Asemblea Xeral de Ohio

Parlamento de Ohio (Estados Unidos)

A Asemblea Xeral de Ohio (en inglés, Ohio General Assembly) é o parlamento de Ohio, nos Estados Unidos. Conta cun total de 132 membros, dos que 33 son senadores (membros da cámara alta) e 99 representantes (membros da cámara baixa) electos por sufraxio universal. A Casa Estatal de Ohio, en Columbus, acolle a súa sede. Foi creada pola primeira constitución de Ohio, en 1802, e a súa primeira reunión foi en 1803, logo de que o presidente Thomas Jefferson sancionase a lei que admitiu a Ohio como estado nos Estados Unidos.

Asemblea Xeral de Ohio
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
Organización matrizGovernment of Ohio
EnOhio
PaísEstados Unidos de América
39°57′42″N 82°59′55″O / 39.9616, -82.9987
Na rede
https://www.legislature.ohio.gov e http://www.legislature.state.oh.us
editar datos en Wikidata ]
O Ohio Statehouse acolle a sede da Asemblea Xeral en Columbus.

Composición editar

 
Hemiciclo do Senado de Ohio

A Asemblea Xeral, dende a súa creación conta cunha estrutura bicameral e posúe o poder lexislativo do estado:[1]

  • O Senado: integrado por 33 membros electos por 4 anos de mandato renovándose cada dous anos parcialmente en quendas de 16 e 17 senadores por vez.
  • A Cámara de Representantes: composta de 99 membros para un mandato bianual.

Os lexisladores da Asemblea Xeral son electos por distritos uninominais polo voto maioritario dos cidadáns. Existe o límite de mandatos de 8 anos para ambas cámaras.

Dous Presidentes dos Estados Unidos pertenceron á Asemblea Xeral de Ohio sendo senadores, foron James A. Garfield, entre 1860 e 1861, e William G. Harding, entre 1900 e 1904.[2][3]

Competencias editar

A vixente constitución de Ohio, aprobada en 1851, confírelle o poder lexislativo á Asemblea Xeral no seu artigo 2º.[4] O lexislador de calquera das dúas cámaras pode iniciar o proceso facendo unha proposta de lei. Antes de rexistrala, debe redactala co asesoramento da Comisión do Servizo Lexislativo, os servizos xurídicos, para que cumpra cos requisitos legais e técnicos. O Gobernador de Ohio tamén pode recomendar leis no discurso anual que debe presentar ante a Asemblea Xeral.[5]

 
Selo da Cámara de Representantes de Ohio

Unha vez escrita a proposta preséntase ante a cámara, que logo da súa lectura e derívaa a unha comisión concreta segundo a cuestión que aborde. Na comisión faise un estudo da proposta e convídase a lexisladores e axentes públicos para valorala. O comité ou comisión pode aprobar o proxecto tal e como se presentou, emendalo, fusionalo con outras propostas, continuar o estudo, remitila a outra comisión ou rexeitalo. Superada esta fase, a proposta de lei é obxecto de debate no pleno da cámara para logo ser votada. Aprobada pola cámara orixinal, envíase á outra, onde o proxecto seguirá as mesmas fases, podendo ser modificada. Se a segunda cámara vota modificacións deberá ser tamén votada na cámara orixinal. Se esta rexeita os cambios, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado. No caso de ser rexeitado a proposta de lei queda anulada.[6]

A lei aprobada por ambas as dúas cámaras leva como intitulación "Sexa promulgada pola Asemblea Xeral do estado de Ohio" (en inglés, "be it enacted by the General Assembly of the state of Ohio") e é asinada polos presidentes de ambas cámaras, quen lla remiten ao gobernador.[7]

O gobernador pode vetar as leis aprobadas pola Asemblea Xeral intentando frear a súa entrada en vigor, mais a Asemblea Xeral pode revogalo se deste xeito votan tres quintos dos membros de ambas as dúas cámaras.[8]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar