Abrir o menú principal
Rorcual alibranco
Rorcual de minke.jpg

Comparación do tamaño co dun ser humano
Comparación do tamaño co dun ser humano

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Mysticeti
Familia: Balaenopteridae
Subfamilia: Balaenopterinae
Xénero: Balaenoptera
Especie: B. acutorostrata
Lacépède, 1804
Distribución de Balaenoptera acutorostrata.

Distribución de Balaenoptera acutorostrata.
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto
Esqueleto de B. acutorostrata.
Station exploratoire du Saint-Laurent, Rivière-du-Loup (Quebec).
Debuxo dunha B. acutorostrata varada nas costas da Bretaña en febreiro de 1861.

O rorcual alibranco,[1] ou balea alibranca,[2] é un unha especie de mamífero mariño da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos e familia dos balenoptéridos, unha das sete que integran o xénero Balaenoptera.

É o máis pequeno de todos os rorcuais e tamén o máis abundante,[2][3][4]

Debido ao seu pequeno tamaño, e á súa área de distribución no hemisferio boreal, coñécese en francés como petit rorqual de l’Atlantique Nord. Está estreitamente emparentado coa especie Balaenoptera bonaerensis (o petit rorqual austral, en francés).[5][6]

Índice

TaxonomíaEditar

DescriciónEditar

A especie foi descrita en 1804 polo zoólogo francés Bernard-Germain de Lacépède na súa obra Histoire naturelle des cétacées: 134. En Buffon, Histoire naturelle, vol. 37: 317.[7][8]

EtimoloxíaEditar

O epíteto específico, acutorostrata, está formado polos elementos do latín científico acut-, do adxectivo latino acūtus, -a, -um 'afiado', 'acabado en punta', que é o participio do verbo acuo 'afiar', e -rostrata, forma feminina do adxectivo latino rostrātus, -a, -um 'que remata en forma de bico' (derivado de rostrum, -i, 'bico de ave', 'fociño', formas unidas coa letra -o- para facilitar a pronuncia. Literalmente: [rorcual] 'de fociño afiado'.

SubespeciesEditar

Segungo o Sistema Integrado de Información Taxonómica e a Encyclopedia of Life recoñécense as dúas subespecies seguintes:[9][10][11]

  • Balaenoptera acutorostrata acutorostrata Lacépède, 1804
  • Balaenoptera acutorostrata scammoni Deméré, 1986

SinónimosEditar

Ademais de polo nome que lle adxudicou Lacépède, e actualmente válido, a especie Balaenoptera acutorostrata coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[8]

  • Agaphelus gibbosus Cope, 1868
  • Balaena gibbosa Cope, 1868
  • Balaena microcephala Tomilin, 1957
  • Balaena minima Rapp, 1837
  • Balaena minima borealis Knox, 1838
  • Balaena rostrata Fabricius, 1780
  • Balaenoptera acutorostrata thalmaha Deranyagala, 1963
  • Balaenoptera acuturostrata Lacépède, 1804 [12]
  • Balaenoptera davidsoni Scammon, 1872
  • Balaenoptera eschrichtius Rasch, 1845
  • Balaenoptera microcephala Gray, 1850
  • Balaenoptera rostrata Van Beneden & Gervais, 1880
  • Balaenoptera thalmaha Deranyagala, 1963
  • Balaenoptera thalmaha thalmaha Deranyagala, 1963
  • Pterobalaena minor Eschricht, 1849
  • Pterobalaena minor bergensis Eschricht, 1849
  • Pterobalaena minor groenlandica Eschricht, 1849
  • Pterobalaena nana Barkow, 1862
  • Pterobalaena nana pentadactyla Barkow, 1862
  • Pterobalaena nana tetradactyla Barkow, 1862
  • Pterobalaena pentadactyla Flower, 1865
  • Rorqualus minor Hamilton, 1837
  • Sibbaldius mondinii Capellini, 1877

Nomes vulgares galegosEditar

No Vocabulario multilingüe dos profesores Lahuerta e Vázquez denomínase a especie Balaenoptera acurrostrata como rorcual alibranco,[13] mentres que na Guía dos mamíferos de Galicia, os seus autores, Díaz d'a Silva e Cartelle, optan polo nome balea alibranca.[2]

CaracterísticasEditar

As principais características morfolóxicas desta especie son:[2][4]

  • Mide de 7 a 9,8 m de lonxitude e o seu peso oscila entre as 5 e as 10 t. En xeral, as femias son ao redor de 0,5 m máis grandes que os machos.
  • O seu corpo é compacto, coa cabeza angosta e triangular, rematada en punta (ao que alude o seu nome científico), e está provista dunha quilla ou crista característica.
 
Dorso de B. acutorostrata.
Obsérvese a falciforme aleta dorsal.
  • A coloración é escura na cabeza, no dorso e na rexión dorsal da aleta caudal, branca na rexión ventral e na parte inferior das aletas pectorais, e gris nos flancos, no pedúnculo caudal e na parte superior das aletas pectorais. Ten unha mancha branca nas aletas pectorais (ao que alude o seu nome vulgar) e bandas claras en forma de "V" invertida por detrás da cabeza e os orificios respiratorios.
  • As aletas pectorais son delgadas e acabadas en punta. A dorsal é alta e falciforme, e está situada no terzo posterior do dorso. A aleta caudal está formada por dous lóbulos distais longos e finos.
  • Presenta de 30 a 70 dobras gulares que se estenden até o final das aletas pectorais.
  • Posúe de 231 a 360 barbas no maxilar superior, de até 27 cm de lonxitude, e tonalidades que van da branco-amarelada á gris.

BioloxíaEditar

Hábitat e distribuciónEditar

HábitatEditar

Os Balaenoptera acutorostrata encóntranse en todos os océanos do mundo, epecialmente no hemisferio boreal. Prefiren as augas tépedas (en inverno) e frías (no verán). Obsérvanse frecuentemente en augas costeiras e son menos comúns nas augas tropicais. Durante o inverno tipicamente desprázanse cara augas máis cálidas e en verán móvense máis cerca das polares, aínda que algunhas poboacións permanecen na mesma zona durante todo o ano. Visitan con frecuencia as augas de Galicia.[2][4]

DistribuciónEditar

Encontramos este cetáceo no leste entre o Mediterráneo occidental e central e o límite dos xeos do Ártico. Ao oeste, pódese ver entre as Antillas e o golfo de México oriental. Desde a primavera (marzo) ao outono (decembro), esta é a especie máis común dos balenoptéridos nas augas do río San Lourenzo. Obsérvase tamén cara ao norte até o bordo occidental da baía de Ungava (Quebec).[6]

PoboaciónEditar

A poboación mundial da especie estímase nuns 209 800 individuos, dos que 174 000 habitan no Atlántico norte, 10 800 nas costas de Groenlandia occidental e 25 000 no Pacífico noroccidental e no mar de Okhotsk.[4]

ComportamentoEditar

 
Efectuando un salto.

CostumesEditar

Balaenoptera acutorostrata parece ser unha especie principalmente solitaria ou que forma pequenos grupos de 2 ou 3 individuos, grupos que poden aumentar considerabelmente os seus efectivos en áreas de alimentación.[2] Pero recentes investigacións revelaron que son máis sociais do que se crí­a anteriormente.[4]

O Balaenoptera acutorostrata é un nadador relativamente rápido (pode alcanzar até os 12 nós durante traxectos curtos); ás veces realiza saltos ou emerxe ergueito (para espreitar). Cando sae á superficie para respirar, o seu fociño aparece en primeiro lugar. Pode permanecer baixo a auga durante aproximadamente vinte minutos.[4]

É pouco frecuente ver nadar a estes cetáceos diante da proa das embarcacións, pero poden facelo acompañando aos barcos a certa distancia, e tamén se poden observar algunhas veces alimentándose cerca da superficie canda bandadas de aves mariñas.[4]

Secuencia respiratoriaEditar

Antes de mergullarse en augas profundas, o Balaenoptera acutorostrata efectúa xeralmente de 5 a 8 respiracións, separadas por uns trinta segundos. Despois mergúllase arqueando o dorso, sen mostrar a cola.[5][14] Pode permanecer baixo a auga de 3 a 10 min, cun máximo de 20.[4]

Emisión sonoraEditar

Esta especie pode emitir sons similares a gruñidos e estalos de frecuencias e duracións moi variábeis. Rexistráronse, ao longo da costa de Terra Nova, sons de frecuencias tan baixas como de 80 Hz e outros que pasaban dos a 20 kHz.[5][6]

NutriciónEditar

O réxime alimentario do Balaenoptera acutorostrata está formado sobre todo por krill e pequenos peixes que viven en cardumes, como o capelán (Mallotus villosus).[4] Este último constituiría, segundo un estudo realizado en 1963 en animais capturados fronte ás costas de Terra Nova, a maior parte da súa dieta.[5] Este cetáceo non se alimenta doutros peixes máis que cando o capelán escasea. Entre estes peixes están, sobre todo, os arenques, os bolos e outros ammodítidos e os bacallaus.

Cando se alimenta, Balaenoptera acutorostrata utiliza diferentes técnicas para aglomerar ás súas presas. Como outros cetáceos, pode describir círculos concéntricos ao redor dun banco de peixes ou de krill para despois xurdir desde abaixo para engulilos, mostrando a súa rosada garganta dilatada. Ademais destes movementos, é capaz de servirse das correntes mariñas, das rochas e até do casco dos barcos para reagrupar súas presas.[5][6][15]

ReproduciónEditar

Alcanza a madurez sexual cando acada os 7 m de lonxitude, aos de 6 a 8 anos de idade. Os emparellamentos ocorren de novembre a marzo (no Atlántico norte). Os partos suceden na primavera, tras de 11 a 12 meses de xestación. As crías ao naceren miden entre 240 e 280 cm, e son aleitadas durante de 4 a seis meses.[2][14]

Estado de conservaciónEditar

As maiores ameazas para esta especie son á caza de baleas, a contaminación quí­mica das augas e o enmallado en redes de pesca.[4] O seu maior depredador é a candorca (Orcinus orca).[8] Balaenoptera acutorostrata é unha especie de cetáceo aínda hoxe cazada por certoss países, como Noruega, o Xapón e Groenlandia. Aprovéitase a súa carne.[16]

Desde 2008 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status de Balaenoptera acutorostrata como LC (pouco preocupante) xa que, aínda non hai ningunha estimación do tamaño da poboación mundial total, as estimacións das partes da súa área de dispersión no hemisferio norte (cun total de máis de 100 000 individuos) demostran que está moi por riba dos limiares para incluíla nunha categoría de ameaza. Aínda que se detectaron descensos nalgunhas zonas, non hai ningún indicio de que a poboación mundial diminuíra como para cualificala nunha categoría de ameaza.[17]

NotasEditar

  1. Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), p. 130.
  3. Balaenoptera acutorostrata Arquivado 10 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en ARKive.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 4,9 Ballena minke (Balaenoptera acutorostrata) Arquivado 11 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Ballenas y delfines. WDC en acción.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 P.-H. Fontaine (2005): Baleines et phoques, biologie et écologie. Québec: Éditions MultiMondes. ISBN 978-2-89544-076-X.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 J.-P. Sylvestre (1998): Guide des mammifères marins du Canada. Ottawa: Broquet. ISBN 978-2-89000-428-7.
  7. Balaenoptera acutorostrata en MSW.
  8. 8,0 8,1 8,2 Balaenoptera acutorostrata Lacépède, 1804 no WoRMS.
  9. Balaenoptera acutorostrata Lacépède, 1804 no ITIS.
  10. Balaenoptera acutorostrata acutorostrata Lacépède, 1804 Arquivado 17 de agosto de 2016 en Wayback Machine. na EOL.
  11. Balaenoptera acutorostrata scammoni Deméré, 1986 Arquivado 18 de agosto de 2016 en Wayback Machine. na EOL.
  12. Lapsus calami.
  13. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 309.
  14. 14,0 14,1 "Petit rorqual (Gibard). Balaenoptera acutorostrata". ROMM (en francés). Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2016. Consultado o 30 de xullo de 2016. .
  15. Nathalie Tapie: Petit Rorqual - Balaenoptera acutorostrata en cetace.info (en francés).
  16. Minke Whale (Balaenoptera acutorostrata) en NOAA Fisheries Office of Protected Resources (en inglés).
  17. Reilly, S. B.; Bannister, J. L.; Best, P. B.; Brown, M.; Brownell Jr., R. L.; Butterworth, D. S.; Clapham, P. J.; Cooke, J.; Donovan, G. P.; Urbán, J. & Zerbini, A. N. (2008): Balaenoptera acutorostrata na Lista vermella de especies ameazadas de UICN. Versión 2016-1. Consultada o 30-07-2016.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar