Bula

(Redirección desde «Bula pontificia»)

Unha bula é un documento selado con chumbo sobre asuntos políticos ou relixiosos. No segundo caso, se está autentificada co selo papal, recibe o nome de bula papal ou bula pontificia. O nome bula procede do latín bulla, termo que fai referencia a calquera obxecto redondo artificial, e nun principio utilizábase para referirse á medalla que portaban ó pescozo, na Roma Antiga, os fillos das familias nobres até o momento en que vestían a toga.

Bula do papa Urbano VIII co selo (bula) de chumbo.

Xeralmente chámase bulas ós documentos pontificios que son expedidos pola Chancelería Apostólica papal sobre determinados asuntos de importancia dentro da administración clerical e mesmo civil, constituíndose nun dos instrumentos máis estendidos nos que se fundamenta e expande a autoridade do pontífice.

Desde un punto de vista formal, a bula é solemne e moi característica. Levaba un selo de chumbo cunha cruz no centro e unha representación de San Pedro e San Pablo, mentres que no reverso incluíase o nome do Papa do momento da súa publicación e o ano do pontificado. Normalmente envíase ó arcebispo da diocese, quen á súa vez a fará chegar á parroquia. Está escrita en latín e se aparece en castelán é pola tradución feita desde o arcebispado; nese caso considérase unha copia.

En canto ó seu contido, as bulas expresan diversos mandatos en materia de ordenanzas e constitucións, condenacións doutrinais, concesión de beneficios, xuízos da Igrexa, decretos de indulxencias, de señoríos eclesiásticos etcétera.

Cando a bula é de extensión e/ou importancia menor denomínase breve.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar