Cándido Sanjurjo Fernández

empresario e escritor asturiano

Cándido Sanjurjo Fernández, nado en Abres (A Veiga) o 13 de xaneiro de 1919 e finado o 19 de abril de 2010, foi un escritor, empresario e investigador asturiano.

Cándido Sanjurjo Fernández
Nacemento13 de xaneiro de 1919
Lugar de nacementoAbres
Falecemento19 de abril de 2010
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Foi o quinto dos oito fillos de Pedro Sanjurjo Barrero-Sotomayor e Josefa Fernández Rodríguez. O pai era capataz de conservación na Sociedad Minera de Vilaodrid, nas minas de ferro de Vilaoudriz. A nai traballaba na Liña Ribadeo - Vilaoudriz como garda no paso a nivel do Fornacho.

En 1928 comezou a ir co mestre Miguel Díaz Álvarez á escola parroquial fundada con cartos da emigración na Arxentina. En xaneiro de 1938, durante a guerra civil española, incorporouse a filas co bando nacional e foi destinado ao Hospital da Nova Facultade de Medicina de Valencia. Xa rematada a guerra foi destinado a Ferrol.

O pai iniciou a explotación dun serradoiro, unha estación hidroeléctrica e muíños, nos que colaboraban os fillos. De regreso a casa trala guerra civil continuou cos seus irmáns a explotación madeireira. Deseñaron un vehículo de extracción, carga e remolque usado posteriormente polas empresas IPV e URO. Despois tivo un negocio de extracción de áridos na ría de Ribadeo.

En 1929 participou como actor nunha representación teatral na inauguración do Pósito Marítimo-Terrestre de Abres, co que colaborou durante corenta anos. Nesa época comezou a ler obras de poetas como Ramón de Campoamor ou Manuel Curros Enríquez. Xunto cos seus irmáns formou a Rondalla de Abres, e entre peza e peza facía trucos de maxia. A finais da década de 1940 comezou a colaborar no Club de Remo Santiago Apóstol de Abres.

En 1981, a raíz da rodaxe dunha curtametraxe-documental sobre a ría na que participou como informante, comezou a colaborar con artigos no semanario La Comarca del Eo co título de "Apuntes sobre el Río Eo", chegando aos case 200 artigos en 25 anos. Ao tempo, axudou a difundir o Camiño do Norte. Nesa época frecuentou a amizade de Álvaro Fernández Suárez, Eustaquio Lago, César Montaña e Dionisio Gamallo .

En 1999 a asociación Amigos de Vegadeo concedeulle o premio Vegadense del año. En 2006 foi pregoeiro da Semana Cultural de Santiso de Abres, de onde era o seu pai. Nese mesmo ano a Asociación San Tirso del Eo concedeulle o premio Terra Viva. En galego escribiu poemas e contos breves que se publicaron esparexidos pola prensa local da zona[1].

Estivo casado con Rosa Quintana Fernández, con quen tivo tres fillos: María del Carmen, José Pedro e Rosa María Sanjurjo Quintana.

Obra editar

  • A pomba de Lucas, incluído en Os contos do xílgaro (1992) de Xoán Babarro e outros.[2]
  • Entre Fonteo y el mar (Consejería de Cultura do Principado de Asturias, 1996)
  • Semblanza breve (2000)
  • José Manuel Gómez-Tabanera García (ed.): En torno al Bimilenario del Eo (Foro Cultural del Noroeste, 2001)

Notas editar

  1. Frías Conde, F. X. (1996-1997). "Nos confíns da literatura galega: escritores asturianos en galego". Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca (5): 223–240. 
  2. Nº 76 da Biblioteca de Autores Galegos de Diario 16 de Galicia.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar