Bernard Malamud, nado en Nova York o 26 de abril de 1914 e finado no mesmo lugar o 18 de marzo de 1986, foi un escritor estadounidense, considerado un dos principais expoñentes da literatura xudía de Norteamérica.

Bernard Malamud
Nacemento26 de abril de 1914
 Brooklyn
Falecemento18 de marzo de 1986
 Manhattan
Causainfarto agudo de miocardio
SoterradoCemitério de Mount Auburn
NacionalidadeEstados Unidos de América
Relixiónxudaísmo e Agnosticismo
Alma máterUniversidade de Columbia, City College of New York e Erasmus Hall High School
Ocupaciónescritor, novelista, guionista e profesor universitario
Coñecido/a porThe Natural, The Magic Barrel, The Fixer, Pictures of Fidelman, A New Life, The Assistant, Dubin's Lives e God's Grace
PremiosPremio Pulitzer de Ficción, O. Henry Award, National Book Award e National Book Award
Na rede
IMDB: nm0538897 Allocine: 78062 Allmovie: p318122
Dialnet: 3508684 Musicbrainz: 8c2c71bb-0b5a-413b-88eb-e210ce94fc23 Discogs: 3265503 WikiTree: Malamud-57 Find a Grave: 1406 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Biografía editar

Bernard Malamud naceu o 26 de abril de 1914 no barrio neoiorquino de Brooklyn. Seus pais, Mendel (Max) Malamud e Brucha (Bertha), de solteira Fidelman, eran un matrimonio de inmigrantes xudeus fuxidos da Rusia tsarista, descritos polo propio autor como "doces, honestos e amables".[1] O pai rexentou unha tenda de ultramarinos en Brooklyn, no número 1111 de Gravesend Avenue, desde 1924 até a súa morte en 1954.[2] Súa nai padecía unha enfermidade mental e faleceu nun hospital psiquiátrico en 1929, cando Bernard tiña quince anos.[2] O único irmán de Bernard, Eugene, nado en 1917, diagnosticóuselle de novo esquizofrenia e tivo que pasar hospitalizado gran parte da súa vida adulta.[2] No medio familiar no que se criou o futuro escritor non había un especial interese polas manifestacións artísticas, mais aínda así Bernard afeccionouse pronto á lectura. Asistía tamén con frecuencia a representacións teatrais en yiddish.[1]

Malamud estudou na escola secundaria Erasmus Hall de Brooklyn entre 1928 e 1932.[3] Durante a súa época de estudante de secundaria en Brooklyn fíxose moi afeccionado ao cine (especialmente ás comedias de Charlie Chaplin) e acostumaba contarlles os argumentos das películas aos seus compañeiros de clase.[4] Graduouse como bachelor na City College de Nova York en 1936.[5] Traballou durante un ano por catro dólares con cincuenta centavos ao día como profesor en prácticas, antes de conseguir un préstamo do goberno para continuar os seus estudos universitarios, o que lle permitiu obter o título de master na Universidade de Columbia en 1942. Pouco despois comezou a publicar en revistas os seus primeiros relatos breves. Aínda que a súa aspiración era ser profesor de inglés, as circunstancias fixeron que acabara empregado na Oficina do Censo, en Washington, D.C.[1] En 1945 casou con Ann de Chiara, con quen tería un fillo, Paul, en 1947, e unha filla, Janna, en 1952.[5]

En 1949, Malamud conseguiu traballo como profesor na Universidade Estatal de Oregón,[1] experiencia que máis tarde levaría á ficción na súa novela A New Life (1961). Deixou este posto en 1961 para ensinar escritura creativa no Bennington College, en Vermont.[1]

Obra literaria editar

Relatos breves editar

Malamud iniciouse como escritor de relatos breves en 1941. En 1943 publicou os seus primeiros contos en revistas: "Benefit Performance" en Threshold, e "The Place Is Different Now" en American Preface.

A comezos da década seguinte, varios relatos seus apareceron en prestixiosas publicacións, como Harper's Bazaar, Partisan Review, e Commentary.

A maior parte dos relatos breves da primeira recompilación publicada por Malamud, The Magic Barrel (1958), céntrase na procura de esperanza e de sentido en ambientes sórdidos, marcados pola pobreza. Como declarou nunha ocasión ao diario New York Times: "Díxose que escribo sempre acerca da miseria, pero un escribe acerca do que escribe mellor".[1] A historia que dá título ao libro mostra a estraña relación entre Leo Finkle, un estudante rabínico que busca esposa, e Pinye Salzman, un pintoresco casamenteiro. Outros coñecidos relatos de Malamud son The Last Mohican, Angel Levine, Idiots First, e The Mourners, un conto que opón as figuras de Kessler, un ancián insolente que necesita "seguridade social", e Gruber, o seu agresivo caseiro, que desexa deixar de ter a Kessler como inquilino.

Novelas editar

Ao longo da súa carreira literaria, Malamud publicou sete novelas. Xa en 1948, aos 34 anos, escribira a primeira, aínda que decidiu queimala.[4] A primeira que publicou, en 1952, foi The Natural. Narra a vida de Roy Hobbs, un descoñecido xogador de béisbol de mediana idade que se converte nunha estrela grazas ao seu gran talento. Malamud utiliza o mundo do béisbol para explorar o tema do "soño americano".[6] En The Natural hai unha estrutura mítica subxacente, que levou os críticos a interpretala en relación coa lenda artúrica do Santo Graal.[7] Como logo será frecuente nas súas novelas, Malamud presenta nesta un protagonista sufridor que loita por resolver os seus dilemas morais.[7] A novela foi levada ao cine en 1984, no filme protagonizado por Robert Redford, Glenn Close, Kim Basinger e Robert Duvall, e dirixido por Barry Levinson.

A súa segunda novela, The Assistant (1957), ambientada en Nova York, ten un importante compoñente autobiográfico. O seu protagonista, Morris Bober, inmigrante xudeu que rexenta unha tenda de ultramarinos en Brooklyn, está baseado no pai do autor, que tamén era tendeiro.

En 1961 apareceu A New Life, a máis autobiográfica das súas novelas, aínda que tamén a menos vinculada co tema xudeu. A obra narra as dificultades dun neoiorquino, Seymour Levin, para adaptarse á vida nun ficticio estado do Oeste dos Estados Unidos, Cascadia (no que pode recoñecerse sen dificultade un trasunto de Oregón), a onde chega, como o propio Malamud, para traballar como profesor universitario.[8]

The Fixer foi galardoada en 1967 co National Book Award e o Premio Pulitzer de ficción. Explora o tema do antisemitismo novelando unha historia real: o libelo de sangue do que foi vítima na Rusia tsarista o xudeu Menahem Mendel Beilis, inxustamente acusado de asasinar ritualmente a un neno cristián na cidade de Kíiv.[9] Para algúns críticos, a novela pode ser lida como unha alegoría do Holocausto.[10] The Fixer foi adaptada ao cinema polo guionista Dalton Trumbo, nun filme dirixido por John Frankenheimer, e estreado en 1968.[9]

Posteriormente, Malamud publicou outras novelas, como The Tenants (1971), Dubin's Lives (1979) e God's Grace (1982).

Influencias editar

Entre os autores que máis o influíron, Malamud citou especialmente algúns escritores do século XIX: norteamericanos, como Nathaniel Hawthorne e Henry James, e rusos, como Fiódor Dostoyevski e Antón Chéjov.[10]

A súa obra relacionouse coa doutros moitos autores xudeus estadounidenses, tanto maiores que el, como Abraham Cahan, Anzia Yezierska e Henry Roth, como máis novos (Isaac Bashevis Singer, Saul Bellow e Philip Roth).[10] Segundo opinión xeneralizada, Philip Roth inspirouse en Malamud para crear o seu personaxe E.I. Lonoff, mentor do seu personaxe e alter ego Nathan Zuckerman, rendendo así homenaxe a un dos mestres da narrativa xudía estadounidense,[11] aínda que o modelo do personaxe podería tamén ter sido Henry Roth, ou Isaac Bashevis Singer.

Obras editar

Libros de contos editar

  • The Magic Barrel, 1958
  • Idiots First, 1963
  • Pictures of Fidelman, 1969
  • Rembrandt's Hat, 1973
  • The Stories of Bernard Malamud, 1983

Novelas editar

  • The Natural, 1952
  • The Assistant, 1957
  • A New Life, 1961
  • The Fixer, 1966
  • The Tenants, 1971
  • Dubin's Lives, 1979
  • God's Grace, 1982

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Bernard Malamud Biography", en notablebiographies.com (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2012.
  2. 2,0 2,1 2,2 Donald Weber: "A new life". Recensión da biografía Bernard Malamud: A Writer’s Life, de Philip Davis. (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2012.
  3. Boyer, David. "NEIGHBORHOOD REPORT: FLATBUSH; Grads Hail Erasmus as It Enters a Fourth Century", The New York Times, 11 de marzo de 2001. Consultado o 19 de xuño de 2012.
  4. 4,0 4,1 Detailed Chronology of Bernard Malamud (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2012.
  5. 5,0 5,1 "The Unofficial Bernard Malamud Home Page" (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2012.
  6. "The Assistant - Study Guide", en sparknotes.com (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2012.
  7. 7,0 7,1 "Bernard Malamud Criticism" (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2012.
  8. Jonathan Yardley: "Bernard Malamud Put 'New Life' Into the American Novel", The Washington Post, 3 de decembro de 2004. Consultado o 19 de xuño de 2012.
  9. 9,0 9,1 The Fixer Summary and Study Guide (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2012.
  10. 10,0 10,1 10,2 Avery, Evelyn: "Bernard Malamud (1914-1986)" (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2012.
  11. Javier Aparicio Maydeu: "Esplendor y miserias de un escritor serio", El País, 24 de decembro de 2005. Consultado o 19 de xuño de 2012. (en castelán)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar