Askatuak SBT

(Redirección desde «CB Askatuak»)

O Askatuak Saski-Baloi Taldea (do éuscaro: Club Askatuak de Baloncesto), coñecido como Cafés Aitona por motivos de patrocinio, é un club profesional de baloncesto da cidade de Donostia, Guipúscoa. Na actualidade compite na Primeira División, quinta categoría do baloncesto español. O Askatuak foi o primeiro equipo vasco en participar en competicións europeas ao xogar as edicións de 1978 e 1979 da Copa Korać.

Cafés Aitona Askatuak
Información xeral
Liga 1ª División (Autonómica)
Fundación 1975
Cores           Azul, branco
Presidente España Iñaki Almandoz
Localización
Cidade España Donostia, España
Pavillón José Antonio Gasca
Capacidade 2 500
askatuak.com

Historia editar

Fundación editar

O pai do actual Askatuak foi Josean Gasca, adestrador, pioneiro e promotor do baloncesto na cidade de Donostia. Gasca fora o fundador en 1958 do Club Atlético San Sebastián, un club polideportivo no que o baloncesto foi a sección fundadora do Club e polo tanto desempeñou un papel predominante nos seus inicios. O Atlético San Sebastián baixo a batuta deportiva de Gasca chegou a alcanzar a Primeira División da Liga Española de Baloncesto en 1967, mais após tres temporadas na elite, o equipo acabou descendendo e en 1973 a sección de baloncesto do Atlético San Sebastián quedou desmantelada.

Por aquela mesma época formouse un potente equipo de baloncesto afeccionado na veciña localidade de Rentería, o Don Bosco, formado ao redor dun instituto de formación profesional dos Salesianos situado da devandita localidade. Con patrocinio da Caixa de Aforros Provincial de Guipúscoa, o Don Bosco proclamouse campión de España de Terceira División e logrou o ascenso a Segunda división. En 1975, a Segunda División ía ser por primeira vez un campionato unificado a nivel de toda España. Con todo, o Don Bosco quedou sen patrocinio da Caixa de Aforros para afrontar o seu periplo en Segunda División. Foi entón cando Josean Gasca, que por aquel entón deu por finalizada a súa experiencia como adestrador en Francia, montou a empresa Promosport, que comprou a praza do Don Bosco en Segunda División facéndose cargo da débeda do equipo. Atopou como patrocinador á empresa Dicoproga e armou un equipo formado, en parte, polo persoal do Don Bosco e por xogadores que militaran no antigo Atlético San Sebastián tales como Segundo Azpiazu e Santiago Zabaleta así como por un americano, Ed Robota. O Club Dicoproga de Baloncesto comezou a súa andaina cun éxito rotundo no seu primeiro ano de existencia, na temporada 1975−1976, logrando o ascenso á Primeira División ao primeiro intento despois de quedar campión da liga Nacional de Segunda División.

Debut en Primeira editar

O club debutou na Primeira División na temporada 1976−1977 baixou o nome de Dico's. O seu debut foi excelente, xa que quedou empatado co Joventut de Badalona na quinta praza e obtivo o pasaporte para xogar a Copa Korać. Tras a súa primeira tempada entre a elite do baloncesto español, o equipo quedou sen patrocinador. Ao ano seguinte, en plena transición española o club adoptou o seu nome definitivo, Askatuak Saski-Baloi Taldea - Club Askatuak de Baloncesto, onde askatuak significa os libres en éuscaro. Gasca ficha a un xogador americano, Essie Hollis que se converte na gran sensación do baloncesto español na tempada 1977−1978 pola súa capacidade anotadora e os seus espectaculares mates. Hollis convértese no máximo anotador da liga, promediando case 40 puntos por partido e levando ao equipo de novo á sexta praza e a obter un posto na Copa Korać. Hollis abandonou o club ao finalizar a campaña para probar sorte na NBA. Na campaña 1978−1979, o club continua sen patrocinador e con dificultades económicas. A pesar de substituír a Essie Hollis por outro gran xogador americano, Nate Davis, o equipo acaba descendendo.

Retorno á ACB editar

O Askatuak cae da Primeira á Primeira B e de aí á Segunda División. En 1982 falece Josean Gasca, a alma mater do club, o que supón un duro golpe para Askatuak. Iñaki Almandoz tomaría as rendas da dirección do Club. Cando a tendencia do club parecía moi negativa, na temporada 1984−1985 o Askatuak proclámase campión de Segunda e volve á Primeira B, categoría inmediatamente anterior á máxima división , a Liga ACB. Finalmente na temporada 1987−1988, e sen contar con patrocinador, o Askatuak, da man dos norteamericanos Abdul Jeelani e Lance Berwald e baixo a dirección de Boliche Domínguez logra a volta á máxima competición nacional. Porén, o seu paso pola ACB é fugaz e, baixo o nome e patrocinio de Caja Guipúzcoa, disputa unha única campaña na que perde a categoría.

Desde o seu descenso en 1988 o Askatuak veu pelexando nas categoría inferiores do baloncesto español coa esperanza de retornar algunha vez á liga ACB. Na temporada 1997−1998, en Liga LEB, o club acaba sétimo de trece na liga Regular e disputa o playoff de ascenso á liga ACB. Porén, foi eliminado en cuartos de final polo Melilla Caja Rural. Desde 1989 foi a vez que máis preto estivo do retorno á elite. A falta de patrocinador obrigou ao club a descender un chanzo e volver á Liga EBA, categoría na que era viábel manterse economicamente. Desde aquela o club mantense entre a LEB Prata, a Liga EBA, a 1ª ou a 2ª División nacional.

Patrocinios editar

Por motivos de patrocinio, o club tivo diversos nomes ao longo da súa historia:

  • Dicoproga (1975−1976)
  • Dico's San Sebastián (1976−1977)
  • Askatuak Egin (1978−1979)
  • Askatuak Erosi (1980−1981)
  • Bodegas Remondo (1983−1985)
  • Pacharan Navarra (1985−1987)
  • Caja Guipúzcoa (1989−1990)
  • Loiola '91 (1990−1991)
  • Cafés Aitona (1998−2001)
  • Cafés Aitona (2003−presente)

Xogadores editar

Destacados editar

Historial editar

A seguinte lista reflicte o historial do Askatuak na máxima categoría.

Ano Nivel Liga Pos. V–D Copa do Rei Outras copas Competicións europeas
1976–77 1 1ª División 10–12 Primeira rolda
1977–78 1 1ª División 7–3–12 Cuartos de final 3 Copa Korać PR 0–2
1978–79 1 1ª División 12º 3–19 Oitavos de final 3 Copa Korać SR 1–1
1988–89 1 ACB 24º 10–33 Primeira rolda

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar