O Club de Baloncesto Orillo Verde foi un equipo profesional español con sede na cidade de Sabadell, Cataluña. Durante a segunda metade da década de 1950 foi un dos membros fundadores da Primeira División, competición na que disputa cinco temporadas. O equipo desaparece en 1961 por problemas económicos, ano no que chegara a ser subcampión de liga.[1]

Orillo Verde
Información xeral
Fundación 1948
Desaparición 1961
Historia Carol Sabadell (1948−1956)
Cores           Verde, vermello
Presidente Josep Maria Carol
Adestrador Joaquín Broto (último)
Localización
Cidade España Sabadell, España

Historia editar

Orixe editar

O Orillo Verde foi fundado en 1948 por Josep María Carol, un empresario de Sabadell que estaba a cargo da empresa téxtil Manufacturas Carol. Nunha das súas fábricas decidiu construír unha pista de baloncesto, debido á afección que había a este deporte na localidade naquela altura, e fundar un club que competiu nun principio en ligas sociais. Na temporada 1949−50 o club Carol Sabadell participou de maneira federada por vez primeira no campionato de Educación e Descanso e en 1952 deuse o paso definitivo para crecer como entidade ao fusionarse co mellor equipo da cidade naquela época, o Centre d'Esports Sabadell, que tivo de desvincularse do club de fútbol por problemas económicos.

Na temporada 1952−53 o Carol Sabadell debutou na Segunda División rexional. Aínda que as aspiracións do club eran altas, a temporada foi irregular e acabou pechándose cunha permanencia gañada no tramo final da competición. Na temporada seguinte a directiva do Carol decidiu formar un equipo potente para acadar o ascenso á Primeira División rexional e para iso contratou ao adestrador Lluís Centellas procedente do Español e a Oller e Massaguer do Juventud de Badalona. O equipo acabou invicto na primeira e segunda fase e conseguiu o ascenso.

Na tempada 1954−55, o Carol Sabadell competiu por primeira vez na Primeira División rexional, unha competición na que os mellores equipos de Cataluña loitaban polo título de liga e por acceder á Copa do Generalísimo, competición considerada entón a máis importante ao ser de ámbito nacional. Na primeira fase da temporada o Carol deu a gran sorpresa ao finalizar como segundo mellor equipo só por detrás do Juventud. Na segunda fase o equipo non puido manter ese nivel e non puido acceder á Copa. Na fase decisiva da seguinte temporada, 1955−56, producíronse dous cambios de moita transcendencia na historia do club: por unha banda, o nome do equipo pasou a ser Orillo Verde, nome dun dos tecidos comercializados por Manufacturas Carol, e por outro chagou como adestrador Fernando Font. Coa entrada de Font o equipo, que parecía condenado ao descenso, reaccionou e acabou líder da fase de permanencia.

Primeira División editar

No verán do 1956, Raimundo Saporta propuxo a creación dunha Liga Nacional de Baloncesto a semellanza doutros países, atopando na figura de Josep María Carol un colaborador para levar a cabo esta iniciativa, que na súa primeira edición contou con 6 equipos participantes: Real Madrid, Estudiantes, Juventud de Badalona, CF Barcelona, Aismalíbar e Orillo Verde. Para esta nova experiencia o Orillo Verde puido renovar a Fernando Font como técnico e contar con dúas fichaxes que elevaron o nivel do equipo. Por unha banda incorporouse a Josep María Soro, procedente do Español, un dos mellores xogadores daquela época grazas ao seu eficaz tiro en gancho, e por outro se fichou a Josep Lluís que proviña do Círculo Católico de Badalona onde se consolidou como un dos mellores valores do deporte da canastra daqueles días. Respondendo as expectativas, o conxunto sabadellense consolidouse como o terceiro mellor equipo do momento tras Real Madrid e CF Barcelona.

Tras un ano de gran nivel o Orillo Verde decidiu dar un paso adiante a nivel competitivo e fichou a un dos mellores xogadores do momento como era Jordi Bonareu, procedente do Barcelona. Con todo, non conseguiu igualar os rexistros que tivera na temporada anterior. Na temporada 1958−59 a liga Nacional expandíndose até os 12 equipos e o Orillo Verde iniciou unha renovación do seu elenco incorporando a xogadores formados na canteira. O resultado deses cambios apenas se evidenciou a nivel deportivo xa que os de Sabadell volveron repetir cuarta posición na liga. Após tres temporadas e media, Fernando Font abandonou o banco, sendo o seu substituto Joaquín Broto. Nesa temporada 1959-60, ademais da fichaxe de Broto, incorporouse a unha parella de xogadores portorriqueños como eran Dijols e Víctor Félix. O Orillo Verde volveu igualar os seus mellores rexistros e acabou a liga en terceira posición.

Desaparición editar

A temporada 1960−61 foi a última e máis exitosa campaña do Orillo Verde que, novamente da man de Broto, e cunha gran presenza de xogadores formados na canteira, alcanzou o subcampionato de Liga, sendo superado unicamente polo Real Madrid. Ademais o canteirán Francisco Llobet Serra, con apenas 21 anos, foi o máximo encestador da liga, accedendo ademais á selección española para disputar dous partidos amigables.

Paralelamente a estes éxitos deportivos, os problemas económicos estaban a afectar á empresa Manufacturas Carol e, por extensión ao Orillo Verde, que declinou a súa participación na Copa alegando motivos de estudos dos seus xogadores. Así, ao finalizar a temporada, o Orillo Verde extinguiuse debido aos problemas económicos da empresa que apadriñaba ao equipo, que cesou a súa actividade produtiva algúns anos máis tarde. Outro factor importante foi a ausencia dun pavillón de deportes cuberto como os que outros clubs empezaban a usar como escenario de xogo. Como último intento, os reitores do club solicitaron á Federación Española de Baloncesto un ano de "excedencia" da Liga Nacional co obxectivo de atopar recursos económicos para manterse na elite que non lles foi concedida. Tras a desaparición do equipo no verán do 1961, a cidade de Sabadell non volveu ter baloncesto profesional de primeiro nivel.

Xogadores editar

Destacados editar

Adestradores editar

A seguinte é unha lista dos adestradores do Orillo Verde.

  •   Lluís Centellas (1953−1955)
  •   Francesc Baró (1955−1956)
  •   Fernando Font (1956−1959)
  •   Joaquín Broto (1959−1961)

Historial editar

Ano Nivel Liga Pos. V–D Copa
1956–57 1 1ª División 6−4 Semifinais
1957–58 1 1ª División 13−5 Semifinais
1958–59 1 1ª División 14−8 Cuartos de final
1959–60 1 1ª División 16−6 Oitavos de final
1960–61 1 1ª División 15−7

Notas editar

  1. Domenech Fontdevila, Joaquim (26 de maio de 2015). "Adiós, a la desconocida 'metralleta' Paco Llobet". Solo Basket. Consultado o 18 de xullo de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar