O cachalote anano (Kogia sima, Owen, 1866, e anteriormente Kogia simus) é un cetáceo odontoceto pertencente á familia Kogiidae. Estes animais non se observan con facilidade no seu medio natural e a maior parte da información de que se dispón procede do estudo de exemplares varados nas praias.

Cachalote anano

Tamaño comparado cun humano
Tamaño comparado cun humano

Estado de conservación
Datos insuficientes[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Subclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Familia: Kogiidae
Xénero: Kogia
Especie: K. sima
Nome binomial
'Kogia sima'
Owen, 1866
Distribución xeográfica
Distribución xeográfica

Distribución xeográfica

Descrición editar

É de menor tamaño có cachalote pigmeo (Kogia breviceps), alcanzando unhas medidas de entre 2,1 e 2,7 m de lonxitude e entre 135 e 275 kg de peso. A cor do lombo é gris azulenta ou gris escura, coa parte inferior (ventre e cabeza) máis clara, ás veces rosada; esta degradación da cor pode ascender polos lados do corpo. Resulta significativa a presenza dun prego abrancazado ou crema na parte posterior da cabeza, que asemella as branquias dos peixe. Pode presentar engurras sobre a pel.

Os individuos adultos teñen a cabeza cadrada, co fociño lixeiramente apuntado. O espiráculo está lixeiramente desviado cara a esquerda. A aleta dorsal está ben definida e máis desenvolvida que no cachalote pigmeo. É de forma falciforme e rematada en punta. As aletas pectorais son anchas e curtas.

Coma os outros cachalotes, só posúe dentes na mandíbula inferior, en número de 14 a 26, moi aguzados, pero nesta especie é máis frecuente que nas outras a presenza dalgúns dentes na mandíbula superior, en número variable. A boca é pequena e retraída (o que lembra á dos tiburóns.

Comportamento editar

A forma de nadar e mergullarse, os saltos, a estrutura dos grupos e a alimentación son similares ás descritas no cachalote pigmeo, así como a característica de expulsar un líquido vermello cando foxe dun posible predador.

Distribución editar

O cachalote anano prefire augas profundas, pero máis próximas ás costas có cachalote pigmeo: o seu hábitat favorito parece se-lo límite da plataforma continental. Prefire augas cálidas e tense observado na costa oriental dos Estados Unidos (golfo de California) e Suráfrica, así como no Índico e augas do Xapón.

Como a principal fonte de información da bioloxía da especie procede dos varamentos e non da observación directa, os datos existentes poden non representar fielmente a distribución da especie.

Estado de conservación editar

Non se coñece suficientememte a poboación mundial. Estímase unha poboación de 11.000 individuos no Pacífico Oriental.

Notas editar

  1. Taylor, B.L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S.M., Ford, J., Mead, J.G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R.L. (2008). "Kogia sima". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 7 October 2008. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • CARWARDINE, M.: Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Omega, 1985.

Ligazóns externas editar