Célula folicular tiroide

Non confundir coas células dos folículos ováricos (ver célula da granulosa)

As células foliculares tiroides ou, simplemente, células foliculares (tamén chamadas células epiteliais tiroides ou células principais tiroides), son as células máis abundantes da glándula tiroide, responsables da produción e secreción das hormonas tiroides tiroxina (T4) e triiodotironina (T3).

Folículos tiroides. 1. Coloide. 2. Epitelio do folículo. 3. Endotelio vascular.

O tecido da tiroide está constituído por unha serie de folículos máis ou menos esféricos cada un dos cales está formado por un epitelio de células foliculares tiroides, entanto que o interior do folículo é unha cavidade chea dun coloide proteico xelatinoso, onde se almacenan as hormonas producidas. Os folículos están rodeados por unha fina membrana basal. As células foliculares están acompañadas no órgano polas células parafoliculares ou células C produtoras de calcitonina.

Funcións editar

 
Síntese das hormonas tiroides.[1]

As células epiteliais ou foliculares da tiroide captan iodo e aminoácidos da circulación sanguínea pola súa parte basolateral, e sintetizan as proteínas tiroglobulina e tiroperoxidase e segréganas nos folículos tiroides xunto co iodo. A tiroglobulina contén moitos residuos do aminoácido tirosina, que no coloide vai ser iodado, orixinando as hormonas tiroxina (non confundir co aminoácido tirosina) e triiodotironina, unidas á tiroglobulina. As células foliculares poden despois captar do coloide do centro do folículo a tiroglobulina iodada por endocitose, extraer as hormonas tiroides coa axuda de proteases, e posteriormente liberar as hormonas tiroides no sangue.

As hormonas tiroides son transportadas polo corpo por vía sanguínea, e controlarán o metabolismo das células de todo o corpo. Unha glándula tiroide normal produce un 80% de T4 e un 20% de T3, aínda que a T3 é catro veces máis potente ca a T4.

Transporte de iodo editar

O iodo é captado na parte basolateral da célula por un sistema de simporte de sodio-ioduro.[2] É secretado ao interior do folículo polo transportador de clururo/ioduro pendrina, situado na membrana do lado apical da célula.

Características editar

 
Sección dunha glándula tiroide de ovella a 160 aumentos.

Son células epiteliais cuboidais e dispostas en folículos esféricos dunha soa capa de células, que rodean a unha cavidade central con coloide. O núcleo é esferoidal, grande, con pouca cromatina e nucléolo. O citoplasma é basófilo. Teñen un aparato de Golgi xustanuclear e mitocondrias con forma de bastón, pouco numerosas e con poucas cristas, lisosomas densos de 0,5 a 0,7 microns apicais, e pingas lipídicas no citoplasma. O retículo endoplasmático ten un desenvolvemento variable. Hai moitas vesículas no citoplasma semellantes ás do aparato de Golgi. As células foliculares están unidas lateralmente por complexos de unión, a súa membrana da parte basal é lisa e o resto pode presentar pequenos microvilli irregulares. A membrana ten na súa superficie diversos transportadores iónicos e o receptor da tirotropina, que responde á hormona estimulante da tiroide (TSH) procedente da adenohipófise ou pituitaria anterior [3].

Orixe editar

A orixe embriolóxica das células foliculares é a masa endodérmica media da rexión da lingua (foramen cecum), a diferenza das células parafoliculares, que proceden da crista neural, a partir do corpo ultimobranquial (4ª bolsa farínxea).

Notas editar

  1. Walter F., PhD. Boron (2003). Elsevier/Saunders, ed. Medical Physiology: A Cellular And Molecular Approaoch. p. 1300. ISBN 1-4160-2328-3. 
  2. Levy, O.; Dai, G.; Riedel, C.; Ginter, C. S.; Paul, E. M.; Lebowitz, A. N.; Carrasco, N. (1997). "Characterization of the thyroid Na+/I− symporter with an anti-COOH terminus antibody". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 94 (11): 5568–5573. Bibcode 1997PNAS...94.5568L. doi:10.1073/pnas.94.11.5568. PMC 20819. PMID 9159113. http://www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=20819.
  3. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 507-511. ISBN 84-7605-361-4

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar