Calandra real
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Alaudidae
Xénero: Melanocorypha
Especie: Melanocorypha calandra
(Linnaeus, 1766)
Sinonimia
  • Alauda calandra Linnaeus, 1766

A calandra real[2] ou calandra[3] (Melanocorypha calandra) é unha ave paseriforme da familia dos aláudidos, que se reproduce en países de clima temperado cálido do Mediterráneo e polo leste a través de Turquía ata o norte de Irán e sur de Rusia. Máis ao leste é substituída polo seu parente a Melanocorypha bimaculata.

Ovos de Melanocorypha calandra no MHNT

Taxonomía e sistemática

editar

A calandra real foi situada orixinalmente no xénero Alauda.[4] O nome do xénero actual, Melanocorypha procede do grego antigo melas, 'negro' e koruphos, un termo usado polos escritores antigos para referirse a un paxaro descoñecido, pero que aquí foi conundido con korudos, 'calandra'. "Calandra"' deriva en última instancia de kalandros, o nome en grego antigo deste paxaro.[5][6][7]

Subespecies

editar

Recoñécense catro subespecies:[8]

  • M. c. calandra - (Linnaeus, 1766): encóntrase no sur de Europa e noroeste de África ata Turquía (excepto a parte centro-sur e sueste dese país), Transcaucasia e noroeste de Irán.
  • M. c. psammochroa - Hartert, 1904: vive no norte de Iraq e norte de Irán ata Turkmenistán e Casaquistán.
  • M. c. gaza - Meinertzhagen, R, 1919: descrita orixinalmente como subespecie da M. bimaculata. Encóntrase no leste de Siria e sueste de Turquía ata o suroeste de Irán.
  • M. c. hebraica - Meinertzhagen, R, 1920: atópase na zona centro-sur de Turquía e noroeste de Siria ata Israel e Palestina.

Descrición

editar

É unha calandra grande e robusta, de 17,5 a 20 cm de longo. É difícil de distinguir no chan, ten unha cor con raias cincentas por arriba e branca por abaixo con grandes manchas brancas no lateral do peito. O supercilio é branco.

En voo mostra ter unhas ás curtas e anchas, que son escuras por debaixo, e unha curta cola con beiras brancas. Os padróns da á e a cola son distincións que o separan dos seus parentes de máis ao leste.

A canción é como unha versión lenta da das lavercas.

Distribución e hábitat

editar

É principalmente residente no oeste do seu rango, pero as poboacións rusas deste paseriforme son máis migratorias, movéndose máis ao sur en inverno, chegando ata a península de Arabia e Exipto. Está presente no sur de Europa. Abunda en Andalucía e en toda a España cerealista, pero non no norte e en Galicia xa non aniña e é unha ave accidental. En Portugal ten unha densidade baixa e parece máis abondosa na provincia de Trás-os-Montes. Tamén vive no sur de Francia, Sardeña, sur de Italia e Balcáns. É unha ave errante moi rara no oeste de Europa.[3]

É un paxaro de campos de cultivo abertos e estepas. Fai o niño no chan, e pon 4 ou 5 ovos. O seu alimento son sementes suplementadas con insectos na estación reprodutora. É unha ave gregaria fóra da estación reprodutora.

Comportamento e ecoloxía

editar

Posúe unha enorme facilidade para imitar o canto doutras aves. Os machos presentan unha destreza maior no canto que as femias. Durante a época do apareamento, os machos cantan durante a maior parte do día co obxectivo de atraer as femias. Cando unha delas se achega, adoitan executar unha danza nupcial, planando lentamente coas ás en posición oblicua e a cola ben aberta á vez que cantan e van elevándose e descendendo. Constrúen os niños en arbustos pequenos ou en campos de cereais e illados empregando pólas e herbas e raramente en espazos abertos.

Ten algúns parasitos característicos como o piollo mastigador Ricinus vaderi, descrito a partir de espécimes recollidos en Acerbaixán.[9]

Na cultura

editar

A súa canción é considerada tan musical para os oídos hmanos que antes era moi popular como paxaro doméstico para gaiolas nas zonas onde vivía.[10] É mencionado, por exemplo, nun proverbio ou frase da Toscana que di "Canta come una calandra" (canta como unha calandra),[11] e en castelán menciónase no famoso "Romance del prisionero" (Romance do prisioneiro), na que a canción da calandra é a única maneira que ten o prisioneiro de saber o paso dos días e laméntase de que máis tarde lla maten.[12]

  1. "Melanocorypha calandra". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. "Melanocorypha calandra - Avibase". avibase.bsc-eoc.org. Consultado o 2016-12-15. 
  5. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 84, 247. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. "Calandra". Oxford English Dictionary (3rd ed.). Oxford University Press. September 2005.
  7. "Melanocorypha bimaculata - Avibase". avibase.bsc-eoc.org. Consultado o 2016-12-14. 
  8. "IOC World Bird List 6.4". IOC World Bird List Datasets. doi:10.14344/ioc.ml.6.4. 
  9. Valan, Miroslav; Sychra, Oldrich; Literak, Ivan (2016). "Chewing lice of genus Ricinus (Phthiraptera, Ricinidae) deposited at the Zoological Institute of the Russian Academy of Sciences, Saint Petersburg, Russia, with description of a new species". Parasite 23: 7. ISSN 1776-1042. PMC 4763114. PMID 26902646. doi:10.1051/parasite/2016007. 
  10. Kikkawa, Jiro (2003). "Larks". En Perrins, Christopher. Firefly Encyclopedia of Birds. Firefly Books. pp. 578–583. ISBN 1-55297-777-3. 
  11. Giusti, Giuseppe (1853). Raccolta di proverbi toscani. F. Monnier. p. 364. Consultado o 2008-06-21. 
  12. Stanley, ed. (2004). Spanish Traditional Ballads/Romances Viejos Españoles. Traducido por Applebaum. Courier Dover Publications. pp. 214–215. ISBN 0-486-42694-7. Consultado o 2008-06-21. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar