Canlón

cano que recolle as augas das cubertas

Un canlón[1], tamén chamado caleiro ou calexa, é un conduto aberto, de sección semicircular ou rectangular, que se emprega para recoller auga ou outros líquidos dun tellado, dunha vía pública ou doutro espazo aberto[2].

Canlón nunha casa

Adoita instalarse no bordo do beirado, na parte inferior dos tellados, aínda que tamén existe dende hai pouco o canlón lateral de pinche, que se instala en pinches ou zonas laterais para recoller a pingueira das tellas laterais ou remates.

O máis común ten unha sección en forma de "U", a xeito de media tubaxe, e colócase no beiril do tellado; dispóñense con lixeira pendente ou practicamente horizontais. Isto permite que a auga da choiva que recolle a cuberta escorregue por ese 'medio cano' á rede xeral.

Xeralmente, os canlóns fabrícanse en metal, PVC ou de cerámica, mais tamén existen noutros materiais.

Dispóñense nun sistema de tubaxes chamadas baixantes que canalizan a auga dende o canlón até a parte máis baixa do edificio; estas baixantes son xeralmente verticais. Adóitanse colocar unhas reixas na conexión do canlón coas baixantes, para que sirvan coma filtro de obxectos e evitar atoar os condutos, por exemplo, das follas das árbores. A auga recollida pode ser reutilizada para rega de campos e xardíns. Noutrora empregábanse coma auga potábel e, canalizadas, empozábanse en alxibes.

Notas editar

  1. [Proposta do Servizo de Normalización Lingüística da USC. Dicionario visual da construción, Santiago de Compostela, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 2004]
  2. Definición en Dicionario da Real Academia Galega A Coruña, RAG, 2012

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar