Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica
O Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, (CINZ), coñecido internacionalmente polas súas siglas en inglés: ICZN, e unha publicación que ten como propósito fundamental subministrar a máxima universalidade e continuidade dos nomes científicos dos animais compatíbeis coa liberdade dos científicos para clasificaren os animais segundo os seus criterios taxonómicos.[1]
Características
editarO Código regulamenta os nomes dos taxons de animais (reino Animalia) e doutros clados de eucariotas tradicionalmente considerados como "protozoos".
Este Código consta de artigos (que son obrigatorios) e recomendacións. Os artigos deseñáronse para permitir aos zoólogos chegar aos nomes dos taxons que sexan correctos en circunstancias taxonómicas concretas.
O uso do Código permite a un zoólogo determinar o nome válido de calquera taxon ao que pertence un animal en calquera categoría das xerarquías especie, xénero e familia (incluíndo subespecie, subxénero e categorías do nivel familia tales como subfamilia e tribo). O Código non regula enteiramente os nomes dos taxons por riba do nivel familia (orde, clase, filo) e non subministra regras para o uso por debaixo da categoría de subespecie (variedade, aberración etc.), xa que estas carecen de entidade taxonómica.
Antecedentes históricos
editarA necesidade da existencia dun Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica aceptado internacionalmente é consecuencia da confusión de nomes que tivo lugar na bibliografía zoolóxica a partir de Carl von Linné e ao longo do século XIX, en parte debido ao principio de autoridade, polo cal o nome válido dunha especie era o que lle atribuíra o primeiro especialista que a describira.
O caos na nomenclatura alcanzou tal dimensión que, en 1842, o paleontólogo inglés Hugh Strickland promoveu a formación dun comité de expertos para crear un código de regras que regulasen a nomenclatura zoológica, con membros tan ilustres como Charles Darwin ou Richard Owen. Este primeiro embrión do Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, aparecido en 1843, coécese como Código de Strickland.
A este primeiro código seguíronlle outros, dentro e fóra da Gran Bretaña. No momento da celebración do Terceiro Congreso Internacional de Zooloxía (Leiden, 1895) existían tres conxuntos de regras nomenclaturais en uso, parcialmente incompatíbeis. Nese congreso suscitouse a necesidade dun consenso, e naceu a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica co obxecto de reunir nun único código trilingüe unhas regras de nomenclatura aceptábeis por todos os zoólogos. Os resultados dos seus traballos publicáronse, tras numerosas vicisitudes, en 1905, co título de "Regras Internacionais", sendo o primeiro Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica.[2]
En 1961 publicouse a segunda edición do Código,[3] e en 1985 a terceira edición. Na actualidade a nomenclatura zoolóxica réxese pola cuarta edición do Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, publicada en 1999 e que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2000, e da que hai, por primeira vez, unha versión en castelán autorizada oficialmente pola Comisión.
Nomenclatura e taxonomía
editar- Artigos principais: Nomenclatura binominal e Taxonomía (bioloxía).
A parte da Sistemática que se ocupa da ordenación dos organismos en diferentes grupos chamados taxa ou taxons, é a Taxonomía. A parte da taxonomía na que se regula a adxudicación precisa e inequívoca dos nomes asignados aos diferentes taxons é o que denomina Nomenclatura.
A unidade básica da clasificación é a especie. O conxunto de especies con certas características comúns agrúpanse nunha categoría taxonómica de maior erarquía denominada xénero. Un conxunto de xéneros con características similares agrúpase nunha categoría taxonómica de rango superior denominada tribo. O conxunto de tribos semellantes agrúpanse nunha mesma familia. Á súa vez, as familias agrúpanse en ordes, estes en clases e, á súa vez, as clases en filos, troncos ou tipos de organización.
Segundo as necesidades de clasificación poden intercalarse outras categorías usando os prefixos super- (superfamilia, superclase), sub- (suborde, subespecie) ou infra- (infraclase, infraorde).
Nomes científicos
editar- Véxase tamén: Nome científico.
O Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica establece normas que afectan aos niveis especie, xénero e familia. O nivel especie inclúe todos os taxons nominais das categorías especie e subespecie (Art. 45.1); o nivel xénero abarca todos os taxons nominais das categorías xénero e subxénero (Art. 42.1); o nivel familia inclúe todos os taxons nominais das categorías superfamilia, familia, tribo, subtribo, e calquera outra categoría por debaixo de superfamilia e por encima de xénero que se desexe (Art. 35.1).
Para os niveis superiores existen diferenzas segundo as distintas escolas ou países. Os niveis por debaixo de subespecie non son contemplados polo Código, dado que subministrar nomes científicos a calquera variación fenotípica, práctica frecuente nalgúns grupos (lepidópteros, coleópteros etc.), considérase de nula utilidade científica.
As normas establecidas polo Código deben seren asumidas e respectadas por todos os zoólogos, constituíndo algo parecido a unha gramática que permita a todos falar un mesmo idioma científico universal.
A nomenclatura zoolóxica require que aos nomes científicos, independentemente da súa orixe lingüística, se lles asigne un nome en latín, para o cal úsanse as 26 letras do alfabeto latino (incluíndo j, k, w, y) e as normas gramaticais desa lingua. Non poden usarse signos diacríticos (acentos, diéreses etc.). Polo tanto a ñ castelá debe transformarse en n ou nos dígrafos ni, ny ou gn se se quere conservar a pronuncia.[4]
Nomes uninomiais
editarOs nomes dos niveis familia e xénero son uninomiais, e dicir, constan dunha única palabra.
Nombs de nivel familia
editarOs nomes do nivel familia son plurais, e deben iniciarse sempre con maiúscula e presentar terminacións concretas para cada categoría, que son obrigatorias e específicas delas, para que resulte fácil recoñecer a que categoría taxonómica pertencen. As terminacións das categorías do nivel familia son:
Categoría | Terminación | galeguización | exemplos |
---|---|---|---|
Superfamilia | -oidea | -oideos | Hominoidea (hominoideos) |
Familia | -idae | -idos | Hominidae (homínidos) |
Subfamilia | -inae | -inos | Homininae (homininos)[5] |
Tribo | -ini | -inos | Hominini (homininos) |
Subtribo | -ina | -inos | Hominina (homininos) |
Se un autor utiliza outra categoría intercalada por conveniencia é libre de utilizar a terminación latina que desexe, diferente das obrigatorias. É frecuente utilizar, por exemplo a terminación -itae para as supertribos.
Os nomes do nivel familia deben formarse obrigatoriamente sobre a raíz do xenitivo dun nome do nivel xénero considerado válido e contido no taxon que se nomea. Así, tomando o xénero Homo, cuxo xenitivo é Hominis, e cuxa raíz é Homin-, fórmanse todos os nomes do nivel familia vistos anteriormente (Homin-idae, Homin-inae etc.). Formar estes nomes sobre o nominativo sería incorrecto.
Nomes de nivel xénero
editarOs nomes de nivel xénero son substantivos singulares de dúas ou máis letras, en caso nominativo. Deben estaren adscritos a un dos xéneros gramaticais latinos (masculino, feminino ou neutro) e deben escribirse sempre nun tipo de letra diferente ao do texto normal en que se encontran, en cursiva cando o texto está escrito en redonda e redonda cando o texto está escrito en cursiva.
O xénero debe ter asociada polo menos unha especie, cuxo nome deberá concordar en xénero gramatical con aquel. O xénero gramatical é o que dean os dicionarios usuais de latín e grego clásico (neste último caso, latinizado). É conveniente consultar tales dicionarios e non fiarse das aparencias; así, Felis é feminino (e de aí o nome Felis marginata, e non marginatus, que sería masculino), Lepisma é neutro é Sitona é masculino.
Os nomes subxenéricos escríbense entre parénteses intercalados entre o nome do xénero e o da especie. Así, en Buprestis (Yamina) sanguinea, Buprestis é o xénero, Yamina é o subxénero e sanguinea é o nome específico (obsérvese que se usa letra cursiva sempre que se escribe un nome científico).
Nomes binominais e trinominais
editarOs nomes dos taxons de nivel especie son binominais para a especie e trinominais para a subespecie, é dicir, formados por dúas e tres palabras, respectivamente.
Para os nomes das especies, das dúas palabras citadas, a primeira corresponde ao nome do xénero ao que pertence e escríbese sempre coa inicial en maiúscula; a segunda palabra é o epíteto específico e debe escribirse enteiramente en minúscula, debendo concordar gramaticalmente co nome xenérico. Así, en Mantis religiosa, Mantis é o nome xenérico, religiosa o nome específico e o binomio Mantis religiosa é o "nome científico" outorgado a certa especie de insecto da orde dos Mantodea (montoideos).
No nome científico asignado ás especies, o nome específico nunca debe ir illado do xenérico, xa que carece de identidade propia e pode coincidir en especies diferentes. De terse citado previamente o nome completo e non cabe ningunha dúbida de a que xénero se refire (por exemplo, cando se citan varias especies do mesmo xénero), o nome do xénero pode abreviarse coa súa inicial (M. religiosa).
Se unha especie presenta dúas ou máis subespecies, fórmará un trinomio (en latín científico, trinomen). Por exemplo, Felis silvestris presenta numerosas subespecies, entre elas Felis silvestris silvestris, o gato montés europeo, e Felis silvestris catus, o gato doméstico. Se nos referimos en concreto ao gato montés, debemos utilizar o trinomio Felis silvestris silvestris, que significa Felis silvestris subespecie silvestris, polo que repetir a palabra silvestris non é unha redundancia.
Cando se fai referencia a un taxon do nivel especie recomendase indicar, tras o binomen ou o trinomen, o nome do autor, ou autores que o describiu ou describiron, sen abreviar, e o ano da súa publicación, separados por unha coma. Por exemplo, Vipera seoanei Lataste, 1879.
Se o descritor dunha especie situona nun xénero diferente do que se lle asigna actualmente, o seu nome e a data deben ir entre parénteses. Así, o nome científico da rula debe escribirse Streptopelia turtur (Linnaeus, 1758); con este parénteses indícase que a especie citada non foi orixinariamente descrita dentro do xénero Streptopelia, no cal actualmente se acha; en efecto, Linneo colocou esta especie no cénero Columba cando a describiu.
Principio de prioridade e sinonimia
editarCon frecuencia un mrsmo taxon posúe máis dun nome, o que pode crear moita confusión entre a comunidade científica. O Principio de autoridade utilizado antes da aparición do Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica contribuíu á proliferación de nomes e ao uso interesado dos mesmos por partidarios deste ou daquel zoólogo.
Tras a aparición do Código, todos os nomes científicos réxense polo principio de prioridade. Segundo o mesmo, o nome válido dun taxon é o nome máis antigo. Todos os demais nomes dese taxon considéranse sinónimos.
Opinión 2027
editarEsta excepción á regra, publicada pola ICZN no ano 2003, fai que prevalezan os nomes específicos dos animais silvestres fronte aos nomes dos animais domésticos.[6]
Homonimia
editarSe dous taxons do mesmo nivel teñen o mesmo nome son homónimos. En todos os casos debe aplicarse o principio de prioridade que outorga validez ao nome descrito en primeiro lugar respecto aos descritos posteriormente. A diferenza nunha letra é suficiente para desfacer a homonimia (calidus que significa "cálido" en latín e callidus que significa "hábil", non son homónimos).
Polo que respecta ao nivel xénero, hai que ter en conta que inclúe as categorías taxonómicas xénero x subxénero e por tanto que nomes de ambas as categorías poden caeren en homonimia.
Por exemplo, Linneo (1758) denominou Bubo a un xénero de aves da familia dos Strigidae; máis tarde, Rambur (1842) describiu o xénero Bubo, xénero de insectos da familia dos Ascalaphidae. Ambos os nomes son do nivel xénero e entran en homonimia. McLachlan (1898) detectou a homonimia e creou o xénero Bubopsis —como nomen novum— para substituír o nome máis recente (o de Rambur); por tanto, o nome válido para ese xénero de insectos é Bubopsis McLachlan, 1898. En definitiva, non poden existir dous nomes xenéricos iguais en todo o reino animal. Por tanto, un zoólogo que describa un xénero novo para a ciencia debe asegurarse de que o nome que elixa non exista xa. É, por tanto, relativamente fácil caer na homonimia. Unha ferramenta útil a este respecto é o Nomenclator Zoologicus en liña, que recolle máis de 340 000 nomes de nivel xénero (xéneros e subxéneros) do reino animal.
Polo que se refire ao nivel especie, o sistema é o mesmo, pero poden darse casos máis complexos, nos que se dea homonimia e sinonimia á vez. Por exemplo:
- A mosca azul común denominouse durante longo tempo Calliphora erythrocephala (Meigen, 1826), e baixo este nome se publicaron a maioría dos traballos sobre a fisioloxía desta especie e, especialmente, algúns moi importantes sobre a súa metamorfose.
- De feito, Meigen describiu a súa especie baixo o nome xenérico de Musca, usado nun sentido amplo, linneano. Pero De Geer describira con anterioridade (1776) unha Musca erythrocephala distinta da mosca azul común. Dúas especies diferentes tiñan, pois, o mesmo nome (homónimos) e o principio de prioridade obrigaba a que o nome máis recente fose cambiado. o nome de Meigen, aínda que hoxe estea noutro xénero distinto de Musca debía ser por tanto rexeitado. En tales casos, ou se crea un nome novo ou se utiliza o sinónimo máis antigo da especie en cuestión.
- Se Calliphora erythrocephala (Meigen, 1826) non houbera tido sinónimos máis recentes, o primeiro taxónomo constatara a homonimia podería rebautizala cun nome escollido por el, por exemplo, Calliphora meigeni ou Calliphora rubrocapitata. Pero Robineau-Desvoidy describira en 1830 unha Musca vicina que realmente era a mesma especie que a de Meigen (a mosca azul común). Por tanto, a situación era a seguinte:
- 1776: Musca erythrocephala De Geer (non mosca azul)
- 1826: Musca erythrocephala Meigen (mosca azul)
- 1830: Musca vicina Robineau-Desvoidy (mosca azul)
- O nome de Meigen debía, segundo o Código, rexeitarse e substituírse polo primeiro sinónimo válido, o de Robineau-Desvoidy:
- Calliphora vicina (Robineau-Desvoidy, 1830)
- = Musca erythrocephala Meigen, 1826 (non De Geer, 1776).
Tipos
editarSegundo o Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, todo taxon de nivel especie debe ter polo menos un espécime do mesmo que serva como elemento de referencia e comparación para outros zoólogos, que será o tipo ou espécime típico da especie ou subespecie. O conxunto de espécimes sobre a que se basea a descrición orixinal do taxon chámase serie tipo ou serie típica. Os tipos poden seren exemplares de calquera sexo ou fase de desenvolvemento (ovo, larva, adulto), completos ou parciais, fósiles ou non e, até 1930, unha mostra achada ou producida poloanimal (fósil ou non), como unha bugalla ou unha pegada (icnofósil).
O Código recoñece os seguintes tipos:
- Sintipos. Todos os exemplares da serie tipo.
- Holotipo. Un exemplar único, elixido entre os sintipos e designado explicitamente.
- Paratipos. O resto de exemplares da serie tipo, excluído o holotipo.
- Lectotipo. Se o autor da descrición orixinal non elixiu un holotipo (práctica común até mediados dos anos 40 ou 50 do século XX), calquera autor posterior debe designar explicitamente de entre os sintipos un exemplar único que se converte no exemplar típico da especie, e que recibe o nome de lectotipo. Equivale ao holotipo cando non houbo designación orixinal.
- Paralectotipos. O resto de exemplares da serie tipo, excluído o lectotipo. Equivalen aos paratipos cando non houbo designación orixinal.
- Neotipo. Un único exemplar, designado explicitamente, que substitúe ao holotipo, ao lectotipo ou aos sintipos perdidos. Non teñen validez as designacións de neotipos para taxons amplamente coñecidos e sen problemas taxonómicos que as xustifiquen.
- Alotipo. Espécime paratípico do sexo oposto ao do holotipo. O seu uso está contemplado no Código, porén non terá os atributos formais dun holotipo (ver a Recomendación 72A).
Todos os tipos deben rotularse adecuadamente cunha etiqueta conspicua e custodiarse de forma especial polas persoas ou institucións que os amparen, permitindo o seu estudo a todos os zoólogos, xa que son patrimonio da Zooloxía.
Notas
editar- ↑ ICZN, 1999, Introdución.
- ↑ Houbo unha única versión en castelán: Cabrera, A. (1914): "Código de nomenclatura zoológica vigente en la actualidad con una introducción histórica". Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. 14: 311-337.
- ↑ Alvarado, R. (1962): Código Internacional de Nomenclatura Zoológica. Madrid: Real Sociedad Española de Historia Natural e Instituto "José de Acosta" de Zoología. ISBN 84-0002-735-3.
- ↑ Porén, nalgúns casos (obras de divulgación, guías de campo, textos escolares), hai autores que usas "diéreses" ou gurupos ""aae", como en Aquila chrysaetos (a aguia real), que grafan como Aquila chrysaëtos ou Aquila chrysaaetos para sinalar que a pronuncia en latín non é -e-, senón -ae-).
- ↑ Dada a igualdade que a galeguización das terminacións latinas dos nomes das subfamilias, tribos e subrtribos é idéntica, para evitarmos as confuisións, en obras de divulgación deben usarse os nomes latinos, o ben indicar: homininos (subfamilia), homininos (tribo) e homininos (suntribo).
- ↑ International Commission on Zoological Nomenclature. "Opinion 2027 (Case 3010): Usage of 17 specific names based on wild species which are pre-dated by or contemporary with those based on domestic animals (Lepidoptera, Osteichthyes, Mammalia): conserved". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2011. Consultado o 2 de abril de 2020.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- International Commission on Zoological Nomenclature (1999): International Code of Zoological Nomenclature. International Trust for Zoological Nomenclature. ISBN 0-8530-1006-4 (contido en liña en inglés aquí)
- Matile, L.; Tassy, P. & Goujet, D. (1987): Introduction à la systématique zoologique: concepts, principes, méthodes. París: Société française de systématique. ISBN 2-9068-9200-9.
- Monserrat, V. J. & Alonso-Zarazaga, M. A. (2004): "Fundamentos de la nomenclatura zoológica". En: Barrientos, A. (ed.): Curso práctico de Entomología. Barcelona: Manuals de la Universitat Autònoma de Barcelona, 41: 13-26. ISBN 84-4902-383-1.
Outros artigos
editar- Código Internacional de Nomenclatura Botánica
- Código Internacional de Nomenclatura de Bacterias
- Comité Internacional de Taxonomía de Virus
Ligazóns externas
editar- Comisión Internacional de Nomenclatura Zoológica.
- Nomenclator Zoologicus en liña, con nomes de nivel xénero do reino animal.
- Zoobank, con 1,5 millóns de nomes científicos de animais.
- Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, Cuarta Edición, versión oficial en castelán Arquivado 25 de outubro de 2019 en Wayback Machine. e en PDF.
- Emenda 2012 Arquivado 08 de agosto de 2016 en Wayback Machine. ao Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, en PDF.