Billete de 500 euros

billete da primeira serie de euros
Billete de 500 euros [1]

Anverso
Arco de arquitectura moderna

Reverso
Ponte de arquitectura moderna e mapa de Europa

O billete de 500 euros é o de maior valor facial correspondente á serie de billetes do euro, introducida en 2002. Desde o 27 de abril de 2019, o billete xa non é emitido polos bancos centrais da Eurozona, mais segue a ser de curso legal e pode utilizarse como medio de pagamento.

Trátase dun dos billetes en circulación de maior valor do mundo, similar ao de 549 USD; 3.948 CNY; 78.111 JPY; 480 CHF ou 431 GBP en agosto de 2023.[2] O billete utilízase nos 25 países que teñen o euro como moeda única, cunha poboación duns 343 millóns de habitantes.

Os billetes de alta denominación introducíronse de contado, de modo que nos primeiros sete anos —ata decembro de 2008— había 530 millóns de billetes de 500 euros en circulación. Posteriormente, o ritmo de aumento moderouse radicalmente. En decembro de 2022, había aproximadamente 301 millóns de billetes de 500 euros en circulación —cifra moi inferior aos 614 millóns de 2015—. En agosto de 2023 xa só ficaban en circulación 10,6 millóns destes billetes na zona euro.[3] É o billete do euro que menos circula, cun 1,0 % do total de papel moeda.[4] É tamén o billete de maior tamaño, con 160 × 82 mm, e a súa cor é púrpura.

Os billetes de 500 euros representan pontes e arcos ou portas da arquitectura moderna. Contén varios elementos de seguridade complexos, como marcas de auga, tinta invisible, hologramas e microimpresión, que dificultan enormemente a súa falsificación.

O billete está a ser retirado progresivamente debido á preocupación polo seu uso xeneralizado con fins ilegais. A maior parte da impresión de novos billetes de 500 euros cesou en 2019, aínda que os existentes seguirán a ser de curso legal ata novo aviso.

Historia

editar
Artigo principal: Euro.
Artigo principal: Billetes de euro.

O euro instituíuse o 1 de xaneiro de 1999, data en que se converteu na moeda de máis de 300 millóns de persoas en Europa. Durante os tres primeiros anos da súa existencia noi foi unha moeda física, xa que só se utilizaba en contabilidade. O efectivo en euros non se introduciu ata o 1 de xaneiro de 2002, cando substituíu os billetes e as moedas nacionais dos 12 países iniciais da Eurozona.[5]

Eslovenia incorporouse á Eurozona en 2007,[6] Chipre e Malta en 2008,[7] Eslovaquia en 2009,[8] Estonia en 2011,[9] Letonia en 2014,[10] Lituania en 2015[11] e Croacia en 2023.[12][13][14]

Período de transición

editar

O período de transición durante o cal os billetes e as moedas das antigas moedas se cambiaron polos do euro durou aproximadamente dous meses, desde o 1 de xaneiro ata o 28 de febreiro de 2002. A data oficial en que as moedas nacionais deixaron de ter curso legal variou dun estado membro a outro. A máis temperá foi a de Alemaña, onde o marco deixou oficialmente de ter curso legal o 31 de decembro de 2001, aínda que o período de cambio durou dous meses máis. Mesmo despois de que as antigas moedas deixaran de ter curso legal, seguiron a ser aceptadas polos bancos centrais nacionais durante períodos que oscilaron entre os dez anos e sen límite.[5][15]

Cambios de deseño

editar

Os billetes impresos antes de novembro de 2003 levan a sinatura do primeiro presidente do Banco Central Europeo, Wim Duisenberg, que foi substituído o 1 de novembro de 2003 por Jean-Claude Trichet, cuxa sinatura aparece nas emisións de novembro de 2003 a marzo de 2012. Os billetes emitidos despois de marzo de 2012 levan a sinatura do terceiro presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi.[1][16]

Sinaturas dos presidentes do BCE

Desde xuño de 2012, as emisións deixaron de reflectir realidade xeográfica da Unión Europea, xa que non respondían á súa ampliación. Ademais, Chipre non aparece nos billetes, porque o mapa non se estende o suficiente cara ao leste, e Malta tampouco aparece porque non cumpre o tamaño mínimo da serie actual para a súa representación. O Banco Central Europeo introduciu unha nova serie de billetes en euros que reflictan a ampliación dos seus membros,[17][18] coñecida como "serie Europa",[19] mais o billete de 500 euros non se incluíu nesta nova serie, xa que se decidiu eliminar gradualmente a súa emisión.[20][21]

Fin da produción e emisión

editar

O Banco Central Europeo anunciou o 4 de maio de 2016 que deixaría de emitir os billetes de 500 euros a finais de 2018. Esta decisión debeuse á sospeita de que os billetes se utilizan amplamente con fins ilegais, segundo un alto funcionario do banco, Benoît Cœuré.[20][22] Os últimos billetes de 500 euros que se imprimiran daquela databan de 2014, e a partir daquel ano as necesidades da circulación quedaran satisfeitas coas existencias das que dispuña o Banco Central Europeo.[23][24][25]

O 27 de xaneiro de 2019, dezasete dos dezanove bancos centrais do Eurosistema deixaron de emitir e distribuír billetes de 500 euros. Para garantir unha transición fluída e por razóns loxísticas, o Banco Federal Alemán e o Banco Nacional de Austria optaron por un período máis longo e emitiron billetes ata o 26 de abril de 2019.[25][26][27]

Os billetes de 500 euros en circulación seguen a ser de curso legal e poden seguir utilizándose como medio de pagamento e depósito de valor ata novo aviso. [20][26][28] Os bancos, as oficinas de cambio e outras entidades comerciais poden seguir recirculando os billetes existentes.[16] Os billetes conservarán sempre o seu valor e poderán trocarse por tempo ilimitado nos bancos centrais do Eurosistema.[19]

Deseño

editar

O billete de 500 euros mide 160 milímetros × 82 milímetros, e é de cor púrpura. Todos os billetes en euros representan pontes e arcos ou portas nun estilo arquitectónico diferente da historia europea, e ao de 500 euros correspondeulle a arquitectura moderna, de arredor do século XX.[16] Aínda que os deseños orixinais de Robert Kalina pretendían amosar monumentos reais, por razóns políticas as pontes non son máis que exemplos hipotéticos da época arquitectónica.[1][29][30]

Do mesmo xeito que todos os demais billetes de euro, contén a expresión do seu valor facial, a bandeira da Unión Europea, unha representación dos territorios da UE en ultramar, as estrelas da bandeira da UE, a sinatura do presidente do Banco Central Europeo e as iniciais desa institución en diversos alfabetos utilizados nas linguas oficiais da Eurozona,[1] e doce elementos de seguridade, que se detallan a seguir:[16]

Elementos de seguridade

editar

Os elementos principais son os seguintes:[31][32]

  • Unha constelación EURion (tamén coñecida como os "aros Omron").[33][34] Trátase dun padrón de símbolos que aparece en varios deseños de billetes de todo o mundo desde 1996 aproximadamente. Engádese para favorecer que o software a detecte a presenza dun billete nunha imaxe dixital.
     
    Constelación EURion nun billete de 500 euros.
  • Tinta que cambia de cor, utilizada na cifra situada no reverso do billete, que parece cambiar de púrpura a marrón cando se inclina o billete.
  • Un número transparente impreso no recanto superior do billete, por ambas as faces, que parece combinarse perfectamente para formar o número do valor cando se olla contra a luz.
  • Unha banda brillante, situada no reverso do billete, que amosa o número do valor e o símbolo do euro.
  • Un holograma, cuxa imaxe parece cambiar entre o valor e unha ventá ou porta, e no fondo parecen círculos concéntricos de microletras coas cores do arco da vella que se desprazan desde o centro cara aos bordos da mancha.
  • Impresión en relevo na imaxe principal; as letras e os números do valor do anverso do billete aparecen en relevo.
  • Tinta ultravioleta. Aplicando a luz ultravioleta, o papel en si non brilla, mais aparecen as fibras incrustadas no papel, que se colorean de vermello, azul e verde. A bandeira da UE é verde e ten estrelas laranxa; a sinatura do presidente do BCE vólvese verde; as estrelas grandes e os círculos pequenos do anverso brillan, e o mapa europeo, unha ponte e o número de valor do reverso aparecen en amarelo.
  • Microimpresión. En varias zonas do billete hai microimpresión: por exemplo, dentro do ΕΥΡΩ (EURO en caracteres gregos) no anverso. O microtexto é nítido, non borroso.
  • Un fío de seguridade, incrustado no papel do billete. Ollando contra a luz, o fío aparece como unha banda escura. A palabra EURO e o valor están incrustados en letras minúsculas no fío.
  • Perforacións no holograma, que forman o símbolo do euro. Tamén hai pequenos números que indican o valor.
  • Unha superficie mate. O papel do billete é de algodón puro, de tacto rechiante e firme, e non brando nin ceroso.
  • Un número de serie magnético, gravado con CMOS-MagView..

Autoridade emisora

editar

Legalmente, tanto o Banco Central Europeo como os bancos centrais dos países da zona do euro teñen dereito a emitir os sete valores faciais diferentes dos billetes en euros, mais na práctica, só os bancos centrais nacionais da zona emiten e retiran fisicamente billetes en euros. O Banco Central Europeo non ten oficina de caixa e non participa en ningunha operación de efectivo.[5][23]

Circulación

editar

O Banco Central Europeo vixía estreitamente a circulación e as existencias dos billetes e das moedas do sistema do euro. É labor do Eurosistema garantir unha subministración eficiente e fluída de billetes en euros e manter a súa integridade en toda a Eurozona.[35]

A primeira tiraxe de billetes de 500 euros introduciuse en xaneiro de 2002, e o número de billetes en circulación aumentou cada ano ata 2011. Entre 2011 e 2013 diminuíu a cantidade de billetes en circulación.

O billete de 500 euros acadou o seu valor máximo a finais de marzo de 2009, cun 36,9 % do valor de todos os billetes en euros. A circulación por número de billetes atinxiu un máximo de 613.559.542 billetes en decembro de 2015, cando se tomou a decisión de non incluír ese valor facial na nova serie Europa de billetes do euro. A cantidade de billetes en circulación diminuíu desde entón.[35]

As cifras son as seguintes:[35]

Billetes de 500 euros en circulación
Data Nº de billetes Valor en euros
Xaneiro de 2002 60.617.094 30.308.547.000
Decembro de 2002 166.863.335 83.431.667.500
Decembro de 2003 238.473.202 119.236.601.000
Decembro de 2004 306.229.737 153.114.868.500
Decembro de 2005 370.343.604 185.171.802.000
Decembro de 2006 419.381.674 209.690.837.000
Decembro de 2007 452.651.817 226.325.908.500
Decembro de 2008 530.064.413 265.032.206.500
Decembro de 2009 563.782.341 281.891.170.500
Decembro de 2010 575.851.727 287.925.863.500
Novembro de 2011 599.763.921 299.881.960.500
Xaneiro de 2012 596.125.001 298.062.500.500
Abril de 2013 585.677.005 292.838.502.500
Decembro de 2014 606.043.923 303.021.961.500
Decembro de 2015 613.559.542 306.779.771.000
Xaneiro de 2016 611.833.416 305.916.708.000
Decembro de 2017 513.519.219 256.759.609.000
Decembro de 2018 521.630.046 260.815.023.000
Decembro 2019 446.035.065 223.017.532.500
Decembro de 2020 405.707.688 202.853.844.000
Decembro de 2021 373.474.818 186.737.409.000
Decembro de 2022 300.831.023 150.415.511.500

Seguimento de billetes

editar

Existen varios sitios web e comunidades que permiten seguir a pista da circulación dos billetes en euros, indagar por onde viaxan e en que países se utilizan. O sitio web máis coñecido é EuroBillTracker12. O seu obxectivo é rexistrar o maior número posible de billetes para coñecer os detalles da súa propagación, por exemplo, de onde viaxaron e a onde, ou onde se viu un billete, para xerar estatísticas e clasificacións.[36] EuroBillTracker rexistrou máis de 126 millóns de billetes en decembro de 2013, por valor de máis de 2.393 millóns de euros.[37]

Relación coa fraude

editar

Crime organizado

editar
 
Dous fardos de billetes de 500 euros, cun valor total de 20.000 euros.

O valor do billete é moito maior que o dos billetes máis grandes en circulación da maioría das demais moedas importantes, como é o caso do de 100 dólares dos EEUU.[38] Deste xeito, pódese concentrar un gran valor monetario nun pequeno volume de billetes, o que facilita os delitos que operan con diñeiro en efectivo, como o branqueo de capitais, o tráfico de drogas e a evasión fiscal.[39] Por este motivo, pediuse en repetidas ocasións a retirada do billete de 500 euros.[40][41][42] No entanto, algunhas das moedas que foron substituídas polo euro tiñan billetes de gran valor que eran moi utilizados, como os 5.000 xilins austríacos (363 euros), os 1.000 floríns neerlandeses (454 euros), os 1.000 marcos alemáns (511 euros) e os 500 lats letóns (711 euros).[38]

Malia a existencia destes billetes de alto valor nas moedas nacionais de Alemaña, Austria ou os Países Baixos, o número de billetes era relativamente pequeno en comparación cos billetes en euros. A finais do ano 2000 había en circulación 89,20 millóns de billetes de 1.000 marcos alemáns, 13,97 millóns de billetes de 5.000 xilins austríacos e 13,28 millóns de billetes de 1.000 floríns neerlandeses. Letonia tiña un número insignificante de billetes de 500 lat en circulación. En cambio, o Banco Central Europeo ordenou a fabricación de 371 millóns de billetes de 500 euros antes do 1 de xullo de 2002.

En concreto, unha cuarta parte destes billetes de alto valor estaba dentro das fronteiras de España en 2006.[40] Esta concentración de billetes de 500 euros resulta moito maior do esperado para unha economía do tamaño da española, xa que antes da conversión ao euro, o billete de maior valor era de 10.000 pesetas, por valor de 60 euros. Estes billetes rara vez se ven no comercio cotián, e a poboación púxolles o alcume de "Bin Laden", xa que a súa existencia é ben coñecida pero son difíciles de atopar.[21][28][43][44] O analista financeiro Jeffrey Robinson xa advertira en 1998, antes da súa emisión, que cría que o billete de 500 euros se utilizaría sobre todo para o tráfico de drogas e o branqueo de diñeiro;[45] de feito, as policías británica e española están a utilizar os billetes para rastrexar o branqueo de diñeiro.[40]

 
Queima simbólica de copias de billetes de 500 euros nunha manifestación en Liubiana, Eslovenia, en contra da corrupción, en xaneiro de 2014.

A partir do 20 de abril de 2010, prohibiuse ás casas de cambio do Reino Unido vender billetes de 500 euros por mor do seu uso no branqueo de cartos. A Axencia contra o Crime Organizado Grave (SOCA) declarou que "o 90 % de todos os billetes de 500 euros vendidos no Reino Unido están en mans do crime organizado", segundo se revelou logo dunha análise de oito meses.[44] En maio de 2023, a cantidade de 500 euros equivalía a unhas 440 libras esterlinas, dependendo dos tipos de cambio —unhas oito veces o valor do maior billete de circulación pública do Banco de Inglaterra—, e o billete de 500 euros convertérase, segundo a SOCA, na ferramenta elixida polas bandas criminais para ocultaren os seus beneficios.[44]

A directiva 2005/06/CE da UE, relativa á "prevención da utilización do sistema financeiro para o branqueo de capitais e para o financiamento do terrorismo", trata de previr estes delitos exixindo a bancos, axentes inmobiliarios, asesores ou axentes fiscais e empresariais, casinos e outras empresas que investiguen e notifiquen o uso de efectivo superior a 15.000 euros.[46]

En Dinamarca, país membro da UE mais que non pertence á Eurozona, todas as transaccións con billetes de 500 euros están prohibidas desde xaneiro de 2020.[47]

Falsificación

editar

Segundo o BCE, os billetes en euros son moi difíciles de falsificar por mor do gran número de elementos de seguridade. Así e todo, a calidade dos pregos que saen dos talleres clandestinos é cada vez maior e as novas tecnoloxías facilitan a fabricación de billetes falsos de boa calidade.[48][49]

O billete de 500 euros é o menos falsificado, xunto co billete de 5 euros. Representou o 0,5 % do papel moeda falso do euro no segundo semestre de 2011; é dicir, 1.550 billetes de 500 euros falsos. O BCE e os bancos centrais nacionais recomendan estar alerta e recoñecer os billetes falsos mediante o sinxelo método "tocar-ollar-inclinar ".[31][50] Segundo o experto forense Gilles Duteil, estas estimacións non son realistas e é "moi difícil determinar unha cifra verdadeiramente significativa".[49]

 
Cartel nun restaurante español, que indica o rexeitamento dos billetes de 200 euros e de 500 euros, por temor á falsificación.

Para combater a falsificación, o BCE utiliza técnicas de impresión de última xeración e unha serie de elementos de seguridade para disuadir os falsificadores.[31] Dispón, así mesmo, do Centro de Análise de Falsificacións, que coopera estreitamente con Europol. Este centro analiza os billetes falsos recuperados pola policía, co fin de previr con máis efectividade futuras falsificacións. O BCE conta tamén co Grupo de Bancos Centrais para a Disuasión das Falsificacións (CBCDG), que ten a misión de disuadir da falsificación dixital e, mediante a prevención da produción de billetes falsos, reducir o dano causado aos particulares e ás empresas que poidan recibir billetes falsos. O Grupo utiliza tecnoloxías de loita contra a falsificación que impiden a adquisición ou a reprodución, mediante computadores persoais ou ferramentas de imaxe dixital, da imaxe dun billete protexido. O CBDG tamén pretende impedir a reprodución non autorizada de billetes.[51]

Impacto ambiental

editar

Dado que a Unión Europea aplica unha política ambiental moi estrita, considera importante minimizar o impacto ambiental derivado da produción de billetes en euros. O Banco Central Europeo declara que se compromete a facer un uso racional dos recursos naturais na subministración de billetes, preservando a calidade do ambiente e garantindo a saúde das persoas.[52]

Segundo os resultados de auditorías independentes, os billetes en euros considéranse equilibrados desde o punto de vista da saúde e están deseñados para cumpriren todos os criterios impostos pola Unión Europea, incluídos os relativos ás substancias químicas utilizadas. Todas as substancias reguladas utilizadas nos billetes se achan en concentracións inferiores ao límite regulamentario.[52]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "500 Euro 2002 Series". Numista.com
  2. "Tipos de cambio en tiempo real". Cambioeuro.es
  3. Sorpresa con los billetes de 500 euros en España (24-08-2023). El Periódico.
  4. "Euro banknotes, quantities". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  5. 5,0 5,1 5,2 "A nossa moeda". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu).
  6. "Adesão da Eslovénia à área do euro". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu).
  7. "Cyprus and Malta: welcome to the euro area!". European Commission (Ec.europa.eu).
  8. "Slovakia joins the euro". European Commission (Ec.europa.eu).
  9. "Adesão da Estónia à área do euro". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu).
  10. "Adesão da Letónia à área do euro". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu).
  11. "Adesão da Lituânia à área do euro". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu).
  12. "Croatia adopts de euro". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  13. "What is the euro area?". Economy-finance.ec.europa.eu
  14. "A nossa moeda". Banco Central Europeu (Ecb.europa.eu).
  15. "Tenth anniversary of the euro banknotes and coins". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 "Notas". Banco Central Europeu (Ecb.europa.eu).
  17. "Design elements". Fleur-de-coin.com
  18. "Euro Banknotes". Coins-world.info
  19. 19,0 19,1 "Notas de euro da série “Europa”". Banco Central Europeo (ECB.europa.eu).
  20. 20,0 20,1 20,2 "BCE cessa a produção e a emissão da nota de €500". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu). 4 de maio de 2016.
  21. 21,0 21,1 "€500 'Bin Laden' banknotes to be axed". En The Guardian. 4 de maio de 2016.
  22. "Entretien avec Benoît Cœuré, membre du directoire de la BCE, accordé à Matthieu Pelloli, et publié le 11 février 2016". Banque Centrale Européenne (ECB.europa.eu).
  23. 23,0 23,1 "Banknotes and coins production". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  24. "€500 note gets last print run". En Malaymail.com. 31 de decembro de 2018.
  25. 25,0 25,1 Alexander, M. (2019). "European Union: European Central Bank announces discontinuation of €500 banknotes Arquivado 20 de xuño de 2023 en Wayback Machine.". En Coin Update (Coinupdate.com). 3 de xaneiro de 2019.
  26. 26,0 26,1 "The end of the 500 euro banknote for January 2019", En Numismag.com. 6 de xaneiro de 2019.
  27. "Bundesbank gibt 500-Euro-Schein noch bis Ende April aus". En Zeit Online (Zeit.de). 9 de decembro de 2018.
  28. 28,0 28,1 Ewing, J. (2016). "Europe to Remove 500-Euro Bill, the 'Bin Laden' Bank Note Criminals Love". En The New York Times. 4 de maio. Páxina 1.
  29. "Euro banknote design exhibition". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  30. "Money talks: the new euro cash". BBC News (News.bbc.co.uk).
  31. 31,0 31,1 31,2 " Elementos de segurança". Banco Central Europeo (ECB.europa.eu).
  32. "Counterfeit detection: 500 euro banknote". Deitsche Bundesbank (Bundesbank.de).
  33. "The EURion Constellation". University of Cambridge (www.cl.cam.ac.uk).
  34. "Omron Rings". En Glossary of banknotes (Regulaforensics.com).
  35. 35,0 35,1 35,2 "Banknotes and coins circulation". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  36. "Mission Statement". EuroBillTracker.com
  37. "Statistics". EuroBillTracker.com
  38. 38,0 38,1 "500 euro". BBC News (News.bbc.co.uk).
  39. Gross, D. (2004). "Euro Trash". En Slate (Slate.com). 28 de decembro.
  40. 40,0 40,1 40,2 McLean, R. (2006). "One in four €500 bills are in Spain. Why? Crime might be the answer". En The New York Times. 19 de abril.
  41. Friedberg, A. (2016). "European Union ponders fate of €500 note". En Coin World. 11 de febreiro.
  42. "The EU Is Banning the 500-euro 'Bin Laden' Bill to Try and Stop Terrorists". En Vice News (Vice.com). 18 de febreiro de 2016.
  43. Hughes, M.; Sharp, R. (2010). "Goodbye to the note of ill-repute". En The Independent. 13 de maio.
  44. 44,0 44,1 44,2 Casciani, D. (2010). "500 euro note – why criminals love it so". En BBC News (News.bbc.co.uk/). 13 de maio
  45. "Crime without frontiers". En BBC News (News.bbc.co.uk/). 1 de decembroi de 1998.
  46. "Directiva 2005/60/CE do Parlamento Europeu e do Conselho, de 26 de Outubro de 2005 , relativa à prevenção da utilização do sistema financeiro para efeitos de branqueamento de capitais e de financiamento do terrorismo". Eur-lex.europa.eu
  47. "Lov om ændring af hvidvaskloven og lov om finansiel virksomhed" [Lei pola que se modifican a Lei contra o branqueo de capitais e a Lei de actividades financeiras]. Retsinformation.dk
  48. Cornevin, C. (2012). "La France cultive la tradition du faux-monnayage". En Le Figaro. 15 de xuño.
  49. 49,0 49,1 Rastello, C. (2012). "Faux billets : la France, un pays de faussaires". En Le Nouvel Observateur. 14 de xuño.
  50. "Informação semestral sobre a contrafação de notas de euro". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu). 16 de xaneiro de 2012.
  51. "Combate à contrafação". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu).
  52. 52,0 52,1 "Ambiente, saúde e segurança". Banco Central Europeu (ECB.europa.eu).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar