Bulgur

prato elaborado con trigo típico de Oriente Medio

O bulgur (do turco bulgur) é un alimento feito de trigo duro escascado que se comercializa vaporizado, desecado e triturado, moi utilizado na cociña de Oriente Próximo[1].

Bulgur cru.
Algunhas variantes de bulgur nun supermercado de Turquía.

Nomes editar

Coñecido como burghul nos países de Oriente medio (especialmente en Siria, Palestina e Líbano, onde é o ingrediente de pratos coma o tabulé, o kibbeh e mujaddara) e África do Norte, como bulgur en Turquía e trigo burgol en certos países de América Latina. A etimoloxía da palabra demostra que ten orixe turca ou persiana en forma de "burgul".[2][3]

Elaboración editar

 
Coza do trigo para facer bulgur nunha vila do centro de Turquía.

Para a elaboración tradicional do bulgur, cócense os grans de trigo nun caldeiro profundo con auga, remexendo decote para que a coza sexa uniforme, e engadindo auga segundo se vaia consumindo. É unha coza longa, primeiro a lume forte e despois máis maino, para que o trigo se coza devagar. Unha vez feito, escóase e déixase secar ao sol nos eirados ou azoteas das casas durante varios días.[4]

Tras esta operación os grans de trigo son esmagados nunha operación de moenda que dá por resultados uns grans crebados irregulares, tíraselles o farelo e calíbranse empregando peneiras de distinto calibre. Perfecciónase o enxugado deixando de novo o bulgur varios días a asollar. Obtéñense tres tipos de bulgur, groso, fino e moi fino. A longa cocedura e o coidadoso enxugado do bulgur fan que se conserve durante moito tempo. Doutra banda é un alimento precociñado, o que permite aforrar tempo e combustíbel no intre de o preparar para o seu consumo.[4]

Contidos nutricionais editar

 
"Bulgur pilavı", unha comida turca, con iogur.

O bulgur ten as mesmas propiedades nutricionais ca o trigo. Rico en ferro, fósforo, magnesio e vitaminas, o seu interese principal reside na súa riqueza en glícidos lentos. Ten un índice glicémico de 46.

Cen gramos de bulgur sen arranxar conteñen preto de:

  • Enerxía: 1.500kJ/360 kcal
  • Fibras: 8 g
  • Proteínas: 12,5 g
  • Carbohidratos: 69 g dos cales 0,8 g son azucres.
  • Graxas: 1,75 g dos cales 0,2 g son graxas saturadas.

Notas  editar

  1. Definición e nome en galego en Dicionario de alimentación e restauración, VV. AA. (2012) Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. "Definition of bulgur", Merriam-Webster (en inglés)
  3. "bulgur", en NişanyanSözlük (en turco)
  4. 4,0 4,1 Franconie, Hélène, Chastanet, Monique, Sigaut, François.