Casa da Moeda de Melbourne

antiga casa de moeda australiana

Coordenadas: 37°48′44″S 144°12′24″L / -37.81222, -144.20667

A Casa da Moeda de Melbourne (en inglés: Melbourne Mint), foi unha casa de moeda establecida en 1872 en Melbourne, Australia, daquela como ceca sucursal da Royal Mint do Reino Unido, e que mantivo a súa actividade logo da independencia de Australia en 1901, ata o cesamento das súas actividades en 1970.

Casa da Moeda de Melbourne
Melbourne Mint
Escudo de armas da Casa da Moeda
no portal de acceso ao recinto.



Edificio sede da
Casa da Moeda de Melbourne


TipoEstatal
Fundación1872
MatrizGoberno de Victoria.
Localización Melbourne
Australia Australia.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
editar datos en Wikidata ]

O edificio da antiga Casa da Moeda é a sede do Museo Helénico de Melbourne.

Historia editar

O establecemento dunha ceca sucursal da Royal Mint en Melbourne foi un asunto tratado en varias ocasións durante a segunda metade do século XIX. Neste sentido, as dúas cámaras lexislativas da colonia de Victoria enviaron senllas solicitudes ao Parlamento da metrópole, unha datada en decembro de 1859 e a outra en maio de 1864. En setembro de 1867, a Asemblea Lexislativa de Victoria aprobou unha lei pola que se dispuña un financiamento permanente para a Casa da Moeda proposta.[1]

A solicitude foi atendida e a Casa da Moeda de Melbourne comezou as súas operacións o 12 de xuño de 1872. Foi a segunda sucursal da Royal Mint fóra de Inglaterra, logo do establecemento da Casa da Moeda de Sydney en 1855.[2][3] Do mesmo xeito que nesta última, non tiña a potestade de fabricar os cuños, senón que estes eran enviados desde a metrópole, dotados coa marca de ceca M (Melbourne). [1]

A principal misión inicial desta ceca era a purificación do mineral de ouro e a cuñaxe de soberanos e medios soberanos dese metal, aínda que tamén elaboraba medallas, como as concedidas a sociedades agrícolas ou as relacionadas coas grandes exposicións.[2][3]

O seu financiamento corría exclusivamente a cargo do Goberno de Victoria, inicialmente como colonia e posteriormente como estado da Commonwealth de Australia. En 1916 foi a primeira ceca do país en producir moedas de prata para a Australia independente e en 1919 iniciou a cuñaxe de moedas de cobre. Tamén foi a primeira ceca do país en cuñar moeda decimal do sistema do dólar australiano, en 1964.[2][3]

Coa apertura da Real Casa da Moeda de Australia en Camberra en 1965, o Tesouro deixou de encargar a cuñaxe da moeda australiana en Melbourne, e tampouco se daba a suficiente demanda de purificación e ensaio de mineral de ouro, o que levou a que o 1 de xullo de 1970 se lle retirase a condición de ceca sucursal da Royal Mint.[2] Os arquivos do período completo da súa actividade consérvanse na Oficina de Rexistros Públicos de Victoria.[3]

Moedas cuñadas na Casa da Moeda de Melbourne

Directores da Casa da Moeda de Melbourne editar

Esta é unha listaxe dos máximos dirixentes (Deputy Masters) da Casa da Moeda de Melbourne ao longo de case un século de existencia:[1]

  • 1867-1877: Edward Wolstanholme Ward.
  • 1878-1884: Vernon Delves Broughton.
  • 1885-1895: George Anderson.
  • 1895-1904: Robert Barton June.
  • 1904-1915: Edward Stanfield Wardell.
  • 1915-1921: Matthew Lawson Bagge.
  • 1921-1926: Albert Malet LeSouef.
  • 1926-1931: William Mosette Robins.
  • 1932-1935: Hugh Douglas McCay.
  • 1936-1941: Ernest Thomas Clucas.
  • 1942-1954: Oswald Garnet Reynolds.
  • 1954-1968: Leslie Alfred Webb.
  • 1968-1969: H. R. Weekes.

O edificio editar

 
Portas das instalacións da Casa da Moeda de Melbourne, cos escudos creados por Walter Langcake.

A sede da Casa da Moeda de Melbourne era un edificio na esquina das rúas William e Latrobe, construído entre 1869 e 1872 polos contratistas William Murray & Company e Martin and Peacock, a partir dos planos do arquitecto do Servizo de Obras Públicas John James Clark. Trátase dun dos edificios públicos máis salientables dos construídos no século XIX no territorio de Victoria. O seu estilo arquitectónico é o renacentista auténtico e inspírase no palacio Vidoni-Caffarelli, de Roma, atribuído a Rafael e construído en 1515.[3][8]

Ademais do edificio que hoxe se conserva, de dous andares, que estaba dedicado á administración, había outro edificio de produción de tres plantas en forma de ferradura, dividido en departamentos operativos como a sala de cuñaxe, o forno principal, a sala de máquinas, as caldeiras, a ferraría, o departamento de ensaio e a refinaría. Este edificio de produción foi demolido en 1972 e os seus equipamentos vendéronse, logo do cesamento da actividade como fábrica de moeda. O complexo completábase con dúas portarías e os muros perimetrais.[8]

Os coloridos escudo de armas colocados nas portas das instalacións a mediados do século XX, son obra do escultor de madeira de Melbourne Walter Langcake (1889-1967).[3]

Despois de cancelarse a súa función como fábrica de moeda, en 1971 o edificio administrativo pasou a albergar o Rexistro de Matrimonios Civís e en 1988 a Real Sociedade Histórica de Victoria. A principios da década de 2000, a empresa de medios dixitais TEAC tiña a súa sede nese edificio, e foi responsable de gran parte da súa restauración. En 2007, no edificio instalouse o Museo Helénico de Melbourne, fundado polo empresario e filántropo Spiros Stamoulis, especializado na cultura grega, tanto clásica como contemporánea.[8][9]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Royal Mint, Melbourne Branch, Melbourne, Victoria". Museums Victoria.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Melbourne Mint". Museums Victoria.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Information about mint: Melbourne Mint". OnlineCoin.Club
  4. "½ Penny - George VI". Numista.com
  5. "3 Pence - George VI". Numista.com
  6. "1 Florin - Elizabeth II". Numista.com
  7. "1 Crown - George VI Coronation". Numista.com
  8. 8,0 8,1 8,2 "About the Building". Hellenic Museum (Hellenic.org.au).
  9. "About the Museum". Hellenic Museum (Hellenic.org.au).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Alston Pearl, S. (1941). "Melbourne's Royal Mint". En Walkabout. Vol. 7. Nº 5. 1 de marzo. Páxinas 9-12.
  • Batchelor, P. (1977). "Melbourne Branch of the Royal Mint (William-Street)". En Australian Numismatist. Vol. 31. Nº2. Maio-xuño. Numismatic Association of Victoria. Páxinas 3-4.
  • Kenyon, A.S. (1935). "The Royal Mint and Its Australian Branches". En Victorian Historical Magazine Vol. XV. Nº 3. Maio. Páxinas 61-82.
  • "The Melbourne Mint". En The Argus. 5 novembro de 1874. Páxina 6.
  • "The Melbourne Mint". En The Argus. 4 de outubro de 1880. Páxina 6.
  • Webb, L. A. (1958). "The Victorian Mint". En Australian Numismatic Journal. Vol. 9. Nº 3.

Outros artigos editar