Castro de Montealegre
O Castro de Montealegre é un poboado castrexo da península do Morrazo, situado nun outeiro á beira do mar na parroquia de Domaio (Moaña), moi preto do estreito de Rande. É un castro de especial importancia, non só porque foi un dos primeiros escavados e publicados cientificamente en Galiza, senón tamén pola súa tipoloxía, pola súa situación xeográfica, polos seus petróglifos e, moi especialmente, pola conservación excepcional dalgún dos restos mobles atopados.
Castro de Montealegre | |
---|---|
Parroquia | Domaio |
Concello | Moaña |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade autónoma | Galiza |
Cronoloxía | |
Data da descuberta | década de 1920 |
Períodos de escavación | década de 1920; 2003-2004 |
Estado actual | abandono; deterioración progresiva |
Véxase tamén | |
Castros de Galiza |
Descrición
editarO poboado fortificado atopábase nun estado de conservación relativamente bo, pese ó abandono, ata o grave impacto da construción do corredor do Morrazo (CG-4.1), que atravesa o monte nun túnel pola súa base. Pese a todo, as estruturas defensivas (murallas, foxos, aterrazamentos) seguen a ser facilmente identificables en superficie, especialmente na zona norte. Ademais da construción da nova estrada, o sitio sufriu outras agresións en forma de desmontes de terreo, especialmente na zona sur.[Cómpre referencia]
Intervencións arqueolóxicas
editarO sitio arqueolóxico era coñecido dende principios do século XX, sendo escavado por Antón Losada Diéguez entre outros e ofrecendo materiais moi interesantes. Porén, o lugar foi, en xeral, esquecido durante moitos anos, ata que o monte no que se sitúa foi atravesado polo túnel. Esta obra obrigou á escavación arqueolóxica dunha parte do castro, tanto na ladeira leste como na ladeira oeste, no contexto da arqueoloxía de rescate ou arqueoloxía de urxencia, entre 2003 e 2004. Nesta intervención apareceron restos mobles en magnífico estado de conservación, especialmente nun grande cuncheiro localizado no contorno dunha casa na ladeira leste. Estes obxectos (cerámicas, fibelas etc) foron de excepcional importancia para o coñecemento do comercio a longa distancia entre a sociedade castrexa das Rías Baixas e os pobos mediterráneos da época[1]. Unha parte das estruturas murarias desenterradas non foron destruídas e permaneceron no seu lugar sen que fosen sometidas a ningún tratamento de conservación e restauración. O resultado é que no lugar aínda poden verse os restos destas casas ou estruturas en estado de ruína e deterioración progresiva.[Cómpre referencia] En 2016, o desdobramento do corredor do Morrazo puxo en perigo o xacemento [2].
Outros elementos de importancia
editarNo lugar aparecen varios gravados rupestres que foron declarados BIC no ano 1974 co nome Petróglifo Castro de Montealegre. Outra construción relevante, tanto dende o punto de vista arqueolóxico como etnográfico, é o manancial de auga escavado en forma de mina coñecido como A Cova da Londra, situado na zona norte do castro.
Notas
editar- ↑ González-Ruibal, Alfredo et al. 2007. "Comercio mediterráneo en el castro de Montealegre (Pontevedra, Galicia). Siglo II A.C. - inicios del siglo I D.C.", Archivo Español de Arqueología, 80: pp. 43-74 (en castelán).
- ↑ "Un dos castros galegos case desaparecerá por unha estrada". novembro de 2016.
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Cultura castrexa |
Bibliografía
editar- Aboal Fernández, R. e Castro Hierro, V. (coords.). 2006. O Castro de Montealegre. Moaña, Pontevedra. Noia, Editorial Toxosoutos. ISBN 84-96673-10-3.
- Losada Diéguez, Antonio Excavaciones en Montealegre (Domayo), provincia de Pontevedra, 1925. Junta Superior de Excavaciones y Antigüedades, Madrid, Revista de Archivos, 1927 (en castelán).
Ligazóns externas
editar- Información turística blog, 19/8/2007 (en castelán).