Casaio, Carballeda de Valdeorras

parroquia civil do concello de Carballeda de Valdeorras

Santa María de Casaio é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Carballeda de Valdeorras. Segundo o padrón municipal (INE 2011) ten 421 habitantes (221 homes e 200 mulleres), o que supón unha diminución en 17 habitantes en relación ao ano anterior.

Casaio
Igrexa parroquial
ConcelloCarballeda de Valdeorras[1]
ProvinciaOurense
Coordenadas42°20′24″N 6°48′21″O / 42.339894444444, -6.8058805555556
Poboación421 hab. (2011)
Entidades de poboación1[1]
editar datos en Wikidata ]

Malia figurar como unha entidade única, Casaio está formado por catro barrios: Casaio Suso, Romiña, Somoza e Cadanaia. A parroquia está situada a case 1200 m de altitude, nos montes de Lardeira, que na súa crista serven de límite coa comarca leonesa de Cabreira. O seu clima é de tipo oceánico de montaña, e na parroquia está o teixedal de Casaio.

Historia

editar

A primeira mención documentar de Casaio, corresponde ao Parrochiale Suevum, do século VI, en que aparece como Cassavio, figurando como unha das parroquias galegas da época (e xunto con Geurros, como as dúas únicas valdeorresas), mais pertencente a diocese de Ourense (hoxe é da diocese de Astorga). Aparece tamén documentado no século XI. Durante a Idade Media, Casaio, formou parte da subtenencia da Ribeira -que correspondía á cunca do río Casaio-, que era parte da tenencia do Valdeorras.

Desde o século XV, Casaio, xunto coa veciña parroquia de Lardeira, formou parte da xurisdición da Cabreira, exercida polo marquesado de Vilafranca, con casa nobre en Vilafranca do Bierzo. A comezos do século XVI (1509), os veciños de Casaio e Lardeira, efectuaron un contrato foral cos marqueses de Villafranca, polo que pagarían unha indemnización anual polo dereito á explotación dos montes incluídos nos lindes parroquiais. No Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal de Sebastián Miñano (1826) indícase que tiña 307 habitantes e que pertencía á provincia de León[2]. Tras a división territorial de España en 1833, Casaio pasou a formar parte do concello de Carballeda de Valdeorras e da provincia de Ourense.

A situación na montaña, que era relativamente illante durante o Antigo Réxime, dado o predominio dunha economía de subsistencia, converteuse nunha rémora desde a Revolución industrial, pois Casaio, e en xeral toda a cunca do río Casoio, fica afastada da beira do Sil, que é por onde pasa o ferrocarril e a estrada N-536. No entanto, o acceso a Casaio e resto da cunca aludida, contaban só con camiños de bestas, ou ben simples sendas, como únicas vías de comunicación.

A finais do século XIX comezou a proxectarse a explotación das minas de Valborraz, con estudos xeolóxicos. A comezos do século XX a empresa belga Mines de Wolfram de Balborraz mercou os dereitos de explotación, herdados do foro asinado no século XVI, e comezaron a explotación industrial do xacemento, que estivo activa até 1928. En 1938 a explotación pasou a mans de axentes da Alemaña nazi, a través dun consorcio hispano-alemán, para conseguiren volframio. En novembro de 1942, no marco da segunda guerra mundial, comezaron a chegar das prisións de Celanova, Santa Isabel (Santiago de Compostela) e Ourense presos represaliados polo franquismo como parte da man de obra, até 463 procedentes de todo o Estado, aos que se lles daba unha cartilla de redención de pena. A explotación pechou o 1 de xullo de 1944, despois da batalla de Normandía, mais seguiu activa entre 1952 e 1963, aínda que con menor carga de traballo.
En 1938, coa chegada dos alemáns á explotación, abriuse unha pista para que puidesen acceder camións e maquinaria, o que significou a rotura do illamento para Casaio e outras localidades da marxe dereita do río Casaio, como Viladequinta, A Portela e O Trigal. Esta vía de comunicación (actual estrada OU-122) supuxo o primeiro contacto da poboación autóctona cos métodos de traballo capitalista[3].

O foro do século XVI derivou nun obstáculo a mediados do século XX, pois cando se descobren filóns de lousa en tales montes, o marquesado alegou os seus dereitos. Despois de anos de preitos, a comunidade de veciños pagou unha elevada indemnización ao marquesado de Vilafranca, que lles permitiu pasar a explotalos en cooperativa ou en pequenas empresas, aínda que nesa altura outras firmas xa arrendaran terreos de canteiras. Desde estes momentos, Casaio converteuse, pero por pouco tempo, nun dos centros louseiros máis dinámicos do Valdeorras, dada a súa proximidade a boa parte das canteiras, mesmo acudiría unha numerosa colonia de orixe portuguesa -na súa maior parte de Tras os Montes- como traballadores inmigrantes, de xeito que se chegou dicir que en Casaio había máis portugueses que veciños propios. Porén este auxe durou só uns anos; por unha banda, a estrada ata Casaio era, e é, demasiado estreita para a circulación crecente de camións e outros vehículos e necesitábase solo industrial, con todas as súas dotacións, para un proceso de facturación que aumentou o seu mecanizado, o que fixo que as empresas preferisen outros lugares para asentar as súas naves-fábricas; por outra banda, Casaio carecía de servizos básicos para unha poboación que medraba: falta de farmacias, médicos, locais de lecer, centros de ensino secundario etc. En consecuencia, boa parte da poboación trasladouse para Sobradelo (a 15 km), O Barco de Valdeorras (a 19 km de distancia) ou outros lugares.

 
Primeiro albergue de montaña de Fonte da Cova.
 
Capela nova de San Xil no acceso ás minas de Valborraz.

Un segundo chanzo na modernización da parroquia foron os intentos de explotación do turismo de montaña, centrados sobre o macizo de Pena Trevinca, especialmente montañismo e esquí. O impulsor destas actividades foi o médico do Barco Gonzalo Gurriarán, que lograría crear durante os anos 40 o Club Peña Trevinca, con sede no Barco, e a construción dun refuxio de montaña na paraxe do porto de Fonte da Cova, a máis de 1800 m de altura. Posteriormente, ergueríase no mesmo lugar un hotel, que sería abandonado. Porén, estes intentos non lograron obter unha dinámica suficientemente industrial, aínda que subsiste o refuxio e o club, debéndolle moitos valdeorreses, a ambas cousas a súa iniciación aos deportes de montaña: esquí, alpinismo, sendeirismo etc.

Na igrexa de Santa María de Casaio destaca o seu retablo manierista, do século XVI, trazado por Gaspar Becerra, e tallado polo seu discípulo Pedro de Bilbao. Estes artistas tiveran durante un tempo o seu centro de actividade en Astorga, sede do bispado no que se inclúe todo o Valdeorras.

Nos montes de Casaio, en zona de non doado acceso, está a ermida (cun retablo do século XIV) de San Xil, dedicada a ese santo, que segundo a documentación a respecto, aínda que de vida un tanto escura, foi ermitán nesa zona. Polo de agora é o único santo valdeorrés recoñecido oficialmente.

Na aldea de Romiña hai outra capela.

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Casaio

editar
Lugares da parroquia de Casaio no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense)

Casaio

Parroquias de Carballeda de Valdeorras

editar
Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Carballeda de Valdeorras

Candeda (San Bernabeu) | Carballeda (San Vicenzo) | Casaio (Santa María) | Casoio (San Xulián) | Domiz (San Bernabeu) | Lardeira (San Tirso) | A Portela do Trigal (Santa Ana) | Pumares (San Martiño) | Pusmazán (San Mateo) | Riodolas (Santa María) | Robledo (Santa María) | San Xusto (San Xusto) | Santa Cruz (Santa Cruz) | Sobradelo (Santa María) | Soutadoiro (Santa Isabel) | Vila (Santa María Madanela) | Viladequinta (San Pedro)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar