Célula B de memoria
As células B de memoria (ou con memoria) ou linfocitos B de memoria son un subtipo de células B que se forman durante unha infección primaria. Son células de vida longa non efectoras (non interveñen na resposta e permanecen inactivas), que lembran o antíxeno e actúan na resposta secundaria, activándose e diferenciándose en células produtoras de anticorpos, se ese mesmo antíxeno aparece por segunda vez. Nas células de memoria B e T está baseada a memoria inmunolóxica e o mecanismo da vacinación.[1][2]
Resposta primaria, parátopos e epítopos
editarAo inicio da primeira resposta (resposta primaria) a unha infección contra un determinado antíxeno, as células virxes que responden a eles (que nunca antes foron expostas a un antíxeno) sofren unha selección clonal para producir unha colonia de células específicas para ese antíxeno. A maioría deses clons diferéncianse en células plasmáticas, tamén chamadas células B efectoras produtoras de anticorpos, que atacan e intentan eliminar a infección. O resto dos clons non sofren esa diferenciación, senón que permanecen como células B de memoria, que poden vivir moitos anos, como media 10 anos.
O anticorpo producido por un clon (grupo de células xeneticamente idénticas) de células B teñen un parátopo exclusivo dese clon (o parátopo é a secuencia de aminoácidos do extremo dos anticorpos que se une ao epítopo do antíxeno). Isto permite que se una con grande afinidade ao epítopo ao que é específico.
Cada vez que as células son inducidas a proliferar debido a unha infección, a rexión xenética que codifica o parátopo sofre mutacións espontáneas cunha frecuencia de aproximadamente 1 cada 1600 divisións celulares (o cal é unha frecuencia alta comparada con outras células, que teñen unha frecuencia de 1 en cada 106). Este proceso denomínase hipermutación somática.
Resposta secundaria e memoria
editarTodos estes eventos ocorren nos centros xerminais dos folículos linfoides dos ganglios linfáticos.
Algúns dos parátopos resultantes (e das células que os elaboran) teñen unha maior afinidade polo antíxeno (concretamente polo epítopo) e é máis probable que proliferen que outras.
Ademais, con cada exposición ao antíxeno, o número de clons diferentes que responden ao mesmo antíxeno increméntanse (resposta policlonal), e persisten un maior número de células de memoria. Así, as características distintivas da resposta secundaria humoral son unha produción de anticorpos máis forte e específica (basicamente consistente nunha maior cantidade de moléculas de anticorpo).
O feito de que todas as células dun só clon elaboren só un parátopo e que as células de memoria sobrevivan durante longos períodos é o que fai que a resposta inmunitaria teña unha "memoria". Este é o principio que está detrás da vacinación e administración de doses de recordo das vacinas.
Notas
editar- ↑ Airoldi I, Raffaghello L, Cocco C; et al. (January 2004). "Heterogeneous expression of interleukin-18 and its receptor in B-cell lymphoproliferative disorders deriving from naive, germinal center, and memory B lymphocytes". Clin. Cancer Res. 10 (1 Pt 1): 144–54. PMID 14734463. doi:10.1158/1078-0432.CCR-1026-3.
- ↑ Lang ML (Aug 2009). "How do natural killer T cells help B cells?". Expert Rev Vaccines 8 (8): 1109–21. PMC 2747240. PMID 19627191. doi:10.1586/erv.09.56.