Bandeira de Galicia
| ||||||||||||||||
|
A bandeira de Galicia actual é un dos símbolos de Galicia. Foi creada a finais do século XIX polos galeguistas históricos do Rexurdimento e sancionada polo consenso popular, durante a época da Xeración Nós, como insignia nacional.[1]
Cromatismo oficial
editarSegundo a Lei 5/1984 de símbolos de Galicia, a bandeira de Galicia é branca, cunha banda diagonal de cor azul que a atravesa desde o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito. A franxa azul posúe unha largura igual á terceira parte do alto da bandeira. As cores oficiais da bandeira son:[2]
Esquema | Azul | Branco | Azul escuro | Vermello | Dourado | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pantone | 801 C | N. A. | 300 C | 186 C | 3975 C | |||||
RGB (Hex) |
0-153-204 (#0099CC) |
255–255–255 (#FFFFFF) |
0-91-191 (#005BBF) |
216-17-38 (#D81126) |
188-172-11 (#BCAC0B) |
|||||
CMYK | 100%–25%–0%–20% | 0%–0%–0%–0% | 100%–52%–0%–25% | 0%–92%–82%–15% | 0%–9%–94%–26% |
Historia
editarO cálice e o pendón de Santiago
editar- Artigo principal: Escudo de Galicia.
No século XV, nun tempo no que o antigo reino de Galicia ficara reducido a dimensións similares as actuais, foi probabelmente o pendón de Santiago a primeira bandeira levantada para representalo, pois baixo este estandarte marchou a Santa Irmandade do Reino de Galicia durante as guerras irmandiñas.[3] Esta simboloxía contaba con precedentes desde o século XIII. Naquela altura, en dous momentos de crise sucesoria, os burgueses dos reinos de Galicia e León constituíranse en irmandades, empregando a imaxe do apóstolo a cabalo como un dos símbolos escollidos para representalos.[4]
Durante este mesmo século XIII, as armas do reino galego aparecen deseñadas nos primeiros armoriais. Nun deles, o Segar's Roll inglés, o escudo do Rey de Galyce adórnase con tres cálices dourados sobre fondo azul. Estas armas falantes, creadas pola proximidade fonética, na lingua normanda, das palabras calice e Galyce, tiveron enorme influencia en posteriores armoriáis. Nestes o escudo evolucionou nun cáliz pechado nun relicario, pasando despois á súa representación en forma aberta. Na propia Galicia a simboloxía foi adoptada, desde o século XV, polas novas institucións creadas polos reis católicos.[5]
Dúas mostras das bandeiras elaboradas a partir do cálice aparecen en obras do século XVI. Pódese apreciar a bandeira galega no "Carro triunfal de Maximiliano" de Durero do ano 1515 e na "Procesión Funebre de Carlos V" do neerlandés Joannes Doetecum do 1559.
-
Imaxe do pendón vermello de Santiago no Códice Calixtino (séc. XII).
-
Santiago co seu pendón no Tombo B da catedral compostelá (1326)
-
Escudo do rei de Galicia no Segar's Roll. (1282)
-
A bandeira do reino de Galicia na obra "Carro triunfal de Maximiliano" (1515).
-
Estandarte do reino de Galicia na obra "Pompas fúnebres do emperador Carlos V" (1559).
A bandeira naval
editarA armada do reino de Galicia, creada para a defensa das costas galegas, así como para a consecución do voto en cortes, tivo os seus comezos en 1624 coa orde de contrución dos seus primeiros buques.[6] Posteriormente, en 1647, o rei Filipe IV estabeleceu que a bandeira desta escuadra fose branca «coas armas dese reino».[7] Deste xeito, durante o século XVIII e até o segundo terzo do XIX o pavillón nacional galego foi representado adoito nos catálogos das bandeiras marítimas do mundo. Este pavillón era sempre branco coas armas de Galicia, isto é, un cáliz cuberto de ouro sen remate crucífero e acompañado con tres cruces a cada lado, normalmente vermellas e ocasionalmente douradas. Os exemplos máis temperáns pódense ver na táboa de Petrus Schenk Schouw-park aller Scheeps-Vlaggen des geheelen Water-Waerelds do ano 1711[8] ou na obra Les pavillons ou banniéres que la plûpart des nations arborent en mer de 1718,[9] ambas publicadas en Ámsterdam. Outras obras nas cales tamén se manifestan son a Encyclopédie de Diderot e d'Alembert e a Encyclopédie Méthodique. Xa no seguinte século, pódese salientar un raro lenzo de algodón coas bandeiras navais do mundo onde a galega tamén aparece. Atopado en Londres, foi probabelmente elaborado para o mercado estadounidense e é datado contra 1840.[10] Unha das últimas publicacións na cal se rexistra o pavillón de Galicia debeu ser Vlaggen van alle Natien de Steenbergen, xa do ano 1862.[11]
-
Bandeira de Galicia na Schouw-park aller Scheeps-Vlaggen des geheelen Water-Waerelds de Petrus Schenk, 1711.
-
Bandeira de Galicia en Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer, 1718.
-
Bandeira de Galicia na Schouw-park aller Scheeps-Vlaggen des geheelen Water-Waerelds de G. van Keulen, 1728.
-
Bandeira de Galicia en La connoissance des pavillons ou bannieres que la plûpart des nations arborent en mer, 1737.
-
Bandeira de Galicia na Carte Nouvelle de tous les Pavillons de Mer du Monde de Hendrik de Leth, 1749.
-
Bandeira de Galicia na Table des pavillons que l'on arbore dans toutes les parties du monde connu concernant la Marine, séc. XVIII.
-
Bandeira de Galicia en Les Pavillons des Mer du Monde Nouvellement Corrigés de Georges-Louis Le Rouge, 1756-1759.
-
Bandeira de Galicia no volume 7 da Recueil de Planches da Encyclopédie de Diderot, 1769.
-
Bandeira de Galicia en gravado de Robert Benard para a Encyclopédie, 1772.
-
Bandeira de Galicia na Bowles's Universal Display of the Naval Flags of all Nations in the World, 1783.
-
Bandeira de Galicia no tomo 5 da Recueil de Planches da Encyclopédie Méthodique, 1787.
-
Bandeira de Galicia en A View of the Flags de Laurie e Whittle, 1794.
-
Bandeira de Galicia na pintura do navío estadounidense enfeitado con diferentes insignias, finais séc. XVIII.
-
Bandeira de Galicia en A Collection of the Principal Flags of all Nations in the World, 1813.
-
Bandeira de Galicia en A Display of the Naval Flags of All Nations, 1820.
-
Bandeira de Galicia en The Maritime Flags of All Nations de R. H. Laurie, 1832.
-
Bandeira de Galicia en Plates Descriptive of the Maritime Flags of All Nations de J. W. Norie, 1832.
-
Bandeira de Galicia no lenzo atopado en Londres coas insignias navais do mundo, c. 1840.
-
Bandeira de Galicia no Flaggen-Almanach de Deppermann e Kuschke, c. 1844.
-
Bandeira de Galicia en Three Hundred and Six Illustrations of the Maritime Flags of All Nations de J. W. Norie, 1848.
-
Bandeira de Galicia en The Maritime Flags of All Nations de Charles Copley, 1851.
-
Bandeira de Galicia en The Maritime Flags and Standards of All Nations de Alphonso Figsbee, 1856.
-
Bandeira de Galicia en Vlaggen van alle Natien de Steenbergen, 1862.
A cruz de Santiago
editarNos tombos da Catedral de Santiago de Compostela figura unha representación da lendaria Batalla de Clavijo. Un enfrontamento entre musulmáns e cristiáns no que venceron estes últimos pola milagrosa mediación do apóstolo Santiago. Na imaxe ondea sobre a tenda do rei de Galicia Ramiro I unha bandeira branca con cruz vermella, relacionada desde aquela co culto a Santiago.[12] Esta Cruz de Santiago foi asumida como símbolo de identidade da Orde de Santiago, unha institución relixiosa e militar creada no século XII. Na Idade Moderna, finalizadas as guerras cos musulmáns na península, a cruz foi adoptada como un sinal de distinción para nobres e fidalgos. En Galicia, o símbolo funcionou no barroco como un atributo do Apóstolo Santiago, e desde esta posición pasou á heráldica[13], e a outros eidos culturais e políticos.
Foron os primeiros centros galegos formados pola emigración quen estableceron, na súa constitución en 1742, que a súa bandeira fose unha tea branca coa divisa do reino nun lado e coa cruz do apóstolo no outro.[14] Malia seren ideado inicialmente para uso interno, o estandarte pasou a identificarse con Galicia a raíz da súa adopción polos voluntarios do Terzo de Galegos durante a defensa de Buenos Aires do ano 1806.[15]
Nesa mesma década, como recorda unha placa memorial na parede sur da Praza da Quintana, o Batallón Literario, fundado en 1808 durante a guerra contra os exércitos napoleónicos, combateu baixo a bandeira de Galicia, naquela altura de cor enteiramente branca.[1][16] Di en 1887 Manuel Murguía:[17]
La bandera de Galicia, es blanca. Tal al menos se dice y asegura generalmente, confirmando esta opinión el hecho de que, la que el batallón de literarios llevó a campaña, es de este color.
Nalgunhas fontes[18] afírmase que foi tamén branca a bandeira que se arborou en Galicia durante a revolución de 1846, aínda que non se aclara se estaba asociada unicamente ao reconstituído Batallón Literario.
O deseño actual. Das prohibicións á oficialización
editarO actual deseño da bandeira galega remóntase ao Rexurdimento na altura en que se comezan a reformular ou a recrear os símbolos de Galicia. A finais do século XIX comezáranse a empregar diferentes modelos de bandeiras coa idea de representaren graficamente unha Galicia que camiñe cara á liberdade. Neste contexto numerosos intelectuais defenderon a bandeira branca coa cruz vermella de Santiago, así como tamén a bandeira branca coa franxa azul, que foi asumida axiña por boa parte do galeguismo e finalmente por toda Galicia. En 1898 apareceu, tanto na prensa da Galicia interior coma da Galicia emigrante, o primeiro documento público que trataba de fixar o que remataría sendo o actual deseño da bandeira[19]:
"A bandeira galega só ten dúas cores: branco e azul. O fondo é branco, e dende o ángulo superior da esquerda ata o ángulo inferior da dereita, atravesando o centro, unha franxa de cor azul que debe ter de ancho a terceira parte do alto ou ancho total da bandeira"
A bandeira, que xa fora izada en Cuba polas sociedades de emigrantes no inicio do século XX[20] e viñera cubrindo o cadaleito do poeta Curros Enríquez chegado da illa,[21] comezaba a usarse nalgúns actos oficiais.[22][23] Foi prohibida na ditadura de Primo de Rivera de iure e na ditadura de Francisco Franco de facto.[24] En 1930 as leis volveron autorizala e mesmo algunha institución menor defendeu o seu izado público, en ocasión solemne, canda a española, aínda que continuaba habendo debate,[25] con indisimulado fondo político, acerca de cal dos deseños en contenda tiña que presentarse como bandeira galega. En 1931, durante os disturbios que deron lugar en Ourense á proclamación simbólica da República Galega, grupos de obreiros cortaron en tiras a bandeira española republicana e ergueron a bandeira de Galicia[26] xunto á vermella dos comunistas. Tratábase dun feito histórico en canto que xa non só o galeguismo ou os colectivos emigrantes, senón traballadoras e traballadores adscritos a movementos da esquerda revolucionaria, en Ourense ou en Santiago,[27] exhibían o distintivo nacional ao mesmo nivel que as bandeiras características da loita obreira. A instauración da II República significou un recoñecemento tácito da representatividade da bandeira galega —se ben a constitución republicana española non facía referencia explícita ao asunto[16]— en varias localidades[28][29][30] do país e o seu uso (nas diversas versións, incluída a proposta por Castelao e tamén a estreleira) aparece documentado amais nas columnas galegas que combateron contra o golpe de Estado fascista de 1936. A derrota implicou neste plano a persecución da bandeira, que se converteu desde o primeiro momento[31][32] en sinal de resistencia antifranquista.
A partir de 1939 a bandeira galega tivo que ocultarse á vista das autoridades. Foron moitas as agrupacións patrióticas, de natureza política ou de orientación cultural, que as ocultaron por medo á represión. Pequenos obxectos que a incluían, coma cinseiros e impresos diversos, foron incautados[1]. As poucas veces en que a bandeira nacional burlou a prohibición despois de 1939 foi grazas á ignorancia dos propios censores, que non acababan de identificar as colgaduras brancas e azuis como representativas do país. A resistencia simbólica atangueu tamén as colectividades galegas no estranxeiro,[1] cuxa práctica habitual de exhibición do noso distintivo patrio se viu acosada polo aparato internacional do poder franquista.
En 1971 un mozo que portaba unha bandeira galega durante unha manifestación no Paseo de Alfonso (Vigo) foi xulgado e condenado polo Tribunal de Orden Público a multa e máis de dous anos de prisión por "manifestación" e "propaganda ilegal", considerándose o estandarte que sostiña, por parte da Fiscalía,[33] unha das probas da súa condición de promotor dos delitos.
|
Coa II Restauración borbónica e a fin oficial da Ditadura franquista, a Lei 5/1984 de 29 de maio de 1984 da Xunta de Galicia regulou a actual bandeira galega. Nela lexíslase que a bandeira de Galicia ha de ter unha lonxitude igual a tres medios do seu ancho. É branca, cunha banda azul celeste dun ancho equivalente á cuarta parte do da bandeira, que a atravesa dende a parte superior á hasta, cara á parte inferior ao batente. Esta versión, sen escudo, denomínase en vexiloloxía —a ciencia que estuda as bandeiras—, "bandeira civil", e pode ser utilizada polos cidadáns, pero non pola administración pública, que debe, obrigatoriamente, utilizar a "bandeira institucional", con escudo. Esta versión, con escudo, tamén pode ser utilizada pola poboación civil.
A representación moderna e oficial do escudo galego foi fixada no ano 1972 pola Real Academia Galega (RAG). A RAG propuxo á Xunta de Galicia conservar a memoria da bandeira galega antiga dentro da moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira civil, formando o que en vexiloloxía se denomina "bandeira institucional". A bandeira "de estado", "institucional" ou "oficial" galega é a que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas:
"A bandeira de Galicia deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma", Lei 5/1984 de Símbolos de Galicia, Artigo 2.2.
Aínda que a bandeira autonómica oficial de Galicia está plenamente asumida na actualidade, persisten esporadicamente actitudes de odio,[34] sobre todo fóra de Galicia, contra algunha das súas variantes[35][36] como a estreleira.
Contexto político. Orixe e simboloxía da bandeira
editarCómpre situar o imperativo da proclamación da bandeira de Galicia no contexto político resultante das revolucións francesa e americana, que afirmaba novas comunidades nacionais e cidadás soberanas e propuña, fronte ás tradicións iconográficas da aristocracia, novos universos simbólicos[16] nos que bandeira, escudo e himno han cobrar o maior protagonismo. Como recorda o historiador Ramón Villares[1] a través da tese de Eric Hobsbawm:
(...) o período de 1870 a 1914 caracterizouse pola produción masiva de tradicións e símbolos de carácter nacional, como unha forma de construír unha «relixión civil alternativa« que permitise gobernar o proceso de incorporación das masas á vida política e substituír deste modo o papel que exercían anteriormente a Igrexa ou as propias monarquías tradicionais, na consecución da necesaria cohesión social dentro das súas comunidades políticas. Era preciso fundamentar sobre novos piares as lealdades sociais e políticas de sociedades que, como as europeas occidentais, se atopaban nun proceso de profunda remodelación social, despois das revolucións que tiveran lugar en Inglaterra no século XVII e en Francia a finais do século XVIII.
A partir dese contexto, o labor de deseñar e asumir colectivamente unha insignia sumouse a outros do mesmo tipo (consensuar un escudo, un himno e fundar unha Academia da Lingua, entre outros);[38] foron os proto-nacionalistas de finais do XIX quen traballaron nesa dirección.
Continúase descoñecendo o significado último[1][38] da simboloxía da bandeira galega actual. Desde os primeiros anos ata hai relativamente pouco déronse lecturas inxenuas (como a crenza de que a franxa azul representaba o río Miño, o que motivou versións nas que a franxa transversal partía da esquina superior dereita e non desde a esquerda), pero máis alá delas existiron esforzos premeditados para desacreditar a actualización do símbolo que propoñía o grupo soberanista de Murguía. Chegouse a atribuír o novo deseño a unha confusión dos emigrantes, quen tomarían como bandeira galega o distintivo branco con banda azul da provincia marítima da Coruña ao véreno ondear no porto e nos transatlánticos. O que pretendían en realidade tanto a dereita españolista[38] coma a liña académica tradicionalista, con representantes coma Couceiro Freijomil ou César Vaamonde Lores, era oficializar como estandarte o pendón branco coa cruz de Santiago.[1]
Hoxe hai constancia, ben documentada[1][38][39], de que a bandeira da comandancia coruñesa se estableceu con posterioridade ás primeiras exhibicións do futuro símbolo nacional, pero algunhas páxinas mesmo institucionais[40] continúan avalando a grave inexactitude histórica.
Unha bandeira de raso azul e branca xa fora empregada durante unha recepción de peregrinos que tivo lugar en Santiago de Compostela os días 22 e 23 de agosto de 1881.[39] Aínda que non existen probas suficientes para relacionar esa bandeira mostrada en 1881 coa que se describiu por primeira vez nun periódico compostelán[19] (nova reproducida pouco despois polo bonaerense El Eco de Galicia no mesmo ano de 1898), hai fundadas razóns para crer que a actual bandeira de Galicia foi creación de Manuel Murguía[41] (probablemente coa axuda no deseño da súa filla Alexandra Murguía Castro) e sábese que a Sociedade Económica de Amigos do País a exhibiu publicamente[38] durante o traslado dos restos de Rosalía de Castro desde o cemiterio de Adina, en Iria, ata San Domingos de Bonaval, celebrado os días 25, 26 e 27 de maio de 1891.[42]
A bandeira, grazas sobre todo ao activismo dalgúns intelectuais e das organizacións culturais e políticas (resultou decisivo o apoio das comunidades da diáspora: emigrantes do Centro Galego da Habana desfilaron con ela en outubro do 1892[43]) foi afianzándose no século XX como símbolo unánime da nación galega e así foi asumido xa desde os anos finais da ditadura.
Outras bandeiras e símbolos históricos
editar- A figura dun cáliz, copa ou relicario dourado é o símbolo histórico que máis longo tempo vén representando a Galiza como entidade xeográfica e política. Tres cálices dourados aparecen documentados por primeira vez como armas dos reis de Galyce no armorial Segar de Inglaterra do ano c.1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galiza foi evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario cáliz dourado evolucionou cara a unha copa dourada (armoriais Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) cara ao século XV, ao que se lle sumaron un número dispar de cruces no século XVI. Xa no século XVII, no contexto da Contrarreforma, este pasou a ser representado como relicario; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal Graal en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. A estandarización gráfica moderna das armas ou escudo de Galiza foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega.
- Baseándose na alusión dun documento datado en 1669[44] algúns grupos independentistas galegos e rexionalistas portugueses exhiben en actos públicos unha bandeira que se pretende histórica e derivada da simboloxía do Reino suevo con fondo en ouro, dragón en sinople á esquerda e un león rampante en goles ou en púrpura á dereita (faltaría, no centro das dúas figuras, o cálice, de seguirmos tanto o razoamento do documento citado coma as versións do escudo de Coímbra que desde o século XVII[45] semellan reproducir idéntico motivo).
- O nacionalismo de esquerdas adopta a estreleira (bandeira galega coa estrela vermella) como símbolo de liberación nacional e social. Esta bandeira é a máis usada en manifestacións nacionalistas ou acontecementos deportivos locais. É amais a da principal Central Sindical (CIG: Confederación Intersindical Galega) e dos partidos de esquerda nacionalista.
- O deseño do escudo de Castelao co texto "Denantes mortos que escravos" (1937). Consistía na serea sostendo o escudo cunha fouce e unha estrela.[46]
- Durante a marea negra do Prestige tamén se usou a bandeira galega, con fondo negro e co texto de Nunca Máis.
-
Bandeira do antigo Reino de Galicia
-
Bandeira do Reino de Galicia nun gravado de 1701[47]
-
Recreación do estandarte da dinastía real sueva
-
Bandeira do Consello de Galiza
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Villares, Xosé Luís Axeitos, Manuel Ferreiro, Fernando López-Acuña, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (2007). Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, ed. "Os Símbolos de Galicia" (PDF). pp. 87–88. ISBN 978-84-96530-46-1.
- ↑ "Galicia flag color codes". flagcolorcodes.com. Consultado o 16 de febreiro de 2022.
- ↑ Perez de Guzman, Fernan (1779). Crónica del señor don Juan, segundo de este nombre en Castilla y en Leon (en castelán).
serian bien diez mil hombres y mas, é habían tomado por Capitán un Fidalgo que se llamaba Ruy Sordo, é traían un pendón de Santiago, é hicíéron todos una hermandad, é por toda la tierra los llamaban los hermanos
- ↑ Barro, Pepe (2018). "O pendón que traían os irmáns". Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza. Xerais. pp. 128–130.
- ↑ Barro, Pepe (2018). "Un escudo inexplicábel". Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza. Xerais. pp. 124–126.
- ↑ De Artaza Montero, Manuel María (1996). "Representación política y guerra naval en la Galicia de los Austrias" (PDF). Anuario de historia del derecho español (en castelán) (66): 445–496. ISSN 0304-4319.
- ↑ Sánchez Badiola 2010, p. 284.
- ↑ "[Early Appearance of the Flag of New England] Schouw-park aller Scheeps-Vlaggen des geheelen Water-Waerelds … / Tableau des Pavillons de Mer … 1711". Barry Lawrence Ruderman Antique Maps Inc. (en inglés).
- ↑ Les pavillons ou banniéres que la plûpart des nations arborent en mer (en francés). Ámsterdam. 1718. Lámina 56.
- ↑ "American National Flag: 26 Stars, Great Star on Silk; Earliest Printed Parade Flag, 1837-1845". Rare Flags.
- ↑ Steenbergen (1862). Vlaggen van alle Natiën / Pavillons de toutes les Nations / Flags of all Nations (en neerlandés). Ámsterdam. Lámina 15.
- ↑ Ligazón externa á imaxe do Tombo A que representa a batalla de Clavijo.
- ↑ Cantelli, Giacomo (1696). "Galego: Escudo do reino de Galicia na descripción do "Reino di Galicia" de Giacomo Cantelli da Vignola.". Consultado o 2022-09-03.
- ↑ Guillermo Vázquez, Horacio (1999). El Tercio de Gallegos (en castelán). Xunta de Galicia. p. 34.
- ↑ Barro, Pepe (2018). Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza. Xerais. pp. 96–98.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 F. Martínez, Francisco (2013). Os símbolos de Galicia. Parlamento de Galicia - obra non venal. ISBN 978-84-7836-101-4.
- ↑ Murguía, Manuel (1887). "Armas y bandera de Galicia". Galicia. Revista Regional (1): 12.
- ↑ "A bandeira | Institucións Galegas | Instituciones Gallegas". institucions.galiciadigital.com. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ 19,0 19,1 "A primeira descrición da nosa bandeira". Real Academia Galega. Consultado o 2022-08-30.
- ↑ "Cuba y Galicia: décadas de simbiosis". emigracion.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2022-08-31.
- ↑ "Neiras Vilas: «A Academia, o himno e a bandeira galega naceron na emigración»". La Voz de Galicia (en castelán). 2001-11-10. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ Fernández González, Manuel (2005). La dinámica sociopolítica en Vigo durante la Segunda República. USC - Facultade de Xeografía e Historia (Tese doutoral).
- ↑ Diario, Nós (2022-01-05). "A bandeira galega, no centro do universo artístico". Nós Diario. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ "Parlamento de Galicia: os símbolos de Galicia" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de febreiro de 2019. Consultado o 18 de outubro de 2014.
- ↑ Martínez Rodríguez, Ana Cruz (2015). As Comisións Provinciais de Monumentos Históricos e Artísticos de Galicia. (1836-1936). Departamento de Historia - USC (Tese de Doutoramento).
- ↑ "A República Galega: A historia non oficial". Galicia Confidencial. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ "Documento inédito sobre a proclamaçom da República Galega em 1931". www.diarioliberdade.org. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ Lombao, David (2014-06-03). "La Galicia republicana". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2022-08-31.
- ↑ "Abril en Santiago". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-04-17. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ "As primeiras horas da II República en Galicia: música e bandeiras entre chamadas á orde e á esperanza". Praza Pública. 2021-04-14. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ Jabois, Manuel (2022-08-28). "Amalia Álvarez y Alexandre Bóveda: no enterraron cadáveres, enterraron semillas". El País (en castelán). Consultado o 2022-08-31.
- ↑ Callón, Carlos (2022). O libro negro da lingua galega : quiñentos anos de represión e silenciamento. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-1110-119-6. OCLC 1333188937.
- ↑ Méndez Ferrín, X.L. (2 de xuño de 2012). "Arredor da bandeira azul e branca" - No fondo dos espellos". El Sábado - Faro de Vigo (759).
- ↑ Diario, Nós (2013-05-14). "“O me das la puta bandera o te la tragas. Tú eliges, follavacas”". Nós Diario. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ ""É unha bandeira galega con estrela unha ameaza para a seguridade?"". Praza Pública. 2013-05-14. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ Pontevedra, Diario de (2019-09-04). "La oposición condena que se prohíba la 'estreleira' en estadios como Pasarón". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 2022-08-31.
- ↑ VVAA (2006). Galicia, a forza da palabra. Centenario da Real Academia Galega. Fundación Caixa Galicia. p. 119. ISBN 84-96494-82-9.
- ↑ 38,0 38,1 38,2 38,3 38,4 Méndez Ferrín, X. L. (26 de maio de 2012). "A nosa bandeira" - No fondo dos espellos". El sábado - Faro de Vigo (758).
- ↑ 39,0 39,1 Costa, Xoán (2022-08-08). "A bandeira galega, romeira en Compostela". Nós Diario. Consultado o 2022-08-29.
- ↑ Galicia, Xunta de (2009-09-30). "A bandeira". Xunta de Galicia. Consultado o 2022-08-30.
- ↑ "OS SÍMBOLOS DE GALICIA" (PDF). consellodacultura.gal. Consultado o 31/08/22.
- ↑ Lorenzo Gil, Cesar (2018-10-18). "O misterio da bandeira galega". BiosBardia. Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-30.
- ↑ Barro, Pepe (2018). Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza. Xerais. p. 59.
- ↑ "Dinastía Real Sueva do Reino de Gallaecia". www.bandeiragalega.com. Consultado o 2022-08-31.
- ↑ "O primeiro congreso sobre o Reino dos Dragóns – Capítulo 0". Consultado o 2022-08-31.
- ↑ "Os novos símbolos da Nova Galiza". Nova Galiza (Barcelona) (6): 2. 1 de xullo.
Non-nos quedaba máis que a fouce de ouro sobor dun fondo azul e a estrela vermella, como emblema do Traballo e da Liberdade. Ourelando o escudo cumpría deixar patente o martirio de Galiza. E a serea, que pertence á heráldica galega, como símbolo mariño que fale do engado atlántico, orixe das nosas aventuras
- ↑ Denis Landry (5 de novembro de 1701). "La ceremonie du mariage du roy d'Espagne avec la Princesse Marie Louise Gabrielle de Savoye seconde fille du Duc de Savoye". Figueres, Cataluña.(en francés)
Véxase tamén
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Lei de símbolos de Galicia |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bandeira de Galicia |
A Galipedia ten un portal sobre: Galicia |
Bibliografía
editar- "Bandeira de Galicia". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Barbosa Álvares, José Manuel (2011) [2006]. Bandeiras da Galiza (2.ª ed.). Através. ISBN 978-84-87305-53-5.
- Barreiro, X. R.; Axeitos, X. L. (2007). "A bandeira de Galicia". En Barreiro, X. R.; Villares, R. Os Símbolos de Galicia (PDF). Santiago de Compostela: CCG; A Coruña: RAG. pp. 79–104. ISBN 978-84-96530-46-1.
- Cores Trasmonte, Baldomero (2005). "Bandeira". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Costa Casas, Xoán (2020). "A bandeira da Galiza: do concepto á imaxe". Terra e Tempo (Santiago de Compostela) (181. Os símbolos da nación galega): 6–13. ISSN 1575-5509.
- Obelleiro Hermida, María (2020). "A bandeira da Patria: orixes e significación". Terra e Tempo (Santiago de Compostela) (181. Os símbolos da nación galega): 14–19. ISSN 1575-5509.
- Vales Vía, José-Domingo (2011). "La Bandera Gallega o una tradición mal herida" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (Betanzos) (34): 285–304. ISSN 1130-7625.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Bandeira de Galicia en Flags of the World (en inglés)
- Símbolos de Galicia
- Bandeira Galega
- Glez., Xosé (28 de decembro de 2018). "Himnos e bandeiras". Galicia Confidencial. Redondela.
- Lorenzo Gil, César (18 de outubro de 2018). "O misterio da bandeira galega". Biosbardia. Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2022. Consultado o 30 de agosto de 2022.