Casas baratas

obra literaria de Antón Riveiro Coello

Casas baratas é un libro escrito por Antón Riveiro Coello, publicado en 2005.

Casas baratas
Autor/aAntón Riveiro Coello
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónLiteraria nº 222
Xénero(s)relatos
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.novembro de 2005
Formatoedición rústica cosida a fío
Páxinas204
ISBNISBN 978-84-8288-852-1
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

A obra está composta por 16 relatos, ambientados na infancia e adolescencia do propio autor no barrio das Casas Baratas de Xinzo de Limia, desde que os seus pais se mudan ao piso.

Nárranse aspectos cómicos e tráxicos da vida cotiá nos últimos anos do franquismo, cunha forte emigración do rural cara ás vilas e cidades. O protagonista, fillo dun garda municipal e dunha costureira, fala das súas vivencias familiares, escolares, amorosas e culturais. O resto de habitantes do barrio forman un conxunto de personaxes secundarias cun papel moi importante na narración, coma os compañeiros da escola, os veciños (cos seus diferentes empregos) ou as autoridades.

  • "Neve" lembra o día en que os pais, sendo el aínda ben pequeno, se mudaron ao piso no barrio das Casas Baratas, cando aínda estaban nos arrabaldes da vila, antes da expansión urbanística posterior. A nai está sumamente sorprendida e contenta ante ao mirar certas comodidades coas que non se contaba anteriormente, coma a estufa de butano ou o retrete con cisterna.
  • "O cárcere" fala do tempo en que o pai foi garda da prisión municipal. Tamén se fala da profesión materna, que tapiza unha cadeira que tiña esculpidas o xugo e as frechas, símbolos da Falange Española.
  • "As cinsas do señor Medardo" fala de Medardo, o enterrador, que non quería ser soterrado ao falecer, senón ser incinerado. Como o pai de Antón axudou a coller o corpo trala súa morte (en maio de 1971), no seu cabodano a súa irmá convidou a comer á familia de Antón. Pero nunha terrible confusión, bótalle as cinsas do seu irmán ao arroz con leite que preparou de sobremesa.
  • "Don Cipriano" era un veciño que vive só no barrio, moi estraño, funcionario municipal e moi aforrador. Logo de que non asista ao traballo, o pai de Antón vaille preguntar se está ben. Tras moito insistir, Cipriano pide que avisen ao seu irmán para que o recolla. O seu irmán, que aparece nun automóbil espectacular, resulta ser o Gobernador Civil, pois o pai de Antón lembra que o mirara durante a canalización da lagoa de Antela.
  • "A bicicleta do contrabandista" conta a historia de Benito Roxo, un xastre comunista chegado trala guerra civil española dunha vila á beira do río Guadiana. A súa bicicleta vendéralla ao seu pai un contrabandista portugués, que pasaba bicicletas de estraperlo coa escusa de levar area e tellas portuguesas a España para construír unha casa. Esta historia contáralla o xastre a Os pallasos da tele, que a farían posteriormente famosa.
  • "Á primeira" fala da expectación creada na vila pola chegada de Sancho Gracia e un equipo de TVE para rodar unha escena da serie Los camioneros. Entre os gardas municipais fan un casting e resulta escollido o pai de Antón. A gravación desa escena sae á primeira, o cal provoca unha grande admiración do pobo polo seu garda.
  • "Circo mundial" fala da creación dun espectáculo por Antón e os seus amigos, no que se facían actividades diversas, para goce dos seus amigos.
  • "O pintor de Pombas" fala da historia dun estraño que chega á vila e pinta portas nas paredes. Segundo el conta, traballara en prisións e no psiquiátrico de Toén, pintando portas e mulleres para animar os internos.
  • "O lobo branco" fala da morte dun cativo, Luis, e da marcha da súa familia da vila. Luis e os seus dous irmáns recibían malleiras do seu pai, Garda Civil, e o medo a unha malleira tras non asistir a misa, provoca que Luis teña un accidente mortal.
  • "Franco é morto" fala dun inmigrante, Matías, que aparece morto de madrugada. A morte é relacionada polos veciños co alcoholismo do morto, pero Antón non está seguro de que se deba a iso. Ao día seguinte descobre unha pintada co texto que dá nome ao relato.
  • "Suspenso en matemáticas" está ambientada nun verán. Logo de Antón suspender as matemáticas, o pai lévao con el para traballar de peón (pois tamén facía traballiños de fontanería trala introdución da auga corrente). Dado que o rapaz non serve para iso, o pai dille que vaia cobrar as facturas que a veciñanza ten pendente con el, e que lle dará un 10 % do cobrado. Co seu método de ser agarimoso e de provocar mágoa, comeza a conseguir importantes sumas de cartos, polo cal ve como unha posibilidade suspender de novo no curso seguinte.
  • "A ollada de Miguel" fala dun curmán seu moi sedutor ao que lle gustan as rapazas máis feas, que lle pide axuda para redactar unha carta para conquistar unha moza de Chaves.
  • "As bolboretas de Cupido" narra os seus inicios amorosos e sexuais, confesando que as súas reservas e timidez lle resultaron un problema nas súas relacións coas mulleres até que perdeu a virxindade cunha prostituta.
  • "Verbenas" fala de Marcial de Parada, un home maior e rico que regresara da emigración, que tiña por maiores diversións as verbenas e os prostíbulos, sendo ben respectado tanto polos músicos como polas prostitutas. Porén, non logrou cumprir o seu maior anhelo, que era falecer nunha verbena.
  • "Mister López & Friend" fala dunha escapada a Madrid cun rapaz maior do instituto para ir ver a actuación de Deep Purple no estadio Vicente Calderón. Antón era guitarrista dunha banda chamada Sacho, e o seu maior heroe era Ritchie Blackmore, ao que logra coñecer.
  • "O pavo voador" fala dunha brincadeira realizada por Antón e unha curmá aos seus avós maternos no día dos santos Inocentes, como desquite polas falcatruadas do seu avó. Tras falar con amigos e coñecidos, fanlle crer aos avós que están interesados en mercarlle un pavo voador para o Circo dos Muchachos de Tosende, dirixido por Jesús Silva Méndez.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar