Disco compacto

soporte dixital óptico para datos
(Redirección desde «CD (informática)»)

Un CD (das siglas inglesas de Compact Disc) ou disco compacto é un soporte dixital óptico para todo tipo de datos (son, vídeo, documentos etc). Foi creado en 1980 por Sony e Philips e comercializado a partir de 1982 deica hoxe. Nos días de hoxe, tecnoloxías sucesoras como o DVD poden desprazar ou minimizar esta forma de almacenamento; o DVD tamén é un almacenamento óptico. Quer o CD quer o DVD utilizan o láser como ferramenta fundamental á hora de ler e gravar.

CD

Historia editar

O disco compacto foi creado polo neerlandés Joop Sinjou e o Kees Schouhamer Immink e o xaponés Toshí Tada Doi en 1979. Ao ano seguinte, Sony e Philips comezaron a distribuír discos compactos, pero as vendas non foron un éxito pola depresión económica daquela época.

Entón decidiron abordar o mercado da música clásica, de maior calidade musical. En 1981, o director de orquestra Herbert von Karajan, convencido do valor dos discos compactos, promoveunos durante o festival Salzburgo e desde ese momento comezou o seu éxito. Os primeiros títulos gravados en discos compactos foron a Sinfonía alpina de Richard Strauss, os valses de Frédéric Chopin interpretados polo pianista chileno Claudio Arrau e o álbum The Visitors de ABBA. No ano 1984 saíron ao mundo da informática, permitindo almacenar ata 600 MB.

O diámetro da perforación central dos discos compactos foi determinado en 15 mm; os creadores inspiráronse no diámetro da moeda de 10 centavos de florín dos Países Baixos. En troques, o diámetro dos discos compactos, que é de 12 cm, corresponde á anchura dos petos superiores das camisas para homes, porque segundo a filosofía de Sony, todo debía caber alí. Os máis comúns son os de 120 milímetros de diámetro, con 74 ou 80 minutos (650 ou 700 MB) de capacidade. A versión oficial defende que este tamaño foi especificado polo vicepresidente de Sony, Norio Ohga, para permitir incluír así a Novena sinfonía de Beethoven completa.[1]

Detalles físicos editar

Malia poder haber variacións na composición dos materiais empregados na fabricación dos discos, todos seguen un mesmo patrón: os discos compactos fanse dun disco groso, de 300,2 milímetros, de policarbonato de plástico, ao que se lle engade unha capa refractante de aluminio, utilizada para obter máis lonxevidade dos datos, que reflectirá a luz do láser (no rango do espectro infravermello e xa que logo non apreciábel visualmente); posteriormente engádeselle unha capa protectora que o cobre e, opcionalmente, unha etiqueta na parte superior.

Os métodos comúns de impresión nos CD son screen printing e offset printing. Veranse agora os parámetros máis importantes dos CD.

  • Velocidade da exploración: 1,2-1,4 m/s, equivale aproximadamente a 500 RPM no interior do disco, e aproximadamente a 200 RPM no bordo exterior, en modo de lectura CLV (Constant lineal velocity, velocidade lineal constante).
  • Distancia entre pistas: 1,6 µm.
  • Diámetro do disco: 120 milímetros ou 80 milímetros.
  • Grosor do disco: 1,2 milímetros.
  • Radio da área interna do programa: 25 milímetros.
  • Radio da área externa do programa: 58 milímetros.
  • Diámetro de centro do buraco: 15 milímetros

Un CD de son reprodúcese a unha velocidade tal que se len 150 KB por segundo. Esta velocidade base úsase como referencia para identificar outros lectores como os do computador, de modo que se un lector indica 24X, significa que le 24 x 150KB = 3600 KB por segundo. A área do programa é de 86,05 centímetros cadrados, de modo que a lonxitude da espiral gravábel será de 86,05/1,6 = 5,38 quilómetros.

Cunha velocidade de exploración de 1,2 m/s, o tempo de duración é de 74 minutos, ou ao redor de 650 MB de datos.

Tipos de disco compacto editar

  • De só lectura: CD-ROM (Compact Disc Read Only Memory).
  • Gravábel: CD-R (Compact Disc - Recordable).
  • Regravábel: CD-RW (Compact Disc - Re-Writable).
  • CD de son: CD-DA (Compact Disc - Digital Audio).

Características editar

  • Fins: Gravación de son, vídeos, imaxes, textos, datos etc.
  • Capacidade: orixinalmente 650 Mb, para 74 minutos de son.
  • Forma: circular, cun orificio no centro.
  • Diámetro: orixinalmente 12 cm e 1,2 mm.
  • Material: policarbonato plástico e cunha capa de aluminio.
  • RPM: 9000.
  • Vida útil: entre 2 anos e máis de 8 anos (en condicións especiais de humidade e temperatura, uns 217 anos).
  • Formato de son: CD de son.
  • Formato de vídeo: Video CD (VCD) ou Super Video CD (SVCD])).

Capacidade editar

Segundo o tipo de CD, actualmente hai diferentes configuracións:

  • Diámetro: 8 cm - 215 Mb ou 21 minutos de son.
  • Diámetro: 12 cm - 700 Mb ou 80 minutos de son.
  • Diámetro: 12 cm - 800 Mb ou 90 minutos de son.
  • Diámetro: 12 cm - 875 Mb ou 100 minutos de son.

Notas editar

  1. "Con todo, un especialista defende que foron razóns de competitividade produtiva e comercial.". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2014. Consultado o 20 de febreiro de 2013.