Astarte foi unha divindade fenicia feminina (a transcición do seu nome fenicio é Ashtart), coñecida na Biblia como Ashtoret. O seu nome é equivalente ao da deusa babilonia Ishtar, como esta foi asimilada na civilización grecorromana a Afrodita / Venus.

Dama de La Galera, representación da deusa Astarte, Museo Arqueolóxico Nacional, Madrid

Astarte aparece nos textos de Ugarit (actual Ras Shamra) do segundo milenio a.C., e noutros exipcios do primeiro milenio, nos que figura como equivalente da deusa Anat e con fortes caracteres guerreiros, que non aparecerán posteriuormente.

O seu equivalente nas fundacións fenicias do Mediterráneo occidental foi Tanit, deusa que non aparece en Oriente. Con todo, até agora, non hai completa seguranza de que sexan a mesma divindade, e de feito Astarte aparece en Cartago nunha inscrición do século VIII a. C., unha das máis antigas nas que xorde o seu nome.

En orixe era unha deusa da fertilidade, como o era Ishtar, porén en épocas máis tardías Astarte foi tamén asimilada a Xuno / Hera, a ráiña do Olimpo, esposa de Zeus / Xúpiter, e máis tamén con Cibeles, de xeito que pasou a converterse nunha divindade celeste, sen esquecer o seu aspecto fértil, pero que ficou un tanto relegado.