O chacal riscado (Canis adustus) é un membro da familia Canidae que só se atopa na África subsahariana.[2] Diferénciase dos seus máis próximos parentes, o chacal dourado (Canis aureus) e o chacal de lombo negro (Canis mesomelas) polas súas patas e orellas considerablemente máis curtas, o seu pelame máis claro e a presenza dunhas raias brancas pouco definidas nos ombros, costados e cola. O tamaño é intermedio entre as dúas especies antes mencionadas.

Chacal riscado
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Canidae
Xénero: 'Canis'
Especie: ''Canis adustus''
Nome binomial
Canis adustus
Sundevall, 1847
Distribución do chacal riscado
Distribución do chacal riscado

Distribución do chacal riscado

Este animal é predominantemente nocturno e crepuscular. De hábitos omnívoros, come froitos, invertebrados, vertebrados pequenos e medianos (tan dispares como peixes e crías de gacela) e preas. Pode vivir de forma solitaria, en parella ou en pequenos grupos familiares e defende o seu territorio ante intrusos. Habita en sabanas bastante húmidas e arboradas, chegando até os límites da selva tropical africana. Pola contra, evita ambientes máis secos, onde se atopan os chacais dourados e de lombo negro. Atópase tanto a nivel do mar como en zonas montañosas até os 2700 metros de altura.

Como especie, é capaz de adaptarse aos cambios rápidos do ambiente, polo que non ten problemas para colonizar chairas de inundación estacional, pantanos e áreas modificadas polo home, incluídos campos de cultivo. Dentro destes, sente predilección polos de millo, onde se alimenta das mazarocas. Os chacais riscados non escavan tobos, senón que buscan refuxios naturais ou ocupan termiteiros abandonados. Marca os límites do seu territorio con ouriños e feces, e a comunicación con outros individuos baséase nun amplo repertorio de ladridos, alaridos e gruñidos. O sonoro nome do animal en suahili, bweha, ten precisamente unha orixe onomatopeica.

As femias son menores que os machos. A época de cría varía segundo a zona; o período de xestación oscila entre 57 e 70 días, ao termo dos cales as femias dan a luz de 3 a 6 crías. Alcanzan a madurez sexual aos 6 ou 8 meses de idade e independízanse aos 11.

Subespecies editar

Recoñécense sete subespecies:[3]

  • Canis adustus adustus: presente no noroeste africano
  • Canis adustus bweha: presente nalgunhas zonas do leste de África
  • Canis adustus centralis: polo río Uham, no Camerún
  • Canis adustus grayi: subespecie do Magreb
  • Canis adustus kaffensis: suroeste de Etiopía
  • Canis adustus lateralis: desde o oeste de Kenya até o sur de Gabón
  • Canis adustus notatus: nas chairas de Loita, Kenya

Notas editar

  1. Atkinson, R.P.D. & Loveridge, A.J. 2008. Canis adustus. Canis adustus Arquivado 14 de decembro de 2009 en Wayback Machine.. IUCN 2010. Lista Vermella de Especies Ameazadas IUCN. Versión 2010.1. <www.iucnredlist.org>. Consultado o 18 de abril de 2010.
  2. "Canis adustus (side-striped jackal)". Animal Diversity Web (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2020. 
  3. Wozencraft, C. W. (2005). "Order Carnivora". En Wilson, D. E.; Reader, D. M. [Canis adustus en Google Books. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference] |url= incorrecto (Axuda) 1 (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. p. 573. ISBN 978-0-8018-8221-0. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • The Kingdon Field Guide to African Mammals, Jonathan Kingdon, 1997

Ligazóns externas editar