Bernhard Häring

Bernhard Häring, nado en Böttingen (Alemaña) o 10 de novembro de 1912 e finado en Gars am Inn o 3 de xullo de 1998, foi un dos máximos expertos en teoloxía moral do século XX.

Bernhard Häring
BernhardHäring0001.jpg
Nacemento10 de novembro de 1912
 Böttingen
Falecemento3 de xullo de 1998
 Haag in Oberbayern
NacionalidadeAlemaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónteólogo, escritor, catedrático de universidade e sacerdote católico
PremiosBavarian Order of Merit, Gran Cruz da Orde do Mérito da República Federal de Alemaña, Order of Merit of Baden-Württemberg e sen etiquetar
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Membro dunha familia de labregos, entrou na orde dos redentoristas. Participou como soldado sanitario na fronte rusa durante a Segunda Guerra Mundial. Aínda que se lle prohibira por parte das autoridades nazis realizar labores sacerdotais entre os soldados, Bernhard Häring desobedeceu esa orde. Ao remate da guerra, acada o doutoramento en teoloxía en Tubinga.

Aínda que o seu propósito era adicarse a un labor misioneiro en Brasil os seus superiores ordenáronlle que se aplicase ao estudo da moral. Máis adiante contribuíu a prestixiar e engrandecer a Academia Alfonsiana.

O seu extenso tratado A Lei de Cristo, publicado en 1954 e traducido a 14 idiomas, causou un grande impacto por fundamentar nas raíces do cristianismo unha moral aberta, que tiña como referente a conciencia da persoa e a súa insubornable liberdade interior, condición e efecto da adhesión do suxeito moral a Xesús de Nazaret.

Xoán XXIII convócao como experto e perito ao Concilio Vaticano II onde ten unha salientable participación na redacción da Constitución Gaudium et spes[1] sobre o diálogo da Igrexa co mundo contemporáneo. Haring aparece como un teólogo mozo na mesma liña aperturista e reformadora defendida naquel entón por outros prestixiosos asesores como Karl Rahner, Yves Congar, Joseph Ratzinger ou Hans Küng.

Tras o concilio é recoñecido como unha das máximas autoridades en moral católica e é convidado polo Papa Paulo VI a impartirlle a el mesmo e a outros egrexios membros da curia vaticana uns exercicios espirituais.

A súa actividade foi enormemente intensa impartindo cursos por todo o mundo, escribindo máis de 80 libros e máis de mil artigos.

O súa influencia declinou cando se amosou aberta e frontalmente contrario á condena dos anticonceptivos non naturais que Paulo VI realizou na súa encíclica Humanae Vitae. Moitas conferencias episcopais seguírono tendo como referente, pero o Vaticano, ante a presión das forzas máis conservadoras que influíran na viraxe protagonizada por Paulo VI, acabou por afastalo. En 1975, comeza un proceso doutrinal por parte de Roma[2] que Bernhard Häring asume no medio de múltiples operacións de cancro ás que tivo que ser sometido e un grave infarto [3]

Bernhard Häring non abdicou das súas ideas: defendeu o máximo respecto para a homosexualidade, os anticonceptivos non naturais, unha posición máis flexible cos divorciados e unha visión positiva da sexualidade humana o que exacerbou as acusacións contra el. Porén, non tivo problemas con Roma na súa defensa da xustiza social e dun compromiso pola liberación dos marxinados e dos oprimidos. Nese senso, amosouse solidario con pensadores da teoloxía da liberación como Gustavo Gutiérrez Merino. En 1978 publicou Liberdade e fidelidade en Cristo onde incorpora os avances do concilio e dando por superado o modelo legalista. En 1989, publicou Fe, Historia, Moral que da a coñecer o proceso á que estaba sendo sometido.

PensamentoEditar

Benrhard Häring fai fincapé na defensa da conciencia da persoa que xa fixera a escolástica, incluído o propio Tomás de Aquino. Considera que a moral cristiá no catolicismo dexenerara nunha sorte de manual legalista e casuístico para confesores, polo que había que volver aos alicerces e fundamentos da fe cristiá e a súa concepción liberadora da vida e da persoa humana. Xesús de Nazareth falara dun Evangelion , unha "boa nova", e da liberación mediante o anuncio do basileia tou Theu (Reino de Deus). Nunha liña próxima ao personalismo, chama a atención sobre a necesidade de contemplar os factores sociais e ambientais. Incide en que o factor clave orientador dos actos morais e sobre os que estes deben ser axuizados é a opción fundamental, a orientación radical que imprime dirección e senso á vida a partir dun proceso de conversión provocado pola interpelación de Deus en Cristo. Non hai responsabilidade sen chamada previa.

Sempre teimou por recuperar no seo da Igrexa o espírito fundacional de colexialidade, de fraternidade e de pobreza, marcando distancias co boato eclesiástico, a centralización romana e a excesiva xerarquización da curia [4].

ObrasEditar

  • Das Gesetz Christi. Moralthologie Dargestellt für Priester und Laien
  • Ehe in dieser Zeit
  • Personalismus in Philosophie und Theologie
  • Heilender Dienst. Ethische Probleme der Modermen Medizin
  • Frei in Christus
  • Als es um´s Überleben ging. Kriegserinnerungen eines Priesters
  • Fede storia morale
  • Meine Hoffnung für die Kirche Kristische Emutigungen
  • Teologia morale verso il terzo milennio
  • Es geht auch anders. Plädoyer für eine neue Umgangsform in der Kirche

NotasEditar

  1. Santidrián, Pedro R. Diccionario breve de pensadores cristianos, Edv. Estella 1999, pax. 218 ISBN 84-7151-724-8
  2. Santidrián, Pedro R. opus cit, pax.218.
  3. Bernhard Häring, Las cosas deben cambiar, Ed. Herder, Barcelona, 1995, pax. 93. ISBN 84-254-1906-9
  4. Bernhard Häring, opus cit. pax. 58