Asente
- Este artigo trata sobre a bebida alcohólica elaborada a partir da planta medicinal absintio. Para o artigo sobre esta planta véxase Absintio.
O asente[1][2] (do latín absinthĭum, e este do grego ἀψίνθιον, apsinthion) é unha bebida con alto contido alcohólico (de até 89,9°) e con sabor moi parecido ao licor de anís. Trátase dun composto a base de herbas e flores de plantas medicinais e aromáticas, con predominio de absintio. Considerada ás veces, incorrectamente, un licor, o asente non contén azucre engadido.
Alcumada en francés a Fée Verte ('A fada verde'), esta bebida alcohólica é de lixeiro sabor anisado, cun fondo amargo de tinguiduras complexas debido á contribución doutras herbas. Cando se lle engade auga fría, a bebida transfórmase na esencia leitosa louche. Comezou sendo un elixir en Suíza, pero onde se fixo popular foi en Francia debido á asociación entre os artistas e escritores románticos que tomaban esta bebida no París da última parte do século XIX ata que se produciu a súa prohibición en 1915. A marca máis popular de asente durante os anos iniciais foi Pernod Fils e hoxe continúa séndoo mundialmente.
Etimoloxía
editarAs palabra galega para o asente pódense referir indistintamente á bebida ou á planta (existen dúas especies así coñecidas: a grande, Artemisia absinthium, e a pequena, Artemisia pontica). A palabra deriva do latín absinthium que á súa vez provén do grego, que se pode traducir como 'non-bebible'. Existen raíces da palabra enlazadas á palabra persa spand ou aspand e mesmo á variante esfand coa que se denomina unha herba de gusto amargo. Antigamente esta planta queimábase como signo de ofrenda e este ritual pode dar como pista as súas orixes protoindoeuropeas xa que en urdú a raíz spend significa «levar a cabo un ritual» ou «facer ofrendas». No entanto, pode dicirse que non queda clara ningunha das posibles procedencias da palabra asente.
Composición
editarA composición principal desta bebida é a base da planta Artemisia absinthium ou absintio, as flores do fiúncho e o anís. A esta tripla composición denominóuselle xocosamente «a santa trindade». Dependendo dos gustos aparecen en menores cantidades outras plantas tales como: hisopo, a melisa e pequena artemisa. Existen receitas nas que aparece a raíz da anxélica, follas de cálamo, follas de dictamnus, coandro, verónica, follas de xenebro, noz moscada, regalicia, así como diferentes herbas de montaña.
Elaboración
editarA maceración da Artemisia absinthium sen destilación produce unha bebida en extremo amarga, debido á presenza dun composto pouco soluble en auga denominado absintina. As receitas máis auténticas recorren a unha destilación despois da primeira maceración e antes da maceración «da cor». A destilación coas flores do fiúncho e o anís produce unha solución alcohólica incolora que sae do alambique cunha concentración de preto de 82% de alcohol. Pódese ver que as cores típicas desta bebida denominados poeticamente a Bleue ('azul') ou a Blanche ('branca'), ou o moi famoso verde, proceden de colorantes engadidos á bebida, que poden provir de compostos artificiais ou da clorofila da propia artemisa engadida ao líquido resultante da destilación. Tras este proceso redúcese con auga para obter a concentración desexada de alcohol. Dependendo do tempo de exposición á luz, a clorofila pode variar de cor desde o verde esmeralda pasando por un amarelo verdoso até un marrón. Esta é a explicación de que os asentes vendidos como «vintage» mostren cores ambarinos como resultado deste proceso de envellecemento e reacción á luz.
Variantes
editarAs variedades non tradicionais elaboráronse mediante unha mestura en frío das herbas e esencias con alcohol. Ás veces denominábase a este produto 'mestura de aceites'. Este tipo de asente non é necesariamente malo pero é considerado xeralmente de inferior calidade que o elaborado mediante destilación, co seu característico sabor amargo no retrogusto.
O contido de alcohol na maioría das botellas é extremadamente alto: oscila entre o 45% e o 89,9%, e non existen evidencias históricas que indiquen que os asentes que se comercializaron no pasado fosen de concentracións superiores ao 74%. Debido a esta forte concentración de alcohol e de compoñentes das herbas, xeralmente non se tomaba «directamente», e por iso o seu consumo estaba unido a un ritual de preparación.
Historicamente houbo cinco graos de asente en orde crecente de contido alcohólico: ordinaire, demi-fine, fine, supérieure e Suisse (que non denota a súa orixe). A maioría dos asentes do mercado conteñen hoxe en día entre 60% e 75% de alcohol. Menciónase que isto é así para facilitar o almacenamento. A finais do século XIX elaborábanse produtos falsificados de asente adulterados con labras de cobre, zinc ou índigo co obxecto de dar cor verde e sabores característicos. A adulteración con cloruro de antimonio para producir o efecto louché e xunto coa dopaxe doutros produtos tóxicos contribuíron a que o asente tivese unha reputación de indutora á alucinación.
Actualmente existen diversas variedades que, para acentuar o seu sabor, utilizan menta, hortelá e mesmo cánnabis. Convén lembrar que moitas das herbas empregadas na elaboración poden ser velenosas en grandes concentracións. É por esta razón pola que se aconsella que non se beba soa.
Lugares
editarCo incremento da popularidade empezouse a instalar nos bares unha fonte de auga fría no centro das mesas, coas súas billas respectivas para que cada bebedor puidese rebaixar a pracer o asente servido seguindo este proceso, permitindo desta forma que diferentes persoas puidesen socializar nunha única mesa.
Leis
editarO asente ao principio vendíase en farmacias como bebida medicinal. Na actualidade non hai ningunha regulación particular con respecto ó asente na maioría dos países (do mesmo xeito que, por exemplo, o whisky escocés ou o coñac). Por tanto, os produtores de bebidas alcohólicas poden etiquetar un certo produto como asente sen que o consumidor saiba se a bebida está ou non elaborada da forma tradicional.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para asente.
- ↑ Xunta de Galicia (ed.). "Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés" (PDF). Consultado o 5 de abril de 2018.