Caso das fotografías de Alberto Núñez Feijóo con Marcial Dorado

escándalo político

O caso das fotografías de Alberto Núñez Feijóo con Marcial Dorado, en ocasións citado como escándalo das fotos con Marcial Dorado fai referencia ao escándalo político en Galicia tras a publicación dunhas fotografías no xornal El País o 30 de marzo de 2013, onde aparecía o Presidente da Xunta de Galicia, o político do Partido Popular Alberto Núñez Feijóo, xunto ao narcotraficante Marcial Dorado[1]. A publicación da información puxo en evidencia a relación de amizade entre o político galego e o narcotraficante, os cales chegaron a realizar viaxes xuntos.

Escándalo das fotos con Marcial Dorado
Data:30 de marzo de 2013
Fornecedor:El País
Implicados:Alberto Núñez Feijóo
Marcial Dorado

As polémicas fotos foron tiradas nunha embarcación recreativa no ano 1995. Por aquel entón, Dorado era xa un recoñecido narcotraficante residente na Illa de Arousa, que fora xa detido en dúas ocasións.[2] Pola contra, Feijóo ocupaba un posto destacado na Administración galega, no departamento de Saúde, sendo o "número dous" do daquela conselleiro, Romay Beccaría.[2]

Ademais das fotografías no barco de Dorado, a relación entre Feijóo e o contrabandista incluíu invitacións persoais á súa mansión na Illa de Arousa, e tamén visitas a un domicilio en Baiona entre 1995 e 1998.[2] O propio Feijóo recoñeceu ter realizado viaxes co narcotraficante a Cascais, en Portugal, e a Andorra.[2]

Reaccións políticas e sociais editar

 
Alberto Núñez Feijóo, nun intre da súa comparecencia ante a prensa pola aparición de fotos súas cun narcotraficante.

O 1 de abril dese mesmo ano, dous días despois da publicación das fotografías, o daquela Presidente da Xunta de Galicia compareceu no Parlamento Galego para dar explicacións sobre o feito. Feijóo non negou a súa relación co narcotraficante, pero asegurou que non tiña coñecemento de que este se adicase ao contrabando, e que no momento no que o soubo cesou a súa relación con el. Na súa comparecencia parlamentaria declarouse vítima dun plan para amedrentalo. Días máis tarde, Manuel Vázquez Padín, testemuña protexida na operación Nécora contra o narcotráfico en Galicia, declarou nunha entrevista na Cadena SER que era "imposíbel" que Feijóo non soubese a que se adicaba Dorado.[3]

Feijóo non dimitiu como esixía a oposición, pese a que el mesmo pedira a dimisión de Anxo Quintana, antigo Vicepresidente da Xunta de Galicia, cando se publicaran unhas fotografías nas que saíra cun empresario.[4]

Por outra banda, o voceiro nese momento do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, acusou a Feijóo nunha sesión parlamentario de "narcopresidente".[5]

O xornal La Voz de Galicia publicou unha enquisa na súa páxina web na que participaron máis de 2 700 internautas, onde se afirmaba que o 75 % dos votantes pensaban que o escándalo non erosionara a carreira política de Feijóo.[6]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar