Casa da Moeda de San Petersburgo

ceca pública rusa
(Redirección desde «Casa de Moeda de San Petersburgo»)

Coordenadas: 59°56′59″N 30°18′53″L / 59.94972, -30.31472

A Casa da Moeda de San Petersburgo (en ruso: Санкт-Петербу́ргский моне́тный двор)[2] é unha ceca pública rusa con sede na fortaleza de San Pedro e San Paulo, en San Petersburgo, fundada en 1724 por Pedro o Grande.

Casa da Moeda de San Petersburgo
Санкт-Петербу́ргский моне́тный двор


Sede da
Casa da Moeda de San Petersburgo
na fortaleza de San Pedro e San Paulo

TipoEntidade pública.
Fundación1724.
MatrizGoznak (empresa pública).
Localización San Petersburgo
Rusia Rusia
FundadorPedro I.
Persoas claveKonstantin Nikolaevich Krokhmal (director).[1]
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas, medallas e condecoracións.
Notas

Marca de ceca actual da
Casa da Moeda de San Petersburgo
Na rede
https://spmd.goznak.ru/
editar datos en Wikidata ]

A compañía forma parte da corporación pública centralizada Goznak.

Historia editar

Século XVIII editar

 
Medalla (1790) conmemorativa do Tratado de Georgievsk, cuñada na Casa da Moeda de San Petersburgo.

Considérase como data da súa fundación o 12 de decembro de 1724, cando Pedro I de Rusia ordenou a cuñaxe dunha moeda de ouro na fortaleza de San Pedro e San Paulo. Naquela primeira emisión inscribíronse as letras "БМ", que se mantivo como marca de ceca da Casa da Moeda de San Petersburgo ata 1914.[3]

Nesta ceca cuñáronse moedas rusas de platino, ouro, prata e cobre de todos os valores, así como moedas para outros estados, como ducados dos Países Baixos (1768-1869) ou piastras otomás (1808-1809).[3]

A época de Catarina II (1762-1796), marcada por unha florecente situación económica e cultural en Rusia, converteuse no período de maior produción de moeda na ceca de San Petersburgo no século XVIII.[3] E en paralelo á cuñaxe da moeda, a actividade da ceca tivo neste século moita influencia no desenvolvemento da tecnoloxía rusa. A mediados do século estableceuse nela a División de Metais Nobres, que desempeñou un importante papel nos estudos e nos descubrimentos rusos en ámbitos como a química ou a metalurxia. [4]

Século XIX editar

 
Moeda de 2 kopeks do Imperio Ruso (1889) cuñada na Casa da Moeda de San Petersburgo.

Ademais das moedas, a Casa da Moeda de San Petersburgo produciu historicamente medallas de alta calidade artística e foi sede dunha recoñecida escola de gravadores, moi activa nos séculos XVIII e XIX.[4] De entre os medallistas da época do cambio de século destacan os Griliches, pai e fillo (Avenir Grigorievich e Avraam Avenirovich). Xuntos traballaron na casa da moeda durante máis de 30 anos e a eles débenselles máis de 200 medallas artísticas.[5]

Na segunda medade do século XIX, a Casa da Moeda de San Petersburgo converteuse na ceca rusa máis importante e, logo do pechamento da Casa da Moeda de Varsovia e da Casa da Moeda de Ekaterimburgo, quedou como a única en actividade en todo o Imperio Ruso.[5]

Na derradeira metade do século a ceca tivo unha profunda modernización da súa actividade. Adquiriuse equipamento máis moderno, substituíronse as antigas prensas de vapor por outras eléctricas e o seu cadro chegou a estar composto por arredor de 800 traballadores.[5]

Século XX editar

Nos inicios do novo século continuou a expansión e a modernización da ceca, e aumentou o número de obxectos no seu catálogo de produción, ao tempo que seguía a ser o centro da medallística rusa. A súa potente base tecnolóxica permitíalle atender encargas de grandes volumes de produción de moeda.[6]

Mais a Revolución de febreiro de 1917 ocasionou cambios severos na Casa da Moeda de San Petersburgo. Os traballadores dividíronse en grupos consonte a súa orientación ideolóxica, despedíronse os xerentes e os enxeñeiros máis talentosos e comezaron os recortes na produción. En setembro de 1918 había na ceca 755 traballadores, dos que 243 foron despedidos o 1 de outubro dese mesmo ano.[6]

 
Medalla Nakhimov (1944), producida por Goznak na Casa da Moeda de San Petersburgo.

En 1920, cando permanecían na ceca unicamente 148 operarios e 34 oficinistas, o número de encargas comezou a incrementarse, particularmente pola decisión das novas autoridades de producir nela, ademais das moedas, selos de correos, fichas conmemorativas e outros obxectos oficiais. Os ingresos en 1920 ascenderon ata os 20 millóns de rublos.[6] O ascenso na produción foi tan significativo que o 1 de setembro de 1921 xa contaba con 535 empregados e en abril de 1924 se acadou o máximo da década de 1920, con 2.450 traballadores.[7]

A segunda guerra mundial supuxo unha nova crise na Casa da Moeda de San Petersburgo. En agosto de 1941, algúns equipamentos da ceca e 30 operarios foron trasladados a Krasnokamsk, nos Urais, antes do asedio de San Petersburgo, que comezou o 8 de setembro. A principios de 1946, cando a ceca de Krasnokamsk estaba en condicións de regresar a San Petersburgo, o seu cadro ampliárase a 700 traballadores, dos que se despediron 670, e o resto dividiuse entre a Casa da Moeda de Moscova e a de San Petersburgo. A finais de 1946, os equipamentos, as materias primas e os arquivos foron trasladados novamente a San Petersburgo.[8]

 
Moeda de 150 rublos da época soviética, da Casa da Moeda de San Petersburgo.

A finais da década de 1940, a ceca fixouse o obxectivo de restaurar a súa produción aos niveis de antes da guerra. Na década de 1950, ademais das encargas de moeda ordinaria, comezaron a producirse cuñaxes por encarga privada e a producirse medallas de premios e moedas para o seu uso en diversos países da órbita soviética, como Bulgaria, Mongolia, Romanía, Albania, Checoslovaquia e mesmo Corea.[9]

En 1965 cuñouse en San Petersburgo a primeira moeda conmemorativa, en lembranza do vixésimo aniversario da vitoria na segunda guerra mundial. A simultaneidade de produción de moeda circulante e conmemorativa xa non se detivo ata os nosos días.[10]

 
Moeda conmemorativa de 25 rublos de 2008 cuñada na Casa da Moeda de San Petersburgo.

Século XXI editar

No século XXI, a Casa da Moeda de San Petersburgo é unha das cecas de maior produción do mundo. Nela cúñanse as moedas circulantes en Rusia en todos os seus valores faciais, e tamén as doutros países, así como moedas conmemorativas e de investimento, medallas, insignias, condecoracións e outros obxectos diversos.[11]

Marcas de ceca editar

Estas son as marcas de ceca utilizadas pola Casa da Moeda de San Petersburgo ao longo da súa historia:[12]

Marca de ceca Período
БМ 1796 - 1796
СМ 1796 - 1801
СП 1798 - 1800
СПБ 1724 - 1915
СПМ 1757 - 1847
ИМ 1810 - 1821
1840 - 1843

Premios acadados editar

Premio Moeda do Ano editar

Artigo principal: Premio Moeda do Ano.

Desde 1984, a editora estadounidense Krause Publications concede o Premio Moeda do Ano, en dez categorías. Estes son os premios acadados por moedas cuñadas pola Casa da Moeda de San Petersburgo.[13]

 
10 som de 2011 cuñados para Kirguizistán, premiada en 2013.

Notas editar

  1. "Management". The Moscow Mint. Goznak.ru
  2. En determinados momentos, a cidade tomou as deniminacións oficiais de Petrogrado (1914-1924) e de Leningrado (1924-1991), co conseguinte cambio no nome da ceca. Neste artigo utilízase en todos os caos a denominación "Casa da Moeda de San Petersburgo".
  3. 3,0 3,1 3,2 "The Mint in the second half of the 18th century Arquivado 04 de marzo de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
  4. 4,0 4,1 "The Mint in the first half of the 19th century. Outstandlng medalists of the mint Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
  5. 5,0 5,1 5,2 "The Mint in the second half of the 19th century Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
  6. 6,0 6,1 6,2 "The Mint at the beginning of the 20th century Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
  7. "The 1920s – 1930s: the first soviet coins developmenent of the coin and order production Arquivado 05 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
  8. "The Mint during the war Arquivado 05 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
  9. "The Mint in the 1940s-1950s Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
  10. "The Mint in the 1960s-1980s Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
  11. "History Arquivado 02 de marzo de 2021 en Wayback Machine.". The Moscow Mint. Goznak.ru
  12. "Russian Coin Mint Marks Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Russian Coin World.
  13. Scarinci, D. (2015). "introduction". En Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
  14. "Krause Publications Announces 2013 Coin of the Year Winners Arquivado 01 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". En Coin Week. 10 de decembro de 2012.
  15. "2013 awards". En Scarinci, D. (2015).
  16. "2003 awards". En Scarinci, D. (2015).
  17. "1997 awards". En Scarinci, D. (2015).
  18. "1994 awards". En Scarinci, D. (2015).
  19. "1988 awards". En Scarinci, D. (2015).
  20. "1992 awards". En Scarinci, D. (2015).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar