Wikimedia Commons almacena imaxes para que poidan ser utilizadas nas diferentes versións de Wikipedia, así como polo resto de proxectos Wikimedia.
Para subir unha nova imaxe, primeiro active o Editor Visual premendo en "Editar" na parte superior dun artigo.
Unha vez que aparece a barra de ferramentas, prema no menú
Inserir e elixa a opción "Ficheiros multimedia". Isto abre un cadro de diálogo que lle permite subir e utilizar imaxes.
Prema na pestana "Subir" e elixa unha imaxe do seu ordenador. Unha vez seleccionada, prema en "Subir".
Debe engadir un título e unha descrición para que quen queira usar a imaxe poida saber de que se trata. Esta descrición pode ser máis detallada que a que exporía nun artigo porque se almacena xunto coa imaxe en Commons. Tamén pode asignar categorías á imaxe, para axudar ao resto de persoas a atopala.
Ao premer en "Gardar", subirá a nova imaxe a Commons e poderá inserila no artigo.
Advertencia: as imaxes aloxadas en Wikimedia Commons non poden estar protexidas por dereitos de autor de ninguén excepto de quen as sobe, e cando se almacenan en Commons vólvense libres para que calquera persoa poida usalas (licenza Creative Commons).