Bruxelas

capital de Bélxica
(Redirección desde «Bruxelles»)

A Cidade de Bruxelas[1][2][3] (Ville de Bruxelles en francés, Stad Brussel en neerlandés, Stadt Brüssel en alemán) é o meirande concello e centro histórico da Rexión de Bruxelas-Capital, así como a capital de Flandres (da que non forma parte) e de Bélxica.[4][5] A cidade tamén o centro administrativo da Unión Europea e acolle un bo número das súas institucións no Barrio Europeo.[6][7]

Modelo:Xeografía políticaBruxelas
Brussel (nl)
Bruxelles (fr)
Brussele (wa) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

Nomeado en referencia apantano e fogar Editar o valor em Wikidata
Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 50°50′48″N 4°21′06″L / 50.8467, 4.3517Coordenadas: 50°50′48″N 4°21′06″L / 50.8467, 4.3517
EstadoBélxica
RexiónRexión de Bruxelas-Capital
Distritodistrito de Bruxelas-Capital Editar o valor em Wikidata
Capital de
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación188.737 (2022) Editar o valor em Wikidata (5.705,47 hab./km²)
Lingua oficiallingua francesa
lingua neerlandesa Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie33,08 km² Editar o valor em Wikidata
Bañado porRio Senne (pt) Traducir, Canal Bruxelas-Charleroi (pt) Traducir e Canal marítimo Bruxelas-Escalda (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Altitude70 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación 1 de outubro de 1795:  causado por Revolución Francesa Editar o valor em Wikidata
Santo padrónArcanxo Miguel, Gudula de Bruxelas (pt) Traducir e Gaugericus (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Organización política
• Alcalde Editar o valor em WikidataPhilippe Close (2017–) Editar o valor em Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Código postal1000, 1020, 1040, 1050, 1120 e 1130 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico02 Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio webbruxelles.be Editar o valor em Wikidata
Facebook: BXLbrusselscity Twitter: CityBrussels Instagram: bxl_online LinkedIn: ville-de-bruxelles Youtube: UC7YWA0rVhvyms5YsvYZiSeA TikTok: bxl_online Editar o valor em Wikidata

Ademais da cidade histórica central situada dentro do Pentágono, a cidade de Bruxelas abrangue algúns dos arredores inmediatos da cidade dentro da gran Rexión de Bruxelas-Capital, é dicir, os antigos municipios de Haren, Laeken e Neder-Over-Heembeek ao norte, así como como a avenida Louise/Louizalaan e o parque Bois de la Cambre/Ter Kamerenbos ao sueste, onde limita cos municipios de Flandres.

Segundo datos do 1 de xaneiro de 2022, a cidade de Bruxelas tiña unha poboación total de 188 737 habitantes. Cunha área de 33,09 km², ten unha densidade de poboación de 5 700 hab/km². En 2007, había unhas 50 000 persoas non belgas rexistradas na cidade.[8] Ao igual que o resto dos concellos da Rexión de Bruxelas-Capital, é legalmente bilingüe en francés e flamengo.

Historia editar

 
Concello de Bruxelas

Bruxelas celebrou o seu milenario en 1979, a historiografía tradicional data a fundación de Bruxelas en 979 pero ningún escrito ou fonte arqueolóxica permitiu corroborar esa data. Atópanse nela os edificios sede das principais institucións da Unión Europea. Aínda que o primeiro poboamento do val semella datar da época merovinxia (século VII, Bruocsella, "morada no pantano"), coa presenza dalgúns pequenos oratorios ou capelas, é no século X cando os duques de Brabante constrúen un castrum fortificado nunha das illas do cativo río Senne xunto a unha daquelas, a de St. Gery.[9]

Por outra banda, o leste do río, os pés do outeiro do Treurenberg, xunto a outra, a da patroa local Santa Gúdula, comeza a medrar un poboamento no que era o camiño que unía a rexión renana con Flandres. Entrambos los dous sitios conformouse un burgo en torno a praza do mercado, que logo será a Grand-Place.

É no século XI candos os duques deciden trasladar a súa residencia a un castelo que constrúen noutro outeiro ao sur do Treurenberg, o de Couldenberg. De seguido rodéase todo o conxunto cun cinto de murallas. Este triángulo, St.Gery no río co porto, Santa Gúdula onde se construirá a catedral de San Miguel, e o palacio ducal do Coudenberg, será a armazón básica e nodal da futura cidade.[10]

Bruxelas vai crecer rapidamente co comercio da súa rica industria de panos ata converterse nunha das maiores cidades de Europa no século XIV, desbordando os antigos muros e obrigando a construción dun novo recinto amurallado de preto de oito quilómetros (1379). É con este esplendor cando na praza do mercado constrúese a Casa do Concello (1402-54) gótico flamíxero, e os duques amplían e embelecen o seu Palacio do Coudenberg, facendo da cidade o centro dunha rica actividade artística e cultural (pinturas de Rogier van der Weyden, escultura fonte do Manneken-Pis, de Hieronymus Duquesnoy o Vello; Rubens máis tarde...).[11]

A finais do século XVII, a cidade é bombardeada polo exército francés. A destrución é grande, pero os burgueses reaccionan coa reconstrución do abraiante conxunto que rodea a Grand-Place.[12] Lamentablemente, nun incendio en 1731 pérdese a xoia que representaba o conxunto do Palacio Ducal.[13] No seu lugar aparecen hoxe a Praza e o Palacio Real así coma o museo de belas artes.

A decadencia continuou con Bruxelas coma un centro menor (capital da recentemente creada Bélxica en 1830),[14] e só as obras de Victor Horta pertencentes ao art nouveau coma feito arquitectónico destacable no final do XIX.

Trala segunda guerra mundial, a cidade celebra a Feira Mundial de 1958 (co famoso Atomium). Doutra banda, na década dos cincuenta comeza a tomar forma a idea dunha unión europea e comezan a crearse organismos e faise necesaria unha sede. A situación xeográfica de Bruxelas e o feito de pertencer a un país pequeno axuda que se converta na sede de organismos internacionais, especialmente os da Comisión Europea co que pasa a ser a capital de facto da Unión Europea. Os edificios administrativos da mesma concéntranse no Quartier Leopold, ao leste do Palacio Real.[15]

A Cidade de Bruxelas é o máis grande dos 19 municipios que compoñen a rexión de Bruxelas-Capital, unha das tres rexións, xunto con Flandres e Valonia en que está dividida Bélxica. A primeiros de xaneiro de 2006, a cidade tiña unha poboación de 153.659 habitantes.

Aínda que oficialmente a Cidade de Bruxelas é a capital de Bélxica, na práctica é a Rexión de Bruxelas-Capital a que exerce como tal, como tamén é a capital das comunidades francófona e flamenga de Bélxica, a rexión tiña unha poboación de 1 067 162 habitantes, nunha área de 161 km², o que lle confire unha densidade de poboación de 6.601 habitantes por km². A aglomeración urbana, que se estende para alá das fronteiras da rexión, ten preto de 1 774 000 habitantes.

Barrios editar

Pentágono editar

 
Mapa do Pentágono de Bruxelas e os seus barrios (nomes en francés).

O Pentágono ou o centro da cidade de Bruxelas[16] é a zona histórica de Bruxelas que se atopa dentro dos límites da circunvalación interior do Anel Pequeno. O Anel Pequeno está situado no lugar das segundas murallas de Bruxelas, que foron construídas no século XVI. Como na maioría das cidades europeas, estas murallas foron substituídas por grandes bulevares a finais do século XIX.

O Pentágono, dentro do Anel Pequeno, ten unha superficie de 4,61 km² e ten forma máis ou menos pentagonal ou de corazón, de aí o seu nome. En 2013, 51 566 persoas vivían alí, principalmente no barrio de Marolles/Marollen e ao oeste dos bulevares centrais.[17] A maioría da poboación de Bruxelas vive fóra do Pentágono, na zona norte do municipio.

Barrio Central editar

Atópase no corazón da illa de Saint-Géry/Sint-Goriks, formada polo río Senne, e sobre a que se construíu unha primeira torre sobre o ano 979, onde se sitúa a orixe de Bruxelas. Hoxe, o barrio dos Halles Saint-Géry/Sint-Gorikshallen, un antigo mercado cuberto, é un dos barrios máis modernos da capital. Neste Barrio Central (en francés: Quartier du Centre, en neerlandés: Centrumwijk), hai algúns vestixios das primeiras murallas de Bruxelas do século XIII, que rodeaban a zona comprendida entre o primeiro porto do Senne, a antiga igrexa románica (máis tarde substituída pola catedral gótica brabantina de San Miguel e Santa Gúdula), e o antigo palacio ducal de Coudenberg no actual Barrio Real. No centro deste triángulo están a Grand-Place/Grote Markt (praza principal de Bruxelas); o barrio de Îlot Sacré, que toma o seu nome pola súa resistencia aos proxectos de demolición, atravesado el mesmo polas Galerías Reais Saint-Hubert; o barrio de Saint-Jacques/Sint-Jacobs, que acolleu aos peregrinos camiño de Santiago de Compostela; así como o antigo edificio da Bolsa de Bruxelas, construído no lugar dun antigo convento franciscano, cuxos restos quedaron ao descuberto.[18]

Barrio Real editar

O Barrio Real (en francés: Quartier Royal, en neerlandés: Koninklijke Wijk ou Koningswijk) chámase así porque acolle, por unha banda, a Place Royale/Koningsplein ("Praza Real" ou "Praza do Rei"), construída baixo mandato de Carlos Alexandre de Lorena no outeiro de Coudenberg, no lugar do antigo Palacio dos Duques de Brabante, do que aínda existen certos niveis de cimentación, e, por outra banda, o Palacio Real de Bruxelas, que se enfronta ao Parque de Bruxelas, por outro lado, da que é o Parlamento Federal de Bélgica. Debaixo do Distrito Real atópase a Estación Central e o Mont des Arts/Kunstberg onde se atopan a Biblioteca Real de Bélxica (KBR), a Filmoteca Real Belga (Cinematek), o Centro de Belas Artes de Bruxelas, o Museo do Cine, o Museo de Instrumentos Musicais (MIM), o Museo BELvue e os Museos Reais de Belas Artes de Bélxica.

Barrio do Sablon/Zavel editar

Desde a Place Royale/Koningsplein, a Rue de la Régence/Regentschapsstraat atravesa o barrio do Sablon/Zavel (en francés: Quartier des Sablons, neerlandés: Zavelwijk), que se compón da praza Grand Sablon/Grote Zavel ao noroeste e a pequena praza e xardín Petit Sablon/Kleine Zavel no sueste, dividida pola igrexa da Nosa Señora do Sablon. É un barrio elegante, onde se celebra un mercado de antigüidades, e no que os comerciantes de antigüidades e de arte, así como outras tendas de luxo, teñen os seus negocios. Non lonxe de alí estaba o edificio Art Nouveau coñecido como Casa do Pobo/Volkshuis, do famoso arquitecto Victor Horta, ata a súa demolición en 1965. O Sablon tamén acolle o Palacio de Egmont e o conservatorio Real de Bruxelas.

Barrio de Marolles/Marollen editar

Á sombra do xigantesco Palacio de Xustiza atópase o antigo barrio de Marolles/Marollen (francés: Quartier des Marolles, neerlandés: Marollenwijk, non confundir con Marolle que os puristas delimitan a tan só sete rúas). Dende a Place de la Chapelle/Kapellemarkt á Place du Jeu de Balle/Vossenplein, onde se celebra un mercado na rúa dende o ano 1873, pola Rue Haute/Hogestraat e a Rue Blaes/Blaestraat, onde as tendas de segundas man e as tendas de proximidade foron substituídas por tendas de antigüidades, o que supuxo un gran cambio no barrio. A Cité Hellemans, un bo exemplo de conxuntos de vivendas colectivas de principios do século XX, tamén se atopa en Marolles. A Rue Haute, unha das rúas máis longas e antigas da cidade, segue o curso dunha antiga estrada galorromana, e percorre o Hospital de San Pedro, construído en 1935 no lugar dun hospital de leprosos, para rematar na porta de Halle, o único supervivente da serie de portas que permitían o paso dentro das segundas murallas de Bruxelas.

Barrio de Midi–Lemonnier ou de Stalingrado editar

É no corazón do barrio de Midi–Lemonnier (francés: Quartier Midi–Lemonnier, neerlandés: Lemmonier–Zuidwijk) onde hoxe se atopa a Praza Rouppe/Rouppeplein, a primeira estación do sur de Bruxelas, chamada estación de ferrocarril de Bogards polo convento homónimo a partir do que se construíu, e do que a Rue des Bogards/Bogaardenstraat é hoxe a única referencia desde 1839, no termo da liña sur. A antiga presenza dunha estación neste lugar explica tamén o ancho infrecuente da actual Avenida de Stalingrado/Stalingradlaan, que vai desde a praza ata o Anel Pequeno, despexada das súas vías férreas desde a inauguración da estación de Bruxelas Sur, construída fóra do Pentágono en 1869. Por iso, o barrio chámase ás veces o barrio de Stalingrado (francés: Quartier Stalingrad, neerlandés: Stalingradwijk). Ao mesmo tempo, trala cobertura do río Senne, o barrio viu a construción de grandes bulevares centrais ao estilo Haussmann, incluíndo o bulevar Maurice Lemonnier/Maurice Lemonnierlaan, limitado pola Praza Fontainas/Fontainasplein e a Praze Anneessens/Anneessensplein (antiga localización do mercado vello), así como polo Palacio do Midi. Cada domingo pola mañá, o distrito de Midi acolle o segundo mercado máis grande de Europa.

Barrio do Senne/Zenne ou de Dansaert editar

Os terreos húmidos e pantanosos arredor das actuais Rue de la Senne/Zennestraat e Rue des Fabriques/Fabriekstraat foron ocupados por artesáns dende a Idade Media. Un brazo do río atravesaba as defensas das segundas murallas ao nivel da Porta de Ninove e da Petite Écluse/Kleine Sluis ("Pequena esclusa"), que servía de porto, cuxo extremo permaneceu alí ata os anos 1960. Máis tarde, pequenas industrias e moitas cervexarías artesanais (agora desaparecidas) establecéronse na zona, o que aínda queda patente polos nomes de Rue du Houblon/Hopstraat ("Rúa do lúpulo") e Rue du Vieux Marché aux Grains/Oude Graanmarktstraat ( "Rúa do Antigo Mercado de Gran"). A Torre de Tiro (Tour à Plomb), que se utilizaba para a fabricación de balas de chumbo para a caza, e a Rue de la Poudrière/Kruitmolenstraat ("Rúa da Pólvora"), tamén testemuñan as antigas actividades do barrio. Desatendido durante moito tempo como consecuencia do traslado de negocios fóra do centro da cidade, o barrio de Senne/Zenne (francés: Quartier de la Senne, neerlandés: Zennewijk) é dende hai uns anos obxecto dun novo interese e está a ser xentrificado debido aos moitos locais industriais en desuso converténdose en vivendas. A zona arredor da Rue Antoine Dansaert/Antoine Dansaertstraat converteuse nun barrio de moda e está atraendo a unha poboación máis nova, máis acomodada e na súa maioría de fala holandesa. Esta nova situación, que ten como consecuencia a suba dos alugueiros, non está exenta de problemas para os habitantes menos afortunados do barrio.

Barrio do Porto ou Marítimo editar

O Barrio do Porto (francés: Quartier des Quais, neerlandés: Kaaienwijk) é o do antigo porto de Bruxelas, que desempeñou durante moito tempo o papel de "ventre" da cidade. Os barcos procedentes do río Escalda penetraban pola antiga Porta de Rivage, no lugar da actual Place de l'Yser/Ijzerplein, para unirse a unha das canles, cuxos peiraos estaban reservados cada un para un tipo de mercadorías. Cubertos no século XIX, na apertura do novo porto de Bruxelas, as canles foron substituídas por amplos bulevares, cuxos dous lados conservan nos seus nomes a lembranza da súa antiga función: o Quai aux Briques/Baksteenkaai ("Peirao de ladrillos"), o Quai au Quai au Bois à Brûler/Brandhoutkaai ("Peirao de leña"), o Quai aux Pierres de Taille/Arduinkaai ("Peirao de pedra de canteira"), o Quai au Foin/Hooikaai ("Peirao da palma"), etc., ou referencias ás actividades comerciais do barrio: a Rue du Magasin/Pakhuisstraat ("Rúa do almacén"), a Rue des Commerçants/Koopliedenstraat ("Rúa dos comerciantes"), a Rue du Marché aux Porcs/Varkensmarktstraat ("Rúa do mercado do porco") e a Quai du Commerce/Handelskaai ("Peirao de comercio"). Ademais dos peiraos, numerosas casas burguesas, noutrora pertencentes a ricos comerciantes, conservan as entradas dos almacéns. No Boulevard d'Ypres/Ieperlaan aínda se pode un cruzar con grosistas de alimentos, fornecidos hoxe en día por camións, que substituíron os barcos. O barrio tamén inclúe a beguinaxe de Bruxelas, coa Igrexa de San Xoán Bautista e o notable Gran Hospicio Pachéco.

Barrio de Marais–Jacqmain editar

Poucos dos edificios do barrio Marais–Jacqmain (francés: Quartier Marais–Jacqmain, neerlandés: Jacqmain–Broekwijk) escaparon da demolición do século XX, desde o Boulevard Pachéco/Pachecolaan ata a Rue Neuve/Nieuwstraat. Foron substituídos pola Cidade Administrativa do Estado, imprentas, instalacións bancarias e galerías comerciais. A tendencia actual é recuperar a mestura social do barrio mediante a reurbanización de antigos edificios de oficinas en vivendas. A pesar do aspecto sombrío do barrio, a tradición do Meyboom mantívose durante séculos, e as antigas Magasins Waucquez modernistas de Victor Horta conserváronse e albergan, desde 1993, o Centro Belga da Banda Deseñada. Outro illote conservado é a Place des Martyrs/Martelaarsplein, de estilo neoclásico do século XVIII, que se foi renovando aos poucos. As vítimas da Revolución belga de 1830 están soterradas alí nunha cripta aberta cun monumento. Preto atópase a Rue Neuve, unha das principais rúas comerciais de Bélxica, cos seus dous lados, de máis de 1 quilómetro de lonxitude, case enteiramente ocupada por tendas; o Boulevard Adolphe Max/Adolphe Maxlaan, unha arteria tradicional do século XIX; e o Boulevard Émile Jacqmain/Émile Jacqmainlaan (onde está instalado o Teatro Nacional de Bélxica desde 2004) preto da Place de Brouckère/De Brouckèreplein. Esta última, unha praza moi concorrida no centro da cidade, está dominada no seu extremo sur por dúas torres de edificio tipo bloque, pero para o resto conservou as súas antigas fachadas totalmente (Hotel Metropole e o seu veciño o Hotel Atlanta) ou parcialmente (cine UGC) .

Barrio da Liberdade editar

O Barrio da Liberdade (francés: Quartier des Libertés, neerlandés: Vrijheidswijk) está situado entre o Parlamento Federal de Bélxica e a Rue Royale/Koningsstraat, non moi lonxe do cruzamento co Anel Pequeno, e ten como punto focal a Columna do Congreso, construída en memoria do Congreso Nacional de Bélxica de 1830–31, fundador das liberdades democráticas en Bélxica, baixo o cal tamén se atopa a Tumba do soldado descoñecido cunha chama eterna. Non moi lonxe de alí está o Hotel Astoria, que data de 1911, que actualmente está en proceso de reforma e ampliación, e que se reabrirá nos próximos anos. No século XIX, o distrito era coñecido como Notre-Dame-aux-Neiges/Onze-Lieve-Vrouw-ter-Sneeuw e estaba habitado na súa maioría por xente de clase traballadora. A vontade das autoridades de limpar as partes miserables da cidade provocou a expulsión da poboación e a total destrución do barrio. Durante o último cuarto de século desenvolveuse un novo barrio burgués. A elección foi feita para conmemorar a Independencia de Bélxica: a Place de la Liberté/Vrijheidsplein ("Praza da Liberdade"), a Place des Barricades/Barricadenplein ("Praza das Barricadas"), a Rue de la Révolution/Revolutiestraat ("Rúa da Revolución") , a Rue du Congrès/Congresstraat ("Rúa do Congreso"), etc. As catro rúas que dan á Praza da Liberdade levan os nomes das catro liberdades constitucionais, simbolizadas polas catro esculturas femininas alegóricas de bronce que rodean a Columna do Congreso: a liberdade de prensa, a de culto, a de asociación e a de educación. Este ecléctico complexo urbano é un dos mellor conservados do Pentágono na actualidade.

Barrios orientais editar

Barrio Europeo e Barrio de Leopoldo editar

O Barrio Europeo (francés: Quartier Européen, neerlandés: Europese Wijk) está situado ao leste do Pentágono, ao redor da Place du Luxembourg/Luxemburgplein e da rotonda Robert Schuman, e inclúe o máis pequeno Barrio Leopold (francés: Quartier Léopold, neerlandés: Leopoldswijk). O Parlamento Europeo construíuse preto da Praza de Luxemburgo, no lugar da antiga estación de ferrocarril do Barrio Leopold, e do que só queda o edificio central con vistas á praza, sendo substituído pola estación subterránea de Bruxelas-Luxemburgo. A Comisión Europea, situada no edificio Berlaymont, está situada na rotonda de Schuman, non moi lonxe do Parque do Cincuentenario. Ao outro lado da rúa atópanse o edificio Justus Lipsius e o edificio Europa (parte do Palacio da Residencia), que serven de sede do Consello Europeo e do Consello da Unión Europea. No Parque Leopold, a Casa da Historia Europea (HEH) inicia os visitantes na historia social do continente europeo. Hai un centro de visitantes no edificio principal do Parlamento Europeo, coñecido como Parliamentarium, e outro máis pequeno no edificio Justus Lipsius para o Consello Europeo. É accesible en determinados días, previa cita. Moitas das atraccións do Barrio Europeo son de balde.

Barrio das prazas editar

A Barrio das prazas (francés: Quartier des Squares, neerlandés: Squareswijk) é a parte máis setentrional do Barrio Europeo, situado entre Saint-Josse-ten-Noode e o Barrio de Leopoldo. O distrito limita coa Chaussée de Louvain/Leuvense Steenweg ao norte, coa Rue du Noyer/Notelaarsstraat e a Avenue de Cortenbergh/Kortenberglaan ao leste, coa Rue Joseph II/Jozef II-straat e a Rue Stevin/Stevinstraat ao sur, así como co Anel Pequeno ao oeste. O topónimo fai referencia ás moitas prazas da zona, en particular á praza Ambiorix/Ambiorixsquare, á praza Marguerite/Margaretasquare, á praza Marie-Louise/Maria-Louizasquare e á avenida Palmerston/Palmerstonlaan. A zona entre o Anel Pequeno e a Praza Marie-Louise considérase ás veces como parte do Barrio de Leopoldo.

Barrios setentrionais editar

Laeken editar

Laeken é un antigo concello da Rexión de Bruxelas-Capital que foi anexionado pola cidade de Bruxelas en 1921. Laeken acolle, entre outros, o dominio real de Laeken, o palacio de Laeken, os invernadoiros reais de Laeken (1873), a igrexa da nosa Señora de Laeken (cuxa cripta contén as tumbas da familia real belga) e o cemiterio de Laeken, coñecido pola súa riqueza de monumentos e esculturas. No territorio de Laeken atópase tamén a meseta de Heysel/Heizel, onde se celebraron as Exposicións Universais de 1935 e 1958 e que inclúe o Estadio Rei Balduíno, o Bruparck (co Atomium, o parque de miniaturas Mini-Europe e o cine Kinepolis), o Palacio do Centenario, sede do Centro de Exposicións de Bruxelas (Brussels Expo), e do porto de Bruxelas, xunto ao que se erixiu o Monumento ao Traballo de Constantin Meunier. Na súa parte sur, alberga o antigo recinto industrial de Tour et Taxis, que foi anexado á cidade de Bruxelas en 1897, vinte e catro anos antes que o resto do municipio.

Mutsaard editar

Ás veces tamén coñecido como o distrito do pagode, o distrito da torre xaponesa ou o distrito de De Wand, Mutsaard (tamén escrito Mutsaert), é unha antiga aldea e un distrito histórico situado entre Laeken e Neder-over-Heembeek, e centrado arredor da Place du Mutsaert/Mutsaertplaats or Mutsaardplein. O distrito formaba parte do antigo municipio de Laeken (código postal:1020), pero tamén un anaco de Neder-over-Heembeek, anexado por Laeken en 1897. Está separado do resto de Laeken polo dominio real e acolle os Museos do Extremo Oriente. O distrito tamén se estende un chisco polos municipios flamengos veciños de Vilvoorde e Grimbergen.

Neder-Over-Heembeek editar

Neder-Over-Heembeek é un antigo municipio incorporado á cidade de Bruxelas en 1921, ao mesmo tempo que Laeken e Haren. Ten a distinción de posuír o topónimo máis antigo da rexión de Bruxelas-Capital, xa que se menciona nunha ordenanza xa no século VII. Aquí está o Hospital Militar Raíña Astrid, que é o Centro Nacional de Queimaduras e Velenos, así como os servizos de recrutamento das Forzas Armadas belgas.

Haren editar

Do mesmo xeito que Laeken e Neder-Over-Heembeek, o antigo municipio de Haren foi anexionado polo municipio de Bruxelas en 1921, o que permitiu a extensión da estación de ferrocarril de Schaerbeek ao norte do seu territorio. Pero foi a presenza dun aeródromo localizado ao suroeste da vila o que precipitou a anexión de Haren. Creado polos alemáns durante a primeira guerra mundial, é onde naceu a aerolínea nacional belga Sabena. Durante case cincuenta anos, Haren foi a sede da sede da OTAN. Tamén é a sede de moitas outras administracións e empresas, como a sede de Eurocontrol.

Clima editar

Bruxelas ten un clima oceánico (Clasificación climática de Köppen: Cfb) con veráns temperados e invernos fríos.[19]

Datos climáticos para Bruxelas
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Anual
Temperatura máxima en °F 59,5 68 75,6 83,7 93,4 101,8 103,5 97,7 94,8 82 69,1 62,1 103,5
Media máxima en °F 42,3 43,9 50,7 57,6 64,6 69,1 73,4 72,7 66,2 58,5 49,1 43 57,6
Media diaria en °F 37,9 38,7 44,2 49,6 56,5 61,2 65,1 64,4 58,8 52 44,2 39 50,97
Media mínima en °F 33,3 33,3 37,6 41,5 48,6 53,4 57,2 56,5 51,6 46 39,4 34,9 44,4
Temperatura mínima en °F −6 −0,9 7,5 21,7 28 32,5 39,9 39 32 19,8 9 0,1 −6
Precipitación media polgadas 2 996 2 484 2 756 2,02 2 618 2 827 2 894 3 122 2 713 2 949 3 008 3 189 33 559
Temperatura máxima en °C 15,3 20,0 24,2 28,7 34,1 38,8 39,7 36,5 34,9 27,8 20,6 16,7 39,7
Media máxima en °C 5,7 6,6 10,4 14,2 18,1 20,6 23,0 22,6 19,0 14,7 9,5 6,1 14,2
Media diaria en °C 3,3 3,7 6,8 9,8 13,6 16,2 18,4 18,0 14,9 11,1 6,8 3,9 10,54
Media mínima en °C 0,7 0,7 3,1 5,3 9,2 11,9 14,0 13,6 10,9 7,8 4,1 1,6 6,9
Temperatura mínima en °C −21,1 −18,3 −13,6 −5,7 −2,2 0,3 4,4 3,9 0,0 −6,8 −12,8 −17,7 −21,1
Precipitación mm 76,1 63,1 70,0 51,3 66,5 71,8 73,5 79,3 68,9 74,9 76,4 81,0 852,4
Media de días con precipitacións 19,2 16,3 17,8 15,9 16,2 15,0 14,3 14,5 15,7 16,6 18,8 19,3 199
Media de días con neve 5,2 5,9 3,2 2,4 0,4 0 0 0 0 0 2,4 4,6 24,1
Humidade relativa media (%) 86,6 82,5 78,5 72,5 73,2 74,1 74,3 75,5 80,9 84,6 88,2 88,8 80
Media de horas de sol mensuais 59 77 114 159 191 188 201 190 143 113 66 45 1 546
Fonte: KMI/IRM[20]

Demografía editar

Evolución da poboación editar

Poboación estranxeira editar

Nacionalidade Poboación[21]
  Francia 9 619
  Romanía 7 505
  Marrocos 7 253
  Italia 5 412
  España 5 159
  Polonia 2 584
  Portugal 1 906
  Grecia 1 814
  Países Baixos 1 770
  Alemaña 1 660
  Bulgaria 1 649
  R.D. do Congo 1 496
  Turquía 1 481
  India 1 446
  Guinea 1 239
  Reino Unido 988
  Siria 760
  Camerún 706
  China 598
  Alxeria 582
Fonte: IBSA Brussels, cifras do 1 de xaneiro de 2022.

Linguas editar

Bruxelas é unha cidade oficialmente bilingüe; unha maioría dos habitantes teñen como lingua o francés (85-90%), e unha minoría importante ten o neerlandés (10-15%). O flamengo é a lingua histórica de Bruxelas.[22] O francés foi durante séculos apenas falado pola alta-burguesía e a nobreza. Tornouse unha lingua popular durante o dominio de Francia, e despois de 1830, coa inmigración de moitos franceses (algúns deles revolucionarios) e moitos valóns, atraídos polas novas autoridades belgas.

Universidades editar

Bruxelas ten varias universidades, dúas das cales son a Université Libre de Bruxelles (ULB) e a Vrije Universiteit Brussel (VUB).

 
Panorámico da Grand-Place de Bruxelas, patrimonio mundial catalogado pola UNESCO.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bruxelés.
  2. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 112. ISBN 84-8158-266-2. 
  3. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419. 
  4. Artigo 194 da Constitución de Bélxica
  5. The Belgian Constitution (PDF). Belgian House of Representatives (Bruxelas). Maio de 2014. p. 63. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de agosto de 2015. Consultado o 10 de setembro de 2015. 
  6. Demey 2007.
  7. "Protocol (No 6) on the location of the seats of the institutions and of certain bodies, offices, agencies and departments of the European Union, Consolidated version of the Treaty on the Functioning of the European Union, OJ C 83, 30.3.2010, p. 265–265". EUR-Lex. 30 de marzo de 2010. Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2013. Consultado o 3 de agosto de 2010. 
  8. Statistics foreign population in Belgium by municipality (in French and Dutch only)
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2010. Consultado o 30 de xullo de 2013. 
  10. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2009. Consultado o 30 de xullo de 2013. 
  11. ([1] Bruxelas no 1581)
  12. [2]
  13. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2012. Consultado o 30 de xullo de 2013. 
  14. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 30 de xullo de 2013. 
  15. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2003. Consultado o 28 de xaneiro de 2003. 
  16. "Brusselse binnenstad wordt zone 30 | Verenigingen voor Verkeersveiligheid". web.archive.org. 28 de outubro de 2014. Archived from the original on 28 de outubro de 2014. Consultado o 13 de xuño de 2021. 
  17. "Wijkmonitoring van het Brussels Hoofdstedelijk Gewest". wijkmonitoring.brussels. Consultado o 13 de xuño de 2021. 
  18. Eggericx 1997, p. 26–28.
  19. "Brussels, Belgium Köppen Climate Classification (Weatherbase)". Weatherbase. Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2020. Consultado o 2 de xullo de 2019. 
  20. "Monthly normals for Uccle, Brussels". KMI/IRM. Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2013. Consultado o 11 de xuño de 2012. 
  21. "Nationalités / IBSA". ibsa.brussels. Consultado o 28 de outubro de 2021. .
  22. "Brussels Encyclopædia Britannica.". Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2013. Consultado o 05 de novembro de 2009. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Demey, Thierry (2007). Brussels, capital of Europe. Bruxelas: Badeaux. ISBN 978-2-9600414-6-0. 
  • Dessouroux, Christian (2008). Espaces partagés, espaces disputés. Bruxelles, une capitale et ses habitants. 
  • Dumont, Georges-Henri (1997). Histoire de Bruxelles. Biographie de Bruxelles. Bruxelas: Le Cri édition. 
  • Eggericx, Laure (1997). Les Boulevards du Centre. Bruxelles, ville d'Art et d'Histoire 20. Bruxelas: Centre d'information, de Documentation et d'Etude du Patrimoine. 
  • Martens, Mina (1976). Histoire de Bruxelles. Tolosa: Privat. 
  • Verniers, Louis (1965). Un millénaire d'histoire de Bruxelles. Des origines à 1830. Bruxelas: A. De Boeck. 
  • Vanhamme, Marcel (1968). Bruxelles. De bourg rural à cité mondiale. Bruxelas: Mercurius. 

Ligazóns externas editar

Predecesor:
  Weimar
 
Capital Europea da cultura
xunto con   Aviñón
  Bergen
  Boloña
  Praga
  Cracovia
  Helsinqui
  Reiquiavik
  Santiago de Compostela

2000
Sucesor:
  Rotterdam
  Porto