Código de Hammurabi
O Código de Ḫammurabi,[1] creado ao redor de 1700 a.C., é un dos mais antigos conxuntos de leis xamais encontrados, e un dos exemplos mellor preservados deste tipo de documento da antiga Mesopotamia. Foi publicado en galego por Rinoceronte Editora.[2]
Aspecto
editarAs leis (numeradas de 1 a 282, mais os números 13, 66–99, 110, e 111 non existen) están gravadas nun monólito de diorita negra de 2,5 m de altura.
Hammurabi (1728 a.C.–1686 a.C.) achaba que debía escribir o código para agradar aos deuses. De xeito diferente a moitos outros reis anteriores e contemporáneos seus, el non se consideraba relacionado con ningún deus, a pesar de se autodenominar "o favorito dos deuses". Na parte superior do monólito, Hammurabi é mostrado en fronte do trono do rei Sol Shamash. Logo abaixo están escritos, en caracteres cuneiformes acadianos, os artigos que regulan a vida cotiá.
Historia
editarO código foi colocado no templo de Sippar, e outros exemplares foron igualmente espallados por todo o reino. O obxectivo deste código era homoxeneizar o reino xuridicamente e garantir unha cultura común.
Durante as diferentes invasións da Babilonia, o código foi cambiado para a cidade de Susa (no Irán actual) ao redor de 1200 a.C.. Foi nesa cidade onde foi descuberto, en decembro de 1901, pola expedición dirixida por Jacques de Morgan. O abade Jean-Vincent Scheil traduciu a totalidade do código após o retorno a París, onde hoxe pode ser admirado no Museo do Louvre, na sala 3 do Departamento de Antigüidades Orientais.
Contido
editarO código de Hammurabi expón leis e punicións, no caso de non seren respectadas as leis. A énfase é dada ao roubo, agricultura, crianza de gando, danos á propiedade, dereitos da muller, dereitos do neno, dereito do escravo, así como asasinato, morte e inxuria. A punición ou pena é diferente para diferentes clases de ofensores e vítimas. As leis non toleran desculpas ou explicacións para erros ou fallas: o código era exposto libremente á vista de todos, de modo que ninguén puidese alegar ignorancia da lei como desculpa. Porén, poucas persoas sabían ler naquela época, con excepción dos escribas.
Os artigos do Código de Hammurabi fixan, así, as diferentes regras da vida cotiá, entre outras:
- a xerarquía da sociedade divídese en tres grupos: os homes libres, os subalternos e os escravos;
- os prezos: os honorarios dos médicos varían de acordo coa clase do enfermo;
- os salarios varían segundo a natureza dos traballos realizados;
- a responsabilidade profesional: un arquitecto que constrúa unha casa que se esborralle, causando a morte dos seus ocupantes, é condenado á pena de morte;
- o funcionamento xudicial: a xustiza é estabelecida polos tribunais, as decisións deben ser escritas, e é posíbel apelar ao rei;
- as penas: a escala das penas é descrita segundo os delitos e crimes cometidos. A lei do talión é a base desta escala.
Importancia
editarO código é moitas veces indicado como o primeiro exemplo do concepto legal de que algunhas leis son tan básicas que mesmo un rei non pode modificalas: ao escribir as leis na pedra tornáranse inmutábeis. Este concepto existe en varios sistemas xurídicos modernos e deu orixe á expresión en lingua inglesa written in stone (escrito na pedra).
Outras coleccións de leis inclúen os códigos de Ur Nammu, rei de Ur (cerca de 2050 a.C., o código de Eshnunna (cerca de 1930 a.C.) e o código de Lipit-Ishtar de Isin (cerca 1870 a.C.).
Diferenzas da Torah
editarAlgunhas partes da Torah son similares a certas seccións do código de Hammurabi, e debido a iso algúns especialistas suxiren que os hebreos derivaran a súa lei deste. Porén, o libro Documents from Old Testament Times (Documentos da época do Antigo Testamento) di: "Non existe fundamento ningún para asumir calquera préstamo polos hebreos dos babilónicos. Mesmo se os dous conxuntos de leis difiren pouco na prosa, difiren moito no espírito."
Algúns exemplos das diferenzas:
Código de Hammurabi | Torah |
---|---|
Pena de morte para o roubo dunha propiedade eclesiástica ou estatal, ou por aceptar bens roubados. (Sección 6) | Roubo punido por compensación á vítima. (Ex. 22:1-9) |
Morte por axudar un escravo a fuxir ou gorecer un escravo foraxido. (Sección 15, 16) | "Non entregues ao seu amo o servo que escapou de par del para onda ti." (Deut. 23:15) |
Se unha casa mal construída causa a morte dun fillo do dono da casa, entón o fillo do construtor será condenado á morte (Sección 230) | "Non se condenará á morte os pais por culpa dos fillos, nin se condenará á morte os fillos por culpa dos pais: condenarase á morte a cada un polo seu pecado." (Deut. 24:16) |
Mero exilio por incesto: "Se un señor (home de certa importancia) tivo relacións coa súa filla, el deberá abandonar a cidade." (Sección 154) | Pena de morte por incesto. (Lev. 18:6, 29) |
Distinción de clases en xuízos: Severas penas para persoas que prexudican outras de clase superior. Penas medias por prexuízo a membros de clase inferior. (Sección 196–205) | "Non serás inxusto cando xulgues: non favorecerás o feble nin honrarás o poderoso." (Lev. 19:15) |
Traducións
editar- Código de Ḫammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica (2022). Tradución directa do acadio de Xosé Antón Parada Fernández. Rinoceronte Editora.[2]
Notas
editar- ↑ Entrada Hammurabi na Diciopedia do século 21.
- ↑ 2,0 2,1 "Código de Ḫammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica – Rinoceronte Editora". Consultado o 2024-02-23.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Código de Hammurabi |
Bibliografía
editar- Oppert & Menant (1877). Documents juridiques de l'Assyrie et de la Chaldee. París.
- Kohler, J. & Peiser, F.E. (1890). Aus dem Babylonischen Rechtsleben. Leipzig.
- Falkenstein, A. (1956–57). Die neusumerischen Gerichtsurkunden I–III. München.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Tradución do código ao inglés
- Tradución do código ao portugués
- O Código de Hammurabi Arquivado 19 de maio de 2006 en Wayback Machine. (texto do código)
- Código Hammurabi (na Enciclopedia Libre).
- Código de Hammurabi (tradución ao español das 282 leis)
- O Código de Hammurabi (Proxecto Clío)