Casa Ipatiev (en ruso: Дом Ипатьева) foi a casa dun comerciante de Ekaterinburgo. Foi o lugar onde o antigo tsar Nicolao II de Rusia, a súa familia e os axudantes foron executados a causa da Revolución Bolxevique. O nome desta é idéntico ó do Mosteiro Ipatiev en Kostroma, onde os Romanov accederon ó trono de Rusia.

A Casa Ipatiev en 1928

Historia editar

 
O soto da casa tralo asasinato da Familia Imperial

Na década de 1880, Iván Redikortsev, un oficial relacionado coa industria mineira, construíu unha casa de dous andares nas ladeiras dun prominente outeiro. En 1898, a mansión pasou a mans de Sharaviev, un traficante de ouro de escasa reputación. Dez anos despois, a casa foi adquirida por Nikolai Nikolaievich Ipatiev, un enxeñeiro militar que converteu o andar máis baixo na súa oficina. Parece ser que a Casa Ipatiev foi a base do Soviet Ural ata finais de abril de 1918, e axiña recibiría o nome de A Casa do Propósito Especial.

A familia real editar

Artigo principal: Execución da familia Romanov.

A familia Romanov chegou á casa o 30 de abril de 1918, e pasou 78 días no interior. O emperador Nicolao II de Rusia, a emperatriz Alexandra Feodorovna, as súas catro fillas (Olga, Tatiana, María e Anastasia) e o tsarévich Aleksei, o doutor da corte, Eugene Botkin, a dama, Anna Demidova, o cociñeiro, Ivan Kharitonov, e o axudante de cámara, Aleksei Trupp, foron fusilados por un pelotón da policía secreta bolxevique ó cargo do xefe da Cheka Iakov Iurovski, a noite entre o 16 e o 17 de xullo de 1918. O axudante de cociña, Leonid Sednev, foi chamado fóra da casa horas antes e salvado así da execución.

O pelotón de fusilamento estaba composto por catro bolxeviques rusos e sete soldados. Estes soldados, eran prisioneiros de guerra húngaros que non falaban ruso. Os soldados húngaros foron elixidos ante o temor de que os soldados rusos non disparasen contra o tsar e a súa familia, en especial contra os fillos.

Demolición editar

 
A Igrexa do Sangue en Ekaterinburgo, construída no lugar que ocupou a Casa Ipatiev.

En 1923, fotografías da casa valada foron diseminadas pola prensa soviética baixo o nome de O derradeiro palacio do derradeiro tsar. En 1927, a casa foi designada para acoller o museo da Revolución nos Urais. Converteuse nunha escola de agricultura após ter sido en 1938 o Museo Anti-Relixioso. Durante este período era habitual a visita de varios grupos de visitantes á parede danada do soto a causa do asasinato da familia imperial. En 1946 foi adquirida polo Partido Comunista local. En 1974, foi nomeada o Monumento Histórico-Revolucionario. Pero, para vergonza do goberno, comezou a ser un lugar de peregrinación en memoria da familia imperial.

En 1978, coa chegada do 60 aniversario da execución, o Politburo, decidiu actuar, declarando que a casa non tiña suficiente relevancia histórica e ordenou a súa demolición. O pedimento foi enviado ao xefe do partido na rexión Boris Eltsin, que ordenou a demolición en xullo de 1977. Nas memorias de Boris Eltsin, publicadas no 1990 afirma que tarde ou cedo sentiriámonos avergoñados desta peza de barbarismo. Mais, a pesar da demolición, a xente continuou chegando ó lugar, a miúdo en segredo e pola noite, deixando símbolos de recordo. Coa caída da Unión Soviética a Igrexa do Sangue foi erixida no lugar. Agora é un centro de peregrinación.

Na literatura editar

A casa Ipatiev aparece tamén na literatura en libros coma:

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar