Batalla de Almansa

combate da guerra de sucesión española, o 25 de abril de 1707

A batalla de Almansa foi un conflito bélico que tivo lugar en Almansa (provincia de Albacete) o 25 de abril de 1707, no marco da guerra de Sucesión española.

Batalla de Almansa
Parte de guerra de Sucesión española

Detalle do cadro da Batalla de Almansa, de Philippo Pallota y Bonaventura de Liliis de 1709 exposto nas Cortes Valencianas.
Data 25 de abril de 1707
Lugar Almansa, provincia de Albacete, pero nos límites entre Valencia, Alacant e Murcia, en España.
Resultado Vitoria decisiva para os borbónicos
Belixerantes
Borbónicos
España
Francia
Austracistas
Reino Unido
Portugal
Provincias Unidas
Líderes
Duque de Berwick Marqués de Ruvigny
Marqués das Minas
Forzas en combate
25 000[1]-32 000[2] tropas 15 000[1]-28 000[2] tropas
Baixas
1.500[3]-2.000[1] mortos e feridos 7.000[3]-17 000[4] mortos, feridos e prisioneiros

Nela enfrontáronse os partidarios do arquiduque Carlos, comandadas por Henri de Massue e o marqués das Minas, e os defensores da causa de Filipe de Anjou, que fora coroado como Filipe V, mandados polo duque de Berwick. A vitoria destes últimos, permitiu a rápida conquista do Reino de Valencia, Cataluña e Aragón, con moita resistencia austracista, aínda que os foros quedaron abolidos, como os de Aragón, tras a publicación dos Decretos de Nueva Planta.

A batalla editar

Tras terse retirado as tropas austracistas a territorios da coroa de Aragón, as forzas aliadas decidiron plantar cara ás borbónicas na poboación de Almansa, cerca da fronteira do reino de Valencia.

A batalla iniciouse ás 15 00 do 25 de abril. Ambos exércitos despregáronse cara a cara ao largo de 6,5 km. Os aliados, partidarios do arquiduque Carlos, aliñaron 42 batallóns de infantaría, compostos cada un de 400 homes, e 60 escuadróns de cabalaría, de 100 xinetes cada un, mentres que os borbónicos dispuxeron 50 batallóns de infantaría e 81 escuadróns de cabalaría, formando ambos exércitos con dúas liñas de profundidade. Paradoxalmente, a única representación valenciana era o rexemento Valencia -logo rebautizado Xaén- de 300 homes ao mando do coronel Riera no bando borbónico.

A batalla deu comezo co fogo de artillaría. As tropas aliadas, cansas, en inferioridade numérica e mal dirixidas, romperon a formación entre o centro e o flanco debido ao empurre da cabalaría borbónica. A cabalaría francesa provocou a retirada das tropas aliadas no flanco esquerdo, mentres que as tropas da zona central acabaron rendéndose ás 17 00.

Consecuencias editar

A batalla de Almansa non foi decisiva para a guerra, pero abriu o camiño para a ocupación do reino de Valencia, aínda que non significou a rendición dos austracistas do reino. O exército borbónico tivo que ir conquistando as poboacións que se lle resistían, como antes o austracista se vira obrigado a facer coas fieis a Filipe V. Xàtiva foi a primeira cidade asediada. O 6 de xuño de 1707 rendíase a cidade, tras o cal, o día 19, a cidade foi incendiada por orde do rei Filipe V. Posteriormente mudóuselle o nome polo de San Filipe e precedeuse á súa repoboación con persoas fieis á causa borbónica (na actualidade consérvase un cadro de Filipe V no Museo Municipal de Xàtiva colgado boca abaixo desde 1940 en sinal de condena polo incendio da cidade).[5] Máis tarde caeron, tamén con grande oposición, Alcoi, Dénia e Alacant.

Mais a ocupación do Reino de Valencia continuou a pesar da oposición austracista. O arquiduque chegou a liberar o líder austracista Joan Baptista Basset (que fora encarcerado polas súas políticas favorables ao campesiñado e opostas aos privilexios nobiliarios), a fin de organizar as poucas forzas fieis aos austriacistas, sen conseguir frear o avance borbónico. Tras a conquista do Reino de Valencia, tan só Cataluña e as Illas Baleares continuaron apoiando a causa austracista.

A día de hoxe na Comunidade Valenciana hai o dito: «Quan el mal ve d'Almansa, a tots alcança» (Cando o mal vén de Almansa, a todos alcanza), ou «De ponent, ni vent ni gent» (De poñente, nin vento nin xente), recordando esta derrota.

Existe un álbum do grupo valenciano Al Tall titulado Quan el mal ve d'Almansa..., gravado en 1979, que narra feitos significativos deste episodio da historia valenciana.[6] No 2007, con motivo do 300 aniversario da batalla, realizáronse diversas actividades e manifestacións.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Boletín de la Real Academia de la Historia. Tomo CCIV. Número II. Año 2007. Real Academia de la Historia, maio-agosto de 2007, Madrid, pp. 183-185.
    Calcúlase que os borbónicos contaban con cerca de vinte e cinco mil homes e os aliados cuns quince mil. (pp. 183)
    O enfrontamento durou tres horas. A vitoria foi clara. O balance que Berwick fixo do sucedido no campo de batalla foi impresionante: "Foi unha vitoria completa; perdeu o inimigo cinco mil homes e fixemos cerca de dez mil prisioneiros. (...) En total perdemos dous mil homes. (pp. 185)
  2. 2,0 2,1 La guerra de sucesión en Valencia (De bello rustico Valentino). José Manuel Miñana, Francisco Jorge Pérez Durá & José María Estellés i González, Real Instituto de Estudios Asturianos, 1985, pp. 183.
    O total da tropas austracistas eran 22 000 infantes e case 6.000 xinetes. Berwick tras coñecer nese día o pensamento inimigo, ordenara reunir todas as tropas (...) entre as que había uns 23 000 infantes e uns 9.000 xinetes (...)
  3. 3,0 3,1 La Guerra de Sucesión de España (1700-1714). Joaquim Albareda Salvadó. Editorial Critica, 2010, pp. 223.
    A batalla de Almansa, librada o 25 de abril de 1707, foi un dos acontecementos bélicos máis decisivos da guerra, favorable aos borbónicos. (...) As baixas aliadas, entre mortos e prisioneiros, ascenderon a 7.000 homes, e as perdas materiais, de artillería e bagaxes, foron cuantiosas. En contraste, na fronte bórbonica contáronse 1.500 baixas.(31)
    31. J. L. Cervera Torrejón, La Batalla de Almansa. 25 de abril de 1707, Valencia, Corts Valencianes, 2000.
  4. Resume da historia de España: con un breve compendio dialogado para los niños. Esteban Paluzíe y Cantalozella, 1866, pp. 107.
    O duque de Berwich co seu exército picaba a retagarda dos aliados, até que nas chairas de Almansa, o 25 de abril de 1707, deuse a batalla, para como resultado quedar en poder do exército de Filipe V 12 mil prisioneiros, 5 mil cadáveres no campo, cen bandeiras, a artillería e demais cacharros de guerra.
  5. El cuadro del monarca pende boca abajo en l’Almodí por decretar el asedio de la villa, noticia no diario Las Provincias.
  6. "Álbum Quan el mal ve d'Almansa da páxina oficial do grupo Al Tall". Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2011. Consultado o 20 de setembro de 2011. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar