo ou inflamación dos músculos da cabeza e o pescozo.
  • Distensión, tracción ou dilatación dos vasos sanguíneos da cabeza, incluíndo as arterias e veas tanto do interior do cranio como externas ao mesmo.
  • Inflamación, compresión ou tracción dos nervios sensitivos craniais.
  • Irritación das meninxes na cefalalxia da meninxite por exemplo.
  • Hipertensión intracranial. É dicir aumento da presión do líquido cefalorraquídeo no interior do cranio.

Pode ser unha manifestación da enfermidade de Wernicke.

Diagnóstico

editar

O diagnóstico médico baséase en tres alicerces: Historia clínica, exploración do paciente e probas complementarias.

Historia clínica

editar

É importante coñecer os seguintes datos, que nos axudarán a recoñecer o tipo de cefalea e á súa etioloxía:

  • Sexo, idade, hábitos, profesión, antecedentes persoais e familiares. Tamén a idade de inicio da cefalea, a súa evolución e periodicidade.
  • Presenza ou ausencia de pródromos, características do dor, duración, frecuencia e localización.
  • Síntomas acompañantes, como náuseas, vómitos ou febre.
  • Resposta ao tratamento.

Exploración física xeral e neurolóxica

editar

A exploración orienta ao profesional sanitaria sobre o tipo de cefalea que presenta o paciente. Dependendo dos síntomas acompañantes, o tipo de dor, a idade e os antecedentes poden ser necesarias diferentes tipos de exploracións, cítanse algunhas das que se empregan máis habitualmente:

Exames complementarios

editar

O médico pode recomendar a realización de diferentes probas complementarias en casos seleccionados, en moitas ocasións os datos principais proveñen do interrogatorio e das características localización e intensidade da dor. É usual a solicitude de estudos analíticos, entre eles o hemograma, a VSG e a PCR.

Tamén poden solicitarse radiografías de cranio e columna cervical se se sospéitase sinusite ou lesións óseas e tomografía computadorizada (TAC) ou resonancia magnética nuclear (RMN) para estudar con detalle o tecido cerebral e detectar estruturas anómalas como tumores cerebrais.

Signos clínicos de gravidade

editar

Os seguintes signos ou síntomas poden ser indicativos de procesos agudos ou de maior gravidade, polo que obrigan a un estudo máis exhaustivo e específico:[17]

  1. Inicio brusco con dor de grande intensidade, ou ben durante o exercicio, especialmente se a cefalea é de nova aparición e moi intensa. Podería ser suxestivo dunha hemorraxia subaracnoide.
  2. Curso progresivo, é dicir aumento gradual no transcurso de días ou semanas. Pode indicar o crecemento dunha lesión ocupante de espazo, como un tumor cerebral.
  3. Inicio na idade media da vida, sobre todo se é de carácter progresivo.
  4. Cefalea acompañada por alteracións do nivel de conciencia, signos menínxeos, convulsións ou outros signos neurolóxicos que fagan sospeitar a existencia dun proceso grave.

Tratamento

editar

As dores de cabeza débense controlar diariamente para axudar a identificar a fonte ou o causante dos síntomas. Despois, débese modificar o ambiente ou os hábitos para evitar futuras dores de cabeza. Cando se presenta unha dor de cabeza, anotarase a data e a hora á que comezou, o que a persoa comeu nas últimas 24 horas, a cantidade de tempo que a persoa durmiu a noite anterior, o que a persoa estaba facendo e no que estaba pensando xusto antes de que comezase a dor de cabeza, calquera situación de estrés, a duración da dor de cabeza e o que a persoa fixo para detelo. Logo de certo tempo, a persoa pode comezar a observar un patrón.

Unha dor de cabeza pódese aliviar descansando cos ollos pechados e a cabeza apoiada ou utilizando técnicas de relaxación. Para aliviar as cefaleas tensionais pode ser efectivo un masaxe ou calor aplicada na parte posterior superior do pescozo.

O tratamento varía amplamente segundo a causa e o tipo de cefalea. As mellores opcións para tratar as cefaleas máis comúns son os analxésicos como o paracetamol e os axentes antiinflamatorios non-esteroides (AINEs) como a aspirina, o ibuprofeno e o naproxeno. Con todo é preciso ter en conta que estes fármacos non están exentos de efectos secundarios que en ocasións son graves, por exemplo, o ácido acetilsalicílico non se debe usar con nenos debido ao risco de desenvolvemento da síndrome de Reye. Ademais o abuso dos mesmos pode en determinadas circunstancias agravar o problema. Poden utilizarse en casos de dor de cabeza leve ou moderado que ocorra ocasionalmente. En caso de cefalea intensa, frecuente ou con algún dos síntomas de alarma, debe consultarse sempre co médico e evitar a automedicación.[18]

Historia

editar

O primeiro sistema de clasificación do que se ten constancia foi publicado por Areteo de Capadocia, un médico erudito da antigüidade grecorromana. Fixo unha distinción entre tres tipos diferentes de dor de cabeza: i) cefalalxia, coa que indica unha dor de cabeza temporal de aparición repentina; ii) cefalea, referíndose a un tipo crónico de dor de cabeza; e iii) heterocrania, unha dor de cabeza paroxística nun lado da cabeza. Outro sistema de clasificación que se asemella aos modernos foi publicado por Thomas Willis, en De Cephalalgia en 1672. En 1787 Christian Baur dividiu de forma xeral as cefaleas en idiopáticas (cefaleas primarias) e sintomáticas (secundarias), e definiu 84 categorías.[19]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cefalalxia.
  2. 2,0 2,1 "Headache disorders Fact sheet N°277" (en inglés). outubro 2012. Consultado o 2 de agosto do 2016. 
  3. Año global contra el Dolor de Cabeza. Epidemiología del dolor de cabeza. Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine. Consultado o 02/02/2020 (en castelán)
  4. Titus, Feliu; Acarín, Nolasc (1 de marzo de 2000). "1: Cefaleas, concepto y clasificación". En Elsevier España. Cefalea (en castelá) (2ona Edició ed.). p. 109. ISBN 978-84-8174-507-8. Consultado o 27 de marzo de 2012. 
  5. Scottish Intercollegiate Guideline Network (novembro 2008). NHS Quality Improvement Scotland, ed. Diagnosis and management of headache in adults (en inglés). Edimburgo. ISBN 978-1-905813-39-1. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2011. Consultado o 01 de novembro de 2014. 
  6. 6,0 6,1 National Institute of Neurological Disorders and Stroke, ed. (16-02-2011). "Meningitis and Encephalitis Fact Sheet" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04-01-2014. Consultado o 1/11/2914. 
  7. Cancer Research UK (ed.). "Brain tumour symptoms" (en inglés). Consultado o 1/11/2014. 
  8. Cecilia B Young (3 xaneiro 2012). "The Johns Hopkins Headache Center - Primary Exertion Headache". hopkinsmedicine.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03/05/2014. Consultado o 7/06/2015. 
  9. 9,0 9,1 "The International Classification of Headache Disorders: 2nd edition." (PDF). Cephalalgia (en inglés) 24 (Suplement 1): 150. 2004. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 11 de marzo de 2012. Consultado o 27 de marzo de 2012. 
  10. Acarín; Titus. 2000, páx. 3
  11. 324.cat, ed. (21-06-2005). "El 90% dels nens tenen mal de cap, la majoria d'ells d'origen tensional" (en catalán). Consultado o 25/04/2015. 
  12. Morris Levin; et al. (2008). Oxford University Press US, ed. Comprehensive Review of Headache Medicine (en inglés). pp. 60. ISBN 0195366735. 
  13. Titus, F; Acarín, N; Dexeus, S (2000). Ediciones Harcourt SA, ed. Cefalea (2ª ed.). 
  14. Federico Micheli. Tratado de neurología clínica. 2002. Consultado el 1 de marzo de 2012
  15. "Headache Classification Subcommittee of the International Headache Society (IHS). Clasificación internacional de las cefaleas (2ª edición). Cephalalgia 2004; 24(Suppl. 1):1-160." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2013. Consultado o 06 de xullo de 2013. 
  16. "M. Rufo-Campos: Fisiopatología de la migraña." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de decembro de 2013. Consultado o 30 de decembro de 2013. 
  17. Patricia Belmonte Herrera, Sandra Bernal Durán (2007). Revista Paceña de Medicina Familiar, ed. "Cefaleas" (PDF) (en castelán). p. 5. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27/04/2014. Consultado o 27/01/2014. 
  18. Arroyo Pineda V.: La cefalea en atención primaria. Arquivado 01 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. Boletín farmacoterapeútico de Castilla la Mancha, vol 3, nº 4. Consultado o 27/01/2014
  19. Levin et al. 2008, p. 60.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar