Avelino Viña

futbolista uruguaio

Avelino Viña Vázquez, nado en Montevideo o 12 de abril de 1963, é un exfutbolista uruguaio de orixe galega, que xogaba como porteiro. Fillo de dous emigrantes de Lugo, formouse no Nacional de Montevideo, pero destacou no fútbol español, especialmente no Jaén e no Córdoba. Disputou 336 partidos oficiais en España e retirouse nas filas do Murcia, club no que pasou a traballar máis tarde como adestrador de porteiros.

Avelino Viña
Información persoal
Nome Avelino Viña Vázquez
Nacemento 12 de abril de 1963
Lugar de nacemento Montevideo
Altura 1,85 m.
Posición Porteiro
Información de club
Club actual Murcia (a.p.)
Carreira xuvenil
Ombú Juniors
Nacional
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1980–1984 Nacional 0 (0)
1985–1986 Central Español
1987–1990 Montevideo Wanderers
1990 Deportivo da Coruña 0 (0)
1991 El Tanque Sisley
1992–1994 Jaén 85 (0)
1994–1999 Córdoba 156 (0)
1999–2000 CP Almería 34 (0)
2000–2002 Murcia 29 (0)
Adestrador
2006– Murcia (a.p.)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Nacional editar

Naceu en Montevideo, sendo fillo de dous emigrantes galegos, Avelino e Carmen, naturais de Lugo.[1][2] Formouse como gardameta no Ombú Juniors e na canteira do Nacional, debutando co primeiro equipo do segundo con 17 anos, nun amigable contra unha selección de Canelones no estadio Martínez Monegal.[3] Xogou un total de catro encontros co primeiro equipo e chegou a ir convocado a varios encontros da Copa Libertadores.[4] Con todo, non disputou ningún partido oficial co primeiro equipo do club, sendo o porteiro titular durante aqueles anos Rodolfo Rodríguez, pero formou parte do equipo que gañou o Campionato Uruguaio na tempada 1983. Durante eses anos xogou habitualmente no equipo reserva, na Terceira División.[2]

Central Español e Wanderers editar

Militou en Nacional ata 1984, pasando logo ao Central Español, co que debutou na Primeira División. Alí tivo como técnico a Gregorio Pérez e como adestrador de porteiros a Julio González.[2] Gregorio Pérez fichou en 1987 polo Montevideo Wanderers, e levou con el Viña, que militou no club os seguintes tres anos.[5]

Deportivo da Coruña e El Tanque editar

En marzo de 1990 chegou a Galicia, cedido polo Wanderers ao Deportivo da Coruña, da Segunda División.[6] Aínda que non chegou a debutar co equipo de Arsenio, a súa estancia na Coruña foi o primeiro chanzo da súa posterior carreira no fútbol español. Trala fin da cesión, regresou ao Uruguai, onde pasou a xogar no El Tanque Sisley, co que disputou a histórica tempada 1991, a primeira do club na Primeira División, aínda que o gardameta titular na maioría de partidos foi Enrique Carrera.[7][2]

Jaén e Córdoba editar

En 1992 regresou a España, fichando polo Real Jaén, da Segunda División B. No equipo andaluz tivo destacadas actuacións e foi titular indiscutible para os adestradores Crispi e Bartolomé Plaza, disputando ata 96 partidos oficias en só dúas tempadas, incluídas dúas fases de ascenso a Segunda.[8][1][9] No verán de 1994 seguiu a Crispi e fichou polo Córdoba, da mesma categoría,[10] club no que militou durante os seguintes cinco anos, gañando prestixio polo seu bo rendemento.[11] Xogou 168 partidos oficiais co Córdoba, disputando catro fases de ascenso e finalmente logrou subir de categoría na tempada 1998/99. Con todo, perdeu protagonismo no equipo trala irrupción do porteiro José Antonio Leiva, e deixou o equipo tralo ascenso.[11][12]

CP Almería e Murcia editar

Para a tempada 1999/00 fichou polo Polideportivo Almería, co que disputou 38 encontros ata maio do 2000. Fichou entón polo Murcia, tendo de novo a Crispi como adestrador. Disputou inmediatamente trala súa chegada a fase de ascenso a Segunda, e foi titular no partido contra o Granada no que un gol de Aguilar devolveu o equipo murciano á categoría de prata.[13] Xogou dúas campañas máis no club vermello, tendo como adestradores entre outros a Pepe Mel e David Vidal, e colgou as botas en 2002, aos 39 anos de idade.

Trala súa retirada continuou instalado en Murcia e en 2006 regresou ao Real Murcia como adestrador de porteiros, labor que exerceu durante a seguinte década de media, ata a actualidade.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Viña: un billete de vuelta para Uruguay que no hizo falta" (en castelán). 19 de decembro de 2020. Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2022. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Hace 21 años se fue con el pasaje abierto". El Observador (en castelán). 18 de abril de 2013. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  3. "Nacional - Canelones 1980". atilio.uy (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  4. "Partidos de Viña con Nacional". atilio.uy (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  5. "El guardameta Viña llegó ayer a La Coruña para fichar por el Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 26 de marzo de 1990. p. 26. 
  6. "El Deportivo fichó a un portero uruguayo". Mundo Deportivo (en castelán). 26 de marzo de 1990. p. 26. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  7. "El Tanque Sisley y su historial con los grandes" (en castelán). 21 de setembro de 2010. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  8. "Ignacio, muchos centímetros de seguridad y trabajo en la meta del Real Jaén" (en castelán). 13 de novembro de 2019. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  9. "El observatorio de Quique Bonoso en cuanto a fases de ascenso" (en castelán). 13 de xaneiro de 2020. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  10. "Polémica Jaén-Córdoba y fichaje en Huelva". Mundo Deportivo (en castelán). 13 de xullo de 1994. p. 28. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  11. 11,0 11,1 "Del Córdoba CF al Real Murcia, recuerdos de Segunda B que llevan a Viña y Algar" (en castelán). 5 de setembro de 2019. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  12. Ávalos, Rafael (30 de xuño de 2019). "¿Qué fue de los héroes? Los 16 de Cartagena, 20 años después" (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  13. Conesa, Sergio (21 de xullo de 2019). "Avelino Viña, pieza clave en la sombra" (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar