Baixo

(Redirección desde «Baixista»)

O baixo é un instrumento musical eléctrico de catro, cinco ou seis cordas (o máis habitual son catro), un híbrido entre a guitarra e o contrabaixo, tal como o explica o seu nome orixinal: guitarra baixa (en inglés bass guitar). Adoita a tocarse sobre todo usando os dedos, pero tamén pode tocarse con puga.

Baixo
Baixo Warwick de cinco cordas
Información
Clasificacióninstrumento de corda pulsada
Tesitura
Instrumentos relacionadoscontrabaixo
guitarra eléctrica
Fabricantes notablesFender, Gibson, Rickenbacker

O baixo de catro cordas afínase habitualmente igual que o contrabaixo, que se corresponde a tons unha oitava máis baixos que as catro cordas máis graves dunha guitarra (Mi, La, Re, e Sol). Para ser escoitado a niveis normais de interpretación o baixo require amplificación externa.

Historia

editar

O seu nacemento débese ós intentos errados por amplificar o contrabaixo, que a causa da nova música que se interpretaba na época (Big Band, combos de Rhythm and blues, ou grupos de rock and roll) se estaba facendo cada vez máis imperceptible.

A pesar de que aparece na década de 1930, o baixo eléctrico popularízase en 1951 da man de Leo Fender, fabricando un prototipo que sería satisfactorio para os intérpretes e saíndo ó mercado co nome de Fender Precision, xa que ó estar dotado con trastes solucionaba, ademais dos problemas da limitación de volume, os problemas de afinación do contrabaixo.

A pesar de ser un instrumento moi utilizado desde a súa creación ata os nosos días, non substituíu para nada ó contrabaixo, senón que conviven en total harmonía ocupando cada un o seu espazo dentro do repertorio musical.

Anos 30

editar

Nos anos 30 o músico e inventor de Seattle, Washington. Paul Tutmarc desenvolveu o primeiro baixo eléctrico na súa forma moderna, un instrumento con trastes deseñado para ser tocado horizontalmente. No catálogo de vendas de 1935 da compañía de Tutmarc, Audiovox, aparecía o seu "Model 736 Bass Fiddle", un baixo eléctrico de corpo mazizo con catro cordas, cun mastro de 775 milímetros e unha pastilla sinxela.[1] Durante ese período fabricáronse uns 100 exemplares. Audiovox tamén vendeu o seu amplificador de baixo “Model 236”.[2]

Anos 50

editar
 
Monk Montgomery cun Precission Bass en 1953

Nos anos 50 Leo Fender e George Fullerton desenvolveron o primeiro baixo eléctrico producido en serie. A Fender Electric Instrument Manufacturing Company comezou a fabricar o Precision Bass, ou P-Bass, en outubro de 1951. O deseño contaba cun corpo sinxelo angulado (slab) e unha pastilla sinxela semellante á da Telecaster. En 1957 o Precision asemellábase máis á Fender Stratocaster, cos cantos biselados para facelo máis cómodo, e a pastilla cambiouse por unha pastilla dobre (split).[3]

O Fender Bass foi un instrumento revolucionario para músicos ao vivo. En comparación co contrabaixo grande e pesado, que fora o principal instrumento grave na música popular dende principios dos anos 20 ata os anos 40, o baixo podía transportarse doadamente aos concertos. Cando se amplificaba o baixo era tamén menos propenso á retroalimentación que os baixos acústicos. A adición de trastes permitía aos baixistas tocar afinados máis doadamente que con contrabaixos acústicos sen trastes, e permitía aos guitarristas cambiar de instrumento dun xeito máis doado.[4]

En 1953, Monk Montgomery converteuse no primeiro baixista en xirar co baixo de Fender, coa big band de posguerra de Lionel Hampton. Montgomery foi probablemente tamén o primeiro en gravar co baixo eléctrico, o día 2 de xullo de 1953 co Art Farmer Septet.[5] Roy Johnson (con Lionel Hampton), e Shifty Henry (con Louis Jordan and His Tympany Five), foron outros dos pioneiros no uso do baixo de Fender. Bill Black, que tocou con Elvis Presley, pasou do contrabaixo ao Fender Precision Bass ao redor de 1957. O baixo estaba destinado a atraer tanto a guitarristas como a contrabaixistas, e moitos dos pioneiros, como Carol Kaye, Joe Osborn, Paul McCartney eran orixinalmente guitarristas.

Tamén en 1953, Gibson lanzou o primeiro baixo eléctrico de escala curta con forma de violín, o EB-1, cun pé extensible que permitía que puidese ser tocado tamén verticalmente. En 1958 Gibson lanzou o EB-2 descrito no catálogo da compañía como as un "baixo eléctrico de corpo oco que conta cun botón de baixo/barítono para dúas características tonais diferentes". En 1959 foi seguido polo máis convencional EB-0 Bass. O EB-0 tiña unha aparencia semellante a unha guitarra Gibson SG (aínda que os primeiros exemplos tiñan un corpo anguloso como o da Les Paul Special).

Outras compañías tamén comezaron a fabricar baixos durante os anos 50. En 1956 apareceu na feira alemá "Musikmesse Frankfurt" o distintivo Höfner 500/1 con forma de violín, realizado usando técnicas de construción de violíns por Walter Höfner, un luthier de violíns de segunda xeración.[6][7][8] Debido a que foi usado por Paul McCartney, o instrumento coñeceuse como o "Beatle bass". En 1957, Rickenbacker introduciu o modelo 4000, o primeiro baixo en contar cun deseño "neck-through-body", na cal o mastro é parte da madeira do corpo.[9] Kay Musical Instrument Company comezou a fabricar o K-162 en 1952, Danelectro lanzou o Longhorn en 1956, e Burns London/Supersound o Single Cutaway Bass en 1958.

Anos 60

editar
 
Gibson EB-2

Coa crecente popularidade da música rock nos anos 60 máis fabricantes comezaron a prducir baixos eléctricos, como Yamaha, Teisco e Guyatone. Introdido en 1960, o Fender Jazz Bass, coñecido inicialmente como o "Deluxe Bass", usaba un deseño de corpo coñecido como "cintura compensada" que fora introducido na guitarra Fender Jazzmaster co obxectivo de mellorar a comodidade mentres se tocaba sentado.[10] O Jazz Bass contaba con dúas pastillas sinxelas.

As formas das pastillas en baixos eléctricos adoitan a referirse como pastillas "P" ou "J", en referencia ás diferenzas visuais e eléctricas entre as pastillas do Precision Bass e do Jazz Bass.

Fender comezou a fabricar o Mustang Bass cunha escala de 762 mm, en comparación cos 864 mm dos Jazz e Precission, ofrecendo así un instrumento cunha "escala Gibson".[11] O Fender VI, un baixo de seis cordas, estaba afinado unha oitava por debaixo da afinación normal de guitarra e foi lanzado en 1961, sendo utilizado brevemente por Jack Bruce de Cream.[12]

Gibson introduciu o seu EB-3, de escala curta de 775 mm, en 1961, tamén usado por Bruce.[13] O EB-3 tiña unha pastilla "mini-humbucker" na posición da ponte. Os baixos Gibson tendían a ser instrumentos cunha escala máis curta que os Precision. Gibson non produciría baixos dunha escala de 864 mm ata 1963, co lanzamento do Thunderbird.[14]

Anos 70

editar

En 1972 Alembic estableceu os que serían coñecidos como baixos eléctricos de gama alta.[15] Estes caros instrumentos feitos a medida, como os usados por Phil Lesh, Jack Casady, e Stanley Clarke, contaban con deseños únicos, corpos de madeira de primeira calidade acabados a man, e innovadoras técnicas de construción, como a construción multilaminada neck-through-body e mastros de grafito. Alembic tamén foi pioneira no uso de electrónica integrada para preamplificación e ecualización.[16][17] As electrónicas activas incrementaban os niveis de saída do instrumento, e permitían máis opcións para controlar a flexibilidade tonal, dando ao intérprete a habilidade de amplificar, así como a de atenuar certos rangos de frecuencias mentres melloraba a resposta xeral destas (incluíndo máis sons de rexistro alto e baixo).

En 1974 Music Man Instruments, fundada por Tom Walker, Forrest White e Leo Fender, introduciu o StingRay, o primeiro baixo amplamente producido con electrónica activa (alimentada) integrada no instrumento.[18] En 1976 a compañía británica Wal comezou a fabricar os seus propios baixos activos.[19] Os baixos con electrónicas activas podían incluír un preamplificador e mandos para realzar ou cortar frecuencias.

A mediados dos 70 introducíronse os baixos de cinco cordas, cunha corda en Si grave. En 197 o baixista Anthony Jackson encargoulle ao luthier Carl Thompson a construción dun baixo de seis cordas con afinación (de abaixo a arriba) Si, Mi, La, Re, Sol Do, engadindo un Si baixo e un Do alto, e sendo un dos primeiros baixos de rango estendido.[20]

  1. Blecha, Peter. "Audiovox #736". Vintage Guitar® magazine (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2024. Consultado o 2022-01-18. 
  2. "Audiovox and Serenader Amps". Vintage Guitar® magazine (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  3. "The History of the Fender Precision Bass". www.fender.com (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  4. "1952 Fender Precision Bass". Premier Guitar (en inglés). 2013-05-13. Consultado o 2022-01-18. 
  5. Bass heroes : styles, stories & secrets of 30 great bass players : from the pages of Guitar player magazine. GPI Books. 1993. ISBN 0585349363. OCLC 47008985. 
  6. "The History of the Karl Hofner Company by Christian Hoyer.". www.vintagehofner.co.uk. Consultado o 2022-01-18. 
  7. "List of Hofner Electric Guitars and Basses >> Vintage Guitar and Bass". www.vintageguitarandbass.com. Consultado o 2022-01-18. 
  8. "Hofner's History - About Hofner - Info". www.hofner.com. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2022. Consultado o 2022-01-18. 
  9. "Modern History of Rickenbacker". www.rickenbacker.com. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2012. Consultado o 2022-01-18. 
  10. "Jaco, Geddy and Flea Can't Be Wrong: The Story of the Jazz Bass". www.fender.com (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  11. "Mustang Bass". www.fender.com. Consultado o 2022-01-18. 
  12. "Jack Bruce - Equipment". www.jackbruce.com. Consultado o 2022-01-18. 
  13. Moseley, Willie G. "The Gibson EB-3". Vintage Guitar® magazine (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  14. "Vintage Vault: 1964 Gibson Thunderbird Bass". Premier Guitar (en inglés). 2017-03-05. Consultado o 2022-01-18. 
  15. "Alembic - History, Short Version". www.alembic.com. Consultado o 2022-01-18. 
  16. "Alembic Activators". www.alembic.com. Consultado o 2022-01-18. 
  17. Fletcher, Tim (2020-03-16). "The History of Active Electronics". Bass Musician Magazine, The Face of Bass (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  18. "StingRay". Ernie Ball Music Man basses (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  19. "About Us". Wal Basses (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  20. Roberts, Jim. "Partners: Anthony Jackson & Fodera Guitars". Bass Magazine - The Future of Bass (en inglés). Consultado o 2022-01-18.