Cámara de Comercio Internacional

A Cámara de Comercio Internacional (inglés: International Chamber of Commerce, ICC; francés: Chambre de commerce internationale) é a maior e máis representativa organización empresarial do mundo.[1] Os seus máis de 45 millóns de membros en máis de 100 países teñen intereses que abarcan todos os sectores da empresa privada.

Cámara de Comercio Internacional
Logo
Sede da ICC Editar o valor em Wikidata
TipoOrganización non gobernamental
Data de fundación1919
Fundador(es)Étienne Clémentel
Presidente/aMaria Fernanda Garza (en) Traducir (-) Editar o valor em Wikidata
En16º distrito de París
PaísFrancia
48°51′51″N 2°17′32″L / 48.864112, 2.292307
Na rede
https://iccwbo.org/
Facebook: iccwbo Twitter: iccwbo LinkedIn: international-chamber-of-commerce Youtube: UCvHchqWN3VfFqigf4mgg27Q Flickr: 95759054@N07 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O actual presidente da ICC é Ajay Banga[2] e John W.H. Denton AO é o actual secretario xeral.

ICC ten tres actividades principais: fixación de normas, resolución de conflitos e promoción de políticas. Como as súas asociacións e empresas membro están relacionadas cos negocios internacionais ICC é unha autoridade en facer regras que rexen os negocios transfronteirizos. A pesar de que estas regras son voluntarias, son utilizadas en milleiros de transaccións cada día e deviñeron parte do comercio internacional.

Unha rede mundial de comités nacionais en máis de 100 países defende as prioridades das empresas a nivel nacional e rexional. Máis de 3 000 expertos procedentes das empresas membro da ICC achegan o seu coñecemento e experiencia para elaborar a postura da ICC en temas específicos de negocios.

ICC apoia o traballo das Nacións Unidas, a Organización Mundial do Comercio e moitos outros corpos intergubernamentais, tanto internacionais como rexionais, como o G20[3], en defensa dos negocios internacionais. ICC foi a primeira organización con estado consultivo xeral do Consello Económico e Social das Nacións Unidas e de Observadora da ONU.[4]

Historia editar

A Cámara de Comercio Internacional foi fundada en 1919 para apoiar o comercio mundial promovendo o negocio e o investimento, os mercados abertos de bens e servizos, e a libre circulación de capital. O secretariado internacional da organización foi estabelecido en París e o Tribunal Internacional de Arbitraxe da ICC foi creado en 1923.

O primeiro presidente da ICC foi o político francés Etienne Clémentel.

 
O primeiro presidente da Cámara de Comercio Internacional, Étienne Clémentel

Afiliación editar

Hai dous xeitos para ingresar na ICC:[5]

  1. Mediante a afiliación a un grupo ou comité nacional da ICC.
  2. Mediante afiliación directa co Secretariado Internacional da ICC cando un grupo ou comité nacional aínda non se estableceu no territorio ou país.

Órganos de goberno editar

Consello Mundial editar

O máximo órgano de goberno da ICC é o Consello Mundial, formado por representantes de comités nacionais. O Consello Mundial elixe os directivos máis altos da ICC, incluíndo o presidente e o vicepresidente, con mandatos de dous anos cada un. O presidente, o vicepresidente e o presidente de honra (o último expresidente) proporcionan á organización liderado de alto nivel.

Consello Executivo editar

A dirección estratéxica da ICC é proporcionada polo seu consello executivo, formado por até 30 dirixentes empresariais e membros ex-officio. É elixido polo Consello Mundial por recomendación do presidente. Reúnese tres veces ao ano e supervisa o establecemento das prioridades estratéxicas da ICC e a implantación das súas políticas.

Secretariado Internacional editar

O Secretariado Internacional da ICC, con sede en París, é o órgano operativo da ICC. Desenvolve e leva a cabo o programa de traballo da ICC, achegando visións empresariais en organizacións intergubernamentais para asuntos que directamente afectan operacións empresariais. O Secretariado Internacional está encabezado polo Secretario Xeral, quen é nomeado polo Consello Mundial.

Comités Nacionais editar

En 92 países do mundo, os membros estableceron estruturas formais da ICC chamadas comités nacionais. En países onde non hai comité nacional, empresas e organizacións como cámaras de comercio e asociacións profesionais poden devir membros directos.

Comité de Finanzas editar

O Comité de Finanzas asesora ao Consello executivo en todos os asuntos financeiros. En nome do Consello Executivo prepara o orzamento e informa ao Consello de forma regular. Revisa as implicacións financeiras das actividades da ICC e supervisa o fluxo de ingresos e gastos da organización.

Servizos de resolución de conflitos editar

O servizo de resolución de conflitos xestionado pola ICC axuda a solucionar dificultades en comercio internacional. A arbitraxe da ICC é un procedemento privado que leva a unha resolución vinculante e executable.

O Tribunal Internacional de Arbitraxe da Cámara de Comercio Internacional dirixe a arbitraxe da ICC e recibiu máis de 24 000 casos dende a súa posta en marcha en 1923.[6] Durante a pasada década a carga de traballo do tribunal aumentou considerabelmente.

A afiliación do tribunal tamén medrou e cobre 85 países e territorios. Con representantes en Norte América, América Latina e Central, África, Oriente Próximo e Asia, o Tribunal da ICC aumentou significativamente as súas actividades de formación en todos os continentes e en todas as linguas importantes utilizadas en comercio internacional.

Os servizos de resolución de conflitos da ICC teñen varias modalidades:

  • A arbitraxe é unha procedemento flexíbel e eficiente de resolución de conflitos que leva a resolucións vinculantes debido á súa executabilidade en todo o mundo.
  • A mediación é unha técnica flexíbel, realizada en privado e de forma confidencial, na cal un facilitador neutral axuda ás partes para buscar unha solución negociada á súa disputa.
  • Os "dispute boards" son corpos independentes deseñados para axudar a resolver os desacordos que xorden durante a vida dun contrato.
  • A pericia é un xeito de atopar á persoa correcta para realizar unha valoración independente en calquera tema relevante para as operacións empresariais.
  • DOCDEX proporciona decisións expertas para resolver conflitos relacionados con créditos documentais, cobros e garantías a primeiro requirimento, incorporando normativa bancaria da ICC.

Os procedementos de arbitraxe rápida aplícanse directamente ás disputas valoradas en dous millóns de dólares ou menos, se o acordo de arbitraxe tivo lugar após o 1 de marzo de 2017, a non ser que as partes especificamente rexeitaran este procedemento no seu acordo.[7]

Política e prácticas empresariais editar

As políticas, normas e estándares da ICC son preparados por corpos de traballo especializados. O procedemento normal require primeiro de declaracións de políticas adoptadas por unha comisión, en consulta con comités nacionais, e logo aprobado polo Consello Executivo, antes de que poidan ser considerados posturas oficiais e públicas da ICC.

As comisións examinan asuntos de política importantes de interese para o comercio mundial. Cada comité nacional (NC) ou grupo pode nomear delegados para representalo en reunións. Os asesores son nomeados polo Presidente e Secretario Xeral en contacto cos NC. As reunións de comisións normalmente teñen lugar dúas veces ao ano.

Os grupos de traballo fórmanse dentro das comisións durante un período limitado para acometer proxectos específicos e informar á comisión. Algúns grupos de traballo poden incluír membros de máis dunha comisión.[8]

Código de publicidade e comunicación de márketing editar

En setembro de 2011, a Cámara de Comercio Internacional presentou o Código de publicidade e comunicación de márketing da ICC, completamente revisado e consolidado, xunto cun sitio web específico (www.codescentre.com) para guiar aos profesionais da publicidade e o márkentin de todo o mundo. Este Código establece directrices e estándares éticos para os negocios que utilizan a tecnoloxía actual que cambia continuamente, ferramentas e técnicas para vender produtos e servizos. Desenvolvido por expertos de todos os sectores da industria e de todas as rexións do mundo, o propósito do código é protexer os consumidores fixando directrices para un márketing responsábel.

O código está estruturado en dúas seccións principais: Disposicións xerais e Capítulos. A sección de Disposicións xerais contén principios fundamentais e outros conceptos amplos que se aplican ao márketing en todos os medios. Os Capítulos do Código son detallados e aplícanse a áreas específicas do márketing, incluíndo: promoción comercial, patrocinio, márketing directo, medios dixitais e declaracións de índole ambiental en márketing comercial.

Federación Mundial de Cámaras de Comercio editar

En 1951, a ICC estabeleceu a Federación Mundial de Cámaras de Comercio (WCF, polas súas siglas en inglés), anteriormente Oficina Internacional de Cámaras de Comercio. WCF é un foro global único que une unha rede mundial de máis de 12 000 cámaras de comercio e industria.[9] Ten como obxectivo facilitar o intercambio de boas prácticas e o desenvolvemento de novos produtos globais e de servizos para as cámaras de comercio; e fomentar as colaboracións internacionais entre cámaras de comercio e outras partes interesadas para axudar aos negocios locais a medrar.[10] WCF é unha organización non gobernamental e apolítica cuxa afiliación comprende cámaras de comercio locais, rexionais, nacionais, bilaterais e transnacionais, así como cámaras de dereito público e privado.

A WCF foi creada pola ICC e as súas cámaras de comercio membros seguindo unha resolución na clausura do Congreso Mundial de Cámaras de Comercio (Roma, 1950). Na sesión inaugural do Comité celebrada en París en decembro de 1950, a WCF foi primeiro bautizada como Oficina Internacional de Información de Cámaras de Comercio. Co crecemento e aumento das súas funcións durante a década de 1960 o seu nome mudou para devir a Oficina Internacional de Cámaras de Comercio, para en xuño de 2001 devir finalmente en Federación Mundial de Cámaras de Comercio.

Cunha historia que se estende durante 400 anos, a día de hoxe existen cámaras de comercio en case cada país e comunidade empresarial ao redor do mundo. As Cámaras de Comercio e Industria poden ser definidas como:

  • organizacións multi-sectoriais que aceptan membros sen restricións por sector
  • non perseguen obxectivos políticos (p.ex., non participan en eleccións ou nomean candidatos para postos políticos)
  • actúan como voz para a comunidade empresarial (p.ex., defenden ás empresas e promoven lexislación que é vantaxosa para os negocios)
  • facilitan a función das cámaras de comercio como axencias de apoio ás empresas locais
  • xestionan a cadea de garantía internacional de ATA Carnets, o documento aduaneiro que permite a exención de dereitos de aduana e a importación temporal libre de impostos de bens
  • melloran a capacidade das cámaras de comercio de emitir certificados de orixe, incluído a administración dunha cadea de certificados de orixe internacionais
  • Rede Mundial de Cámaras de Comercio – plataforma web con servizos que inclúen un directorio global de cámaras de comercio, oportunidades de negocio, servizo de promoción e o programa de acreditación de negocios ChamberTrust
  • servizos de desenvolvemento das cámaras de comercio para profesionais e institucións

A WCF tamén organiza o Congreso Mundial de Cámaras de Comercio Arquivado 13 de novembro de 2016 en Wayback Machine. cada dous anos nunha rexión diferente do mundo. O Congreso é o único foro internacional para que dirixentes de cámaras de comercio e profesionais compartan boas prácticas, intercambien ideas, desenvolvan redes, aborden os últimos asuntos empresariais que afectan ás súas comunidades e coñezan novas áreas de innovación grazas a cámaras de comercio de todo o mundo.

Durante o Congreso, a WCF tamén anuncia os gañadores da Competición Mundial de Cámaras de Comercio Arquivado 03 de novembro de 2016 en Wayback Machine., o único programa de premios mundiais que recoñecen os proxectos máis innovadores acometidos por cámaras de comercio e industria de todo o mundo.

Formación e eventos editar

Organizados en todo o mundo, os eventos da ICC van dende grandes conferencias temáticas a sesións de formación para pequenos grupos. Estes pequenos cursos comparten a experiencia en arbitraxe comercial e os mecanismos de resolución de conflitos da ICC, así como as súas ferramentas comerciais que inclúen os Incoterms, as Regras e Usos uniformes relativos aos Créditos Documentarios (UCP, polas súas siglas en inglés) e os contratos internacionais.[11]

ICC Academy é a rama de formación da Cámara de Comercio Internacional e ofrece certificacións en liña e servizos de desenvolvemento profesional para responder ás necesidades educativas de bancos, sociedades e outras organizacións no vangarda do comercio internacional. Os programas especializados, os cursos en liña e as certificacións son deseñados por expertos e profesionais da Cámara de Comercio Internacional.[12]

Publicacións editar

ICC Publications é o órgano editorial da Cámara de Comercio Internacional que proporciona ás empresas recursos esenciais en tres categorías amplas: regras e directrices da ICC, comentarios prácticos e traballos de referencia. O contido das publicacións da ICC provén do traballo das comisións da ICC, de institucións e expertos internacionais particulares.

ICC publica principalmente para avogados internacionais, árbitros, banqueiros, comerciantes e estudantes; abarcando temas como banca internacional, referencias e termos de comercio internacional e prazos, dereito e arbitraxe, falsificación e fraude, e modelos de contratos comerciais. As publicacións máis coñecidas, Regras e Usos uniformes relativos aos Créditos Documentarios e os Incoterms, están traducidos a máis de 30 idiomas.

ICC ofrece as súas publicacións non só no formato tradicional en papel, senón tamén en formato electrónico (eBooks), na tenda da ICC.[13]

Servizos da ICC en Delitos Comerciais editar

Os Servizos da ICC en Delitos Comerciais (CCS, polas súas siglas en inglés) proporcionan á comunidade mundial de negocios un organismo centralizado de loita contra a delincuencia comercial. Sumándose deste xeito aos recursos dos seus membros na loita contra os delitos comerciais en moitas frontes.

Desde a súa sede en Londres, e abranguendo tres oficinas distintas, CCS funciona en base a dous principios básicos: previr os delitos comerciais e investigar e axudar a perseguir aos criminais implicados en delitos comerciais.

As divisións especializadas de CCS son:

Proxectos especiais e iniciativas editar

Iniciativa Empresarial de Loita contra a Falsificación e a Pirataría (BASCAP) editar

ICC estableceu a Iniciativa de Loita contra a Falsificación e a Piratería (BASCAP, polas súas siglas en inglés) para liderar a loita contra a falsificación e a pirataría.

BASCAP reúne á comunidade empresarial global para identificar e resolver asuntos de dereitos de propiedade intelectual e peticións de maior compromiso ás administracións locais, nacionais e internacionais na execución e protección dos dereitos de propiedade intelectual.

O traballo de BASCAP ten como obxectivos:

  • Incrementar tanto a concienciación como o coñecemento das actividades de falsificación e pirataría e o dano económico e social asociado
  • Obrigar á acción dos gobernos e á dotación de recursos para a execución mellorada dos dereitos de propiedade intelectual
  • Crear unha mudanza cultural para asegurar que a propiedade intelectual é respectada e protexida

BASCAP protesta polo dano causado pola falsificación e pirataría, incluíndo:

  • Dano á economía e perda de posibilidades de emprego
  • Perigo para a saúde do consumidor e a súa seguranza
  • Perda de innovación e produtos de baixa calidade
  • Relacións financeiras co crime organizado
  • Erosión na transferencia de tecnoloxía

Iniciativa Empresarial de Apoio á Sociedade da Información editar

ICC organizou BASIS (polas súas siglas en inglés) a mediados de 2006 para protestar por unha ampla variedade de asuntos fundamentais, incluíndo:[15]

  • Asuntos de gobernanza de Internet como protección de datos, privacidade, seguranza e a administración técnica e coordinación de Internet
  • Liberalización do mercado de telecomunicacións
  • Emprendemento empresarial
  • Innovación
  • As tecnoloxías da información e a comunicación como ferramentas para o desenvolvemento

Comisión de Anticorrupción editar

As Regras de Conduta da ICC teñen como finalidade "situar un programa de integridade eficiente e ben xestionado" para tratar coa corrupción, a extorsión e o suborno.

A Comisión Anticorrupción da ICC publicou primeiro “Loitar contra a corrupción, Un Manual de prácticas corporativas” en 1999; o manual proporciona "orientación práctica detallada para cumprir coas Regras de Conduta da ICC e a Convención da OECD".[16] As regras teñen en conta a Convención das Nacións Unidas contra a Corrupción asinada en Mérida, México, o 9 de decembro de 2003.[17] Hai nove regras de conduta para negocios "de natureza xeral", que poden ser aceptadas voluntariamente e aplicadas a través da auto-regulación no contexto do dereito nacional en suborno e que se aplican a cada negocio.[18] O ICC ve a súa función, e a función da súa Comisión de Anti-Corrupción, para "promover un uso das Regras o máis extenso posíbel".[19]

ICC Business World Trade Agenda editar

ICC, en colaboración coa Cámara de Comercio de Qatar, puxo en marcha a ICC Business World Trade Agenda en marzo de 2012 para proporcionar liderado do sector privado en dar forma a unha nova axenda política de comercio multilateral. A finalidade desta iniciativa é en última instancia rematar a paralización, que xa dura 11 anos, das conversas de comercio multilateral da Organización Mundial do Comercio (WTO, polas súas siglas en inglés) e "alén Doha".

A World Trade Agenda é unha potente acción de iniciativa empresarial para impulsar o comercio baseado en normas. A WTO prestou o seu apoio a esta iniciativa captando negocios para proporcionar recomendacións e así avanzar nas negociacións en comercio global.

A World Trade Agenda ten como finalidade:

  • Definir prioridades de negociación en comercio multilateral para empresas
  • Axudar aos gobernos a marcar unha axenda política para o século XXI que contribúa ao crecemento da economía e á creación de emprego
  • Atopar respostas á crise económica actual e impulsar conversas comerciais máis efectivas
  • Establecer recomendacións concretas para fomentar as negociacións comerciais globais
  • Facer sonar a alarma en casos de proteccionismo
  • Recoller comentarios e apoios da comunidade empresarial mundial sobre prioridades da axenda de comercio e recomendacións para acadar o éxito en Doha.

Dende a súa presentación, a iniciativa World Trade Agenda organizou consultas con directores xerais e altos executivos nas principais rexións do mundo para recoller comentarios e apoios ás súas recomendacións. Estas prioridades empresariais foron publicadas durante a cimeira da ICC World Trade Agenda o 22 de abril de 2013 en Doha.

O Acordo sobre Facilitación do Comercio foi finalmente adoptado na 9ª Conferencia Ministerial da WTO o 7 de decembro de 2013. Foi o primeiro acordo de importancia en facilitación do comercio alcanzado dende a creación da WTO.[20]

ICC e as Nacións Unidas editar

Dende 1946, a ICC ostenta o maior estado de consulta con Nacións Unidas e unha relación de traballo próxima coas súas axencias especializadas. O actual Representante Permanente da ICC para a ONU é Andrew Wilson. O 21 de decembro de 2016 a Cámara de Comercio Internacional recibiu o estado de Observador na Asemblea Xeral da Nacións Unidas seguindo a Resolución da Asemblea Xeral (A/RES/71/156)[21] O 13 de decembro de 2016, a ICC recibiu o estado de Observador por parte de 193 membros da Asemblea Xeral da ONU. ICC asumiu a súa posición como Observador da Asemblea Xeral o 1 de xaneiro de 2017.

Fundación de Investigación da ICC editar

A Fundación de Investigación da ICC (ICCRF, polas súas siglas en inglés) foi establecida en 2010 pola ICC para encargar investigacións independentes que contribúan ao coñecemento público, á educación e ao debate dos beneficios do comercio e o investimento global. Os proxectos investigadores financiados pola ICCRF e dirixidos por investigadores e organizacións internacionais punteiros, contribúen aos seguintes obxectivos:

  • Demostrar como a expansión do comercio e o investimento internacional crean emprego e crecemento
  • Establecer que un enfoque multilateral é particularmente beneficioso para este fin
  • Documentar como o proteccionismo traballa contra o interese público erosionando o emprego, o crecemento sustentábel e a economía de mercado
  • Promover un coñecemento máis profundo entre responsábeis políticos, medios e público xeral dos beneficios do comercio e o investimento global

A Fundación de Investigación da ICC está dirixida por un consello de administradores, entre os que se atopan Cherie Nursalim e Gerard Worms.[22]

Notas editar

  1. Kenton, Will (11 de outubro de 2021). "International Chamber of Commerce (ICC)". Investopedia. Consultado o 20 de decembro de 2021. 
  2. "ICC elects Mastercard CEO Ajay Banga as new Chair". International Chamber of Commerce. 23 de xuño de 2020. Consultado o 20 de decembro de 2021. 
  3. "G20". International Chamber of Commerce. Consultado o 20 de decembro de 2021. 
  4. "ICC granted UN Observer Status". International Chamber of Commerce. 13 de decembro de 2016. Consultado o 20 de decembro de 2021. 
  5. "Joining ICC as a Direct Member". International Chamber of Commerce. Consultado o 20 de decembro de 2021. 
  6. ICC Booklet "Rules of Arbitration and Rules for a Pre-Arbitral Referee Procedure", P. 7, Francia 2005
  7. "Using fast track arbitration for resolving commercial disputes". Norton Rose Fulbright. Marzo de 2018. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  8. "Global issues & trends". International Chamber of Commerce. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  9. "World Chambers Federation". International Chamber of Commerce. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2021. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  10. "World Chambers Congress (WCC)". International Chamber of Commerce. Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2016. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  11. "ICC Events". International Chamber of Commerce. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2009. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  12. "International Chamber of Commerce (ICC) Academy - Certifications in Int'l Trade & Finance". EduMaritime. 17 de novembro de 2021. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  13. "Explore our products". International Chamber of Commerce. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  14. "Counterfeiting Intelligence Bureau". ICC Comercial Crime Services. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  15. "Business Action to Support the Information Society (BASIS)". International Chamber of Commerce. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  16. ICC, ICC Rules of Conduct and Recommendations to Combat Extortion and Bribery (2005 Edition), consultado o 21 de decembro de 2021
  17. ICC, Combating Extortion and Bribery: ICC Rules of Conduct and Recommendations, 2005 edition Arquivado 17 de novembro de 2021 en Wayback Machine., General Introduction, consultado o 21 de decembro de 2021
  18. ICC, Combating Extortion and Bribery: ICC Rules of Conduct and Recommendations, 2005 edition Arquivado 17 de novembro de 2021 en Wayback Machine., Part I: Rules of Conduct to Combat Extortion and Bribery, consultado o 21 de decembro de 2021
  19. ICC, Combating Extortion and Bribery: ICC Rules of Conduct and Recommendations, 2005 edition Arquivado 17 de novembro de 2021 en Wayback Machine., Part II: Follow-up and Promotion of the Rules, consultado o 21 de decembro de 2021
  20. "World Trade Agenda". International Chamber of Commerce. Consultado o 21 de decembro de 2021. 
  21. Asemblea Xeral das Nacións Unidas, Sesión 71, Resolución 156, Observer status for the International Chamber of Commerce in the General Assembly, consultado o 21 de decembro de 2021
  22. "Our People". ICC Research Foundation. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2021. Consultado o 21 de decembro de 2021. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar