Beny Fernández

(Redirección desde «Benigno "Beny" Fernández»)


Benigno Fernández Lavandeira, nado en Vigo o 4 de xaneiro de 1950[1], máis coñecido como Beny Fernández, é un expiloto de rally galego. Competiu no Campionato de España de Rallys durante os anos 70 e 80, logrando catro subcampionatos en 1976, 1977, 1981 e 1983. Logrou diversas vitorias no certame español durante a súa traxectoria, a maioría delas sobre un Porsche 911, aínda que tamén gañou rallys con outros vehículos como o BMW 2002, o Ford Escort RS 1800 Mk2, o Fiat 131 Abarth e o Opel Manta 400. Tamén competiu en probas do campionato do mundo e do campionato de Europa,[1] no Campionato Galego de Automobilismo, do que se proclamou campión en 1976, e no Campionato de Galicia de Rally onde sumou seis vitorias.[2] Ademais, dende 1982 rexentou un concesionario Porsche na súa cidade natal.

Infotaula de personaBeny Fernández

(2012) Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento4 de xaneiro de 1950
Galicia Vigo
Datos persoais
País de nacionalidadeEspañola
Actividade
OcupaciónPiloto de rally
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
DeporteRally Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Traxectoria deportiva editar

 
Ford Escort de Beny Fernández co que gañou o Rally de Ourense de 1977.

Aprendeu a conducir nun Citroën 2CV e nunha furgoneta DKW, coa que repartía o pan das panadarías da súa familia en Vigo.[3] Debutou como piloto no Rally de Tui cun Seat 850 Coupé[4]. Posteriormente fíxose cun Seat 1430 e un Mini Cooper. En 1974 deu o salto ao campionato de España, disputando a primeira parte da tempada co Seat 1430 e as últimas probas cun BMW 2002 de Estanislao Reverter,[5] co que quedou cuarto no Rally de España. Na tempada seguinte competiu cos dous mesmos vehículos e gañou a Subida á Estrada co mítico Alpinche de Reverter,[6] co que correu tamén o rally de Ourense. Con todo, no Rally do Sherry tivo un accidente no que dito coche saíu mal parado[4][6] e non foi reconstruído ata 2018.[7] En 1976, pilotando un BMW 2002 gañou o Rally de Ourense[8] e o Critérium Luis de Baviera de Madrid e rematou o Campionato de España en segunda posición, só por detrás de Antonio Zanini.[9] Disputou ademais dúas probas do Campionato do Mundo: o Rally de Montecarlo, onde rematou 30º e o Rally de Portugal, onde tivo que abandonar. Ese ano proclamouse tamén vencedor do Campionato Galego de Automobilismo, por diante de Rafa Cid e José Manuel Oanes.[10]

En 1977 competiu cun Ford Escort RS 1800 Mk2, co que se volveu proclamar subcampión de España despois de varios podios e a vitoria no Rally de Ourense, no Rally de Ferrol e no Rally Costa Brava, puntuable tamén para o Campionato de Europa. Disputou varias probas máis do certame europeo ese ano, cun segundo posto no Rally Firestone e un sexto no Rally San Martino di Castrozza, en Italia, e rematou cuarto o campionato, só por detrás de Bernard Darniche, Michèle Mouton e Ari Vatanen.[11] Tamén no mesmo ano correu o Rally de Montecarlo, o Rally de Portugal e o Rally de San Remo, do Campionato do Mundo, pero sufrindo abandonos en todas elas.

En 1978 gañou o Rally Vasco Navarro e gañou un asento oficial de Seat, pasando a competir cun Fiat 131 Abarth, co que quedou segundo no Rally Cataluña e no Rally RACE de España. Nos seguintes dous anos correu co Fiat e cun Opel Ascona, logrando a vitoria no Rally Cataluña, ademais de varios podios.

En 1981 comezou a competir no campionato de España cun Porsche 911 SC, co que tivo un mal comezo de tempada, pero co que conseguiu catro vitorias na segunda metade do certame, chegando á última proba, o Rally Cataluña, con opcións de proclamarse campión. Con todo, sufriu un accidente no rally catalán, tendo que retirarse e conformarse con gañar o seu terceiro subcampionato, por detrás de Jorge de Bagration.[12] Ademais gañou por primeira vez o rally da súa cidade, o Rías Baixas, puntuable para o Campionato de Galicia. Ao ano seguinte pasou a ser piloto oficial de Rothmans,[13] escudaría coa que logrou catro vitorias e quedou en terceira posición no nacional.[14] En 1983 proclamouse por cuarta vez subcampión de España, despois de lograr dúas vitorias na tempada e numerosos podios.[15] Ademais gañou por terceira vez o Rally Rías Baixas, do campionato galego. En 1984 logrou varios podios no Campionato de España, onde rematou sexto, e gañou as dúas probas galegas da Copa de España: o Rally de Ourense e o San Froilán.

En 1985 fichou por Opel, onde logrou un asento nun dos Opel Manta 400. Con este coche logrou varios podios esa tempada e rematou o campionato nacional en terceira posición, por detrás do campión Salvador Serviá e o subcampión Carlos Sainz.[16] Ao ano seguinte obtivo resultados semellantes no nacional e repetíronse os tres primeiros postos da tempada anterior.[17] Ademais, igual que na tempada anterior, disputou varias probas do Campionato de Europa, destacando a vitoria lograda en Bulgaria, no Rally de Albena.[18] Rematou o campionato europeo en quinta posición. En 1987 pasou a pilotar un Opel Kadett GSI, co que rematou quinto no Campionato de España.[19] Na seguinte tempada, co mesmo vehículo, logrou cinco podios e rematou en terceira posición, só por detrás do Ford Sierra RS Cosworth de Carlos Sainz e o BMW M3 de Pep Bassas.[20] En 1989 participou en poucas probas e con pobres resultados e deixou a competición ata o ano 2008,[21] en que disputou co Porsche 911 o Rally La Vila Joiosa e o Rally Rías Baixas, aínda que non conseguiu rematar ningunha das dúas probas. En 2009 correu tamén co Porsche o Rally de Ourense.[22]

Copilotos editar

José Luis Sala foi o seu copiloto principal, sobre todo dende 1979, aínda que xa correran xuntos varias veces durante os anos anteriores. Ademais disputou rallys con numerosos copilotos máis, entre eles Antonio Doural, Miguel Brasa, Jordi Sabater ou José López Orozco, co que correu completas as tempadas 1985 e 1986.

Outras actividades editar

En 1982 abriu un concesionario oficial de Porsche en Vigo, compaxinándoo coa súa carreira deportiva e coa panadaría familiar da rúa Carral, que mantivo aberta.[23] En 2005 vendeu o 60% do concesionario ao Grupo Pérez Rumbao, aínda que se mantivo como accionista.[3]

Vida persoal editar

En 1996 o seu fillo Alejandro faleceu tras un accidente nun parque ás aforas de San Francisco.[3]

Palmarés editar

Vitorias editar

Resultados destacados editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 rallybase.nl (inglés)
  2. Figueirido, Javier (2013). Alfredo Bárcena, ed. "Buscamos al hombre récord del gallego de ralis". Cronomotor (en castelán) (290): 26–31. ISBN 9775764106. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "El amo de todas las carreras". El País (en castelán). 20 de xullo de 2008. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  4. 4,0 4,1 autohebdosport.es Arquivado 20 de xaneiro de 2012 en Archive.is Qué fue de Beny Fernández (castelán)
  5. "BMW 2002 tii (Grupo 1)". Fundación Estanislao Reverter. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  6. 6,0 6,1 "O Alpinche". Fundación Estanislao Reverter. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  7. "El Alpinche pisa de nuevo el asfalto" (en castelán). 14 de marzo de 2018. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  8. "Beny Fernández, vencedor del Rally Orense". El País (en castelán). 29 de xuño de 1976. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  9. "Clasificacións 1976" (PDF). Real Federación Española de Automovilismo (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2020. 
  10. "Antonio Freire ganó el Rally San Martín". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de decembro de 1976. p. 41. 
  11. "Tempada 1977 do Campionato de Europa de Rally". ewrc-results (en inglés). Consultado o 21 de maio de 2020. 
  12. "«Beny» perdió el título nacional de rallys". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de novembro de 1981. p. 52. 
  13. "Beny sustituirá a Bagration en el Equipo Rothmans". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de novembro de 1981. p. 52. 
  14. "Clasificacións 1982" (PDF). Real Federación Española de Automovilismo (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2020. 
  15. "Clasificacións 1983" (PDF). Real Federación Española de Automovilismo (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2020. 
  16. "Clasificacións 1985" (PDF). Real Federación Española de Automovilismo (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2020. 
  17. "Clasificacións 1986" (PDF). Real Federación Española de Automovilismo (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2020. 
  18. "Resultados Rally de Albena de 1986" (en inglés). Consultado o 21 de maio de 2020. 
  19. "Clasificacións 1987" (PDF). Real Federación Española de Automovilismo (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2020. 
  20. "Clasificacións 1988" (PDF). Real Federación Española de Automovilismo (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2020. 
  21. Antón, Soledad; Fuente, M. J. (8 de marzo de 2008). "«Volver a subirme a un coche de carreras ha sido una sensación muy extraña»". Consultado o 21 de maio de 2020. 
  22. "Beny Fernández, el regreso de un ídolo". La Región (en castelán). 20 de xuño de 2009. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  23. "El legado solidario de la señora Paca". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de outubro de 2012. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  24. Javier Figueiredo Pérez (2004). Javier Figueiredo Pérez, ed. Rallye de Orense 1967-2003. Javier Figueiredo Pérez. ISBN 84-609-0907-7. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar