Asteroide troiano

Os asteroides troianos son un grupo de asteroides que comparten órbita cun planeta ou satélite maior arredor dos puntos de Lagrange estables L4 e L5 (puntos troianos), os cales están situados aproximadamente 60° cara a adiante e 60° cara a atrás do planeta na súa órbita, respectivamente.

Imaxe dos asteroides troianos diante e detrás de Xúpiter ó longo do seu camiño orbital. Tamén se amosa o cinto principal de asteroides entre as órbitas de Marte e Xúpiter.

No Sistema Solar, a principal órbita por número de troianos é a de Xúpiter, dos que se coñecen case 10 000. Os asteroides troianos xupiterinos están distribuídos en dúas rexións alongadas e curvadas arredor destes puntos de Lagrange cunha media de semieixo maior dunhas 5,2 UA.[1]

Nas órbitas de Venus, Marte, Urano e Neptuno en conxunto, hai localizadas varias ducias.

En 2022 coñécense dous troianos da Terra. O primeiro asteroide troiano da órbita da Terra, chamado 2010 TK7, descubriuse no ano 2010 e fíxose público no ano 2011.[2]

O segundo troiano terrestre fíxose público a comezos de 2022 (despois de ser descuberto no 2020 por un equipo do NEOCC liderado por Toni Santana-Ros, da Universidade de Alacant, e Laura Faggioli, do Near-Earth Object Coordination Centre) co nome 2020 XL5. 2020 XL5 considérase que sairá da súa órbita nuns 4000 anos por inestabilidade, despois de ser 'capturado' en L5 tempo despois da formación da Terra, sendo así dos chamadaos asteroides 'transitorios'. Ten unhas dimensións típicas da orde de 1 km.[2]

Estímase a importancia deste tipo de asteroide pola súa estabilidade orbital, o que os fai elixibles para misións de estudo, máxime considerando que algúns poden ser restos da formación do planeta que acompañan.

Notas editar

  1. Yoshida, F.; Nakamura, T (2005). "Size distribution of faint L4 Trojan asteroids". The Astronomical journal 130: 2900–11. Bibcode:2005AJ....130.2900Y. doi:10.1086/497571. 
  2. 2,0 2,1 "Newly discovered asteroid just second of its kind". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2022-02-01. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar