Bdellovibrio

Bdellovibrio
Slice from electron cryotomogram of Bdellovibrio bacteriovorus cell.jpg
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Deltaproteobacteria
Orde: Bdellovibrionales
Familia: Bdellovibrionaceae
Xénero: ''Bdellovibrio''
Especie: ''B. bacteriovorus''
Nome binomial
'Bdellovibrio bacteriovorus'
Stolp & Starr 1963

O Bdellovibrio é un xénero de bacterias aerobias obrigadas gramnegativas, que parasitan a outras bacterias. O nome procede de bdellum, que en latín significa samesuga, xa que a bacteria se fixa como unha samesuga a outras bacterias [1], e de vibrio, pola súa forma de coma, aínda que algo torsionada.

Unha das principais características deste xénero é que os seus membros son parasitos doutras bacterias gramnegativas (as grampositivas son inmunes), xa que entran no seu espazo periplásmico (ou periplasma) e se alimentan dos biopolímeros do citoplasma do seu hóspede, como proteínas ou ácidos nucleicos. Despois de entraren no espazo periplásmico do hóspede (espazo que hai entre a membrana plasmática e a membrana externa da parede celular do hóspede), os Bdellovibrio forman unha estrutura chamada bdelloplasto, que comprende tanto o depredador/parasito coma a presa/hóspede. A célula predadora pode permanecer dormente nesta fase, sen afectar á viabilidade do hóspede. Porén, en moitos casos, Bdellovibrio devora a súa presa e múdase a outra. Debido a isto, Bdellovibrio pode ser considerado como unha bacteria depredadora e non só como un parasito.

As especies de Bdellovibrio encóntranse en augas doces e salgadas [2] ou no solo e viven unha existencia intraperiplásmica (no espazo periplásmico). Para cultivar Bdellovibrio úsase NB/500 (caldo nutritivo a unha dilución de 1:500) e mestúrase con ágar-ágar quente con E. coli (o hóspede) a 30 °C durante unha semana. Bdellovibrio cultívase principalmente de dous modos: utilizando revestimentos YPSC e lisados de presas.

Visto con microscopio, Bdellovibrio ten a aparencia dun bacilo móbil con forma de coma (vibrión) que ten un tamaño de arredor de 0,3-0,5 µm de largo e 0,5-1,4 de longo cun flaxelo apenas visible. As colonias de Bdellovibrio aparecen como unha placa clara nun cultivo de E. coli. Estas calvas nos cultivos lembran ás que forman os virus bacteriófagos.

Outra característica notable de Bdellovibrio é a presenza dunha vaíña que cobre o seu flaxelo. Esta é unha característica rara entre as bacterias. A mobilidade flaxelar cesa unha vez que Bdellovibrio penetra na súa presa. Nalgúns casos o flaxelo pérdese; noutros fai protrusión desde a membrana externa (da parede gramnegativa) da célula depredada/hóspede.

O xenoma circular de Bdellovibrio ten uns 3,8 magabases.

Ciclo vital do Bdellovibrio.

O Bdellovibrio ataca a bacterias gramnegativas ao chocar con elas a velocidades de 160 µm/s, ou unhas 100 veces a súa lonxitude por segundo. Nada utilizando un único flaxelo polar envaiñado ondulado. Despois da colisión, o Bdellovibrio adhírese á membrana externa da presa e á capa de peptidoglicano cunha especie de gancho, e despois produce un pequeno buraco na membrana externa. A célula de Bdellovibrio entra despois no espazo periplásmico. Permanece adherida reversiblemente a ela durante un curto período de "recoñecemento". Despois deste período, queda irreversiblemente unida pola parte oposta ao flaxelo. Unha vez dentro do espazo periplásmico, o Bdellovibrio sela o buraco da membrana e converte a célula hóspede nun esferoblasto. Aplíca unha mestura de encimas hidrolíticos en puntos localizados que impide un dano excesivo á presa e contrarresta a difusión. Este complexo de dúas células denomínase agora bdelloplasto. O Bdellovibrio utiliza encimas hidrolíticos para degradar moléculas da célula hóspede, as cales usa para alongar e formar unha estrutura filamentosa. Cando os nutrientes da célula hóspede se esgotan, este filamento faise septado para formar a proxenie de Bdellovibrios [3]. A proxenie adquire mobilidade antes de lisar á célula hóspede e é liberada ao medio. O ciclo de vida completo dura entre unha e tres horas, e produce unha media de células fillas de 3-6 por cada célula hóspede de E. coli, ou 20-30 en Spirilum [1].

Bdellovibrio bacteriovorus foi descrita por primeira vez por Stolp e Starr en 1963. Outras dúas especies que foron descritas, Bdellovibrio starrii e Bdellovibrio stolpii, foron cambiadas agora a outro xénero distinto, o Bacteriovorax.

Á súa vez, a bacteria Bdellovibrio pode ser parasitada por virus bacteriófagos específicos.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 M. Madigan, J. Martinko, J. Parker. Brock Biología de los Microorganismos. Pearson-Prentice Hall. 2003. 10ª edición. Páxinas 384-386. ISBN 84-205-3679-2.
  2. "Experimental studies with river bacterioplankton assemblages did not reveal a significant impact on the bacterial community", reports K. Jürgens, "Predatory prokaryotes..." in Edouard Jurkevitch, ed. Predatory Prokaryotes: biology, ecology and evolution 2007:67, referencing Fry and Staples 1974.
  3. Nature reviews - Bdellovibrio cycle
  • Madigan M; Martinko J (editors). (2005). Prentice Hall, ed. Brock Biology of Microorganisms (11th ed.). ISBN 0-13-144329-1. 
  • Snjezana Rendulic, Pratik Jagtap, Andrea Rosinus, Mark Eppinger, Claudia Baar, Christa Lanz, Heike Keller, Carey Lambert, Katy J. Evans, Alexander Goesmann, Folker Meyer, R. Elizabeth Sockett, Stephan C. Schuster (2004). "A Predator Unmasked: Life Cycle of Bdellovibrio bacteriovorus from a Genomic Perspective". Science 303 (5658): 689–92. PMID 14752164. doi:10.1126/science.1093027. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar