Artes, Ribeira

parroquia civil do concello de Ribeira

San Xián de Artes[1] é unha parroquia situada no suroeste da península do Barbanza, administrativamente depende do concello de Ribeira. Segundo o IGE en 2018 tiña 797 habitantes (411 mulleres e 386 homes). A poboación distribúese en 17 lugares, cunha superficie de 7,6 km².

Artes
Igrexa de San Xián de Artes
ConcelloRibeira[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas42°33′33″N 9°00′23″O / 42.55916667, -9.00638889Coordenadas: 42°33′33″N 9°00′23″O / 42.55916667, -9.00638889
Área7,6 km²
Poboación797 hab. (2019)
Densidade104,87 hab./km²
Entidades de poboación17[1]
editar datos en Wikidata ]

Xeografía editar

Emprázase na ladeira oeste que se forma entre os montes de San Alberte (212 m) e da Cidá (210 m), ambos son dos últimos contrafortes da Serra do Barbanza. Ao norte a ladeira remata na marxe esquerda da veiga do río de Artes. Xeoloxicamente encóntrase nunha área de granodioritas tardías de finais da oroxenia herciniana, rochas que foron explotadas nas dúas canteiras existentes.

Ao oeste están as marismas do Carregal, un depósito costeiro de sedimentación coluvial e eólica pechado por unha duna activa que recibe o nome de "Montes da Area". A evolución desta área partiu da formación dunha lagoa interior de auga doce con depósitos de turba que afloran no Pozo Negro. Posteriormente abriríase un canal de desaugadoiro, o río do Mar, que provocou o ambiente de marisma actual con canais mareais[2]. Ao sur do complexo sitúase a lagoa do Carregal de auga salobre. Está protexido como Parque Natural, formando parte do Complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán.

O río de Artes é o de maior caudal e lonxitude, as súas fontes nacen no alto da Curota e desemboca na lagoa do Carregal. Acotío aparece erroneamente como río "Arlés" na cartografía, se ben na parroquia recibe os nomes de Sanchanás ou Río Grande segundo distintos lugares.

Climaticamente sitúase dentro da área de clima oceánico hiperhúmido propio da área das Rías Baixas. Esta caracterízase polas elevadas precipitacións invernais e temperaturas moderadas. Pola contra, proporcionalmente, as súas precipitacións son escasas ao non existir barreiras montañosas que reteñan as chuvias das frontes que proveñen do mar, producindo meses de aridez estival. Segundo os datos da estación meteorolóxica de Corrubedo[3], no período 2006-2015 rexistrouse unha media anual de precipitacións de 1.055,1 l/m² repartidos en 153,7 días. Polas características orográficas de Artes a chuvia recibida pode ser lixeiramente superior, e acadar os 1.400-1.600 mm nos cumes da parroquia (San Alberte e A Cidá). A media de temperatura no mesmo período nesta estación é de 14,9 °C.

Delimitación editar

A delimitación parroquial comprende os seguintes marcos e pedras, segundo o amolloamento do documento eclesiástico de 1717[4]: Pedrecelos, A Gandarela, Pedra Rubia das Cortellas, Pedra do Souto Xestoso, Pedra da Sobreira, Pedra Esquita, Pedra do Lobo, Marmoriais de Santo Alberte, Rial da Figueira, Laxe da Carga, Fonte Moscosa, Río de Sirves e Pozo Negro.

Prehistoria editar

Durante a Prehistoria diversas comunidades deixaron a súa pegada nas terras que hoxe conforman Artes. De época Neolítica consérvanse mámoas no monte de San Alberte, no monte da Cidá e no lugar da Perdigoteira. Achados illados de muíños de vaivén e machados de pedra puídos poderían datarse entre o V e I milenio a.n.e.

Da Idade de Ferro consérvanse dous asentamentos castrexos: O Castro ou Castro de Artes, e o castro da Cidá, escavado en 2014 e 2015.

Historia editar

A parroquia de Artes aparece nomeada en varios documentos durante a Idade Media e Moderna. A primeira testemuña da que se ten constancia data do 30 de xaneiro de 1246, nun documento notarial onde Fernando Rabinádiz de Deán e a súa muller, María Odoáriz, véndenlle ó mosteiro de Toxos Outos varias propiedades da súa herdade por 100 soldos leoneses en Deán Pequeno, Vilanova, Santa Uxía e en S. Xián de Artes:

Ita uendimus et firmiter concedimus totam nostram hereditatem quam habemus ex parte abiorum nostrorum et de gana<n>cias sub aula Sancte Eugenie et Sancti Iuliani de Artiis in villis scilicet de Dayam Minore et in villa que uocatur Villa Noua in totis locis ubi fuerit uox de ipsis villis per suos terminos antiquos pro precio quo nobis et uobis bene complacuit...[5]

O 25 de decembro de 1407 noméase coma unha das concesións de freguesías que Lope de Mendoza, arcebispo de Santiago de Compostela, concede ao seu sobriño Juan de Mendoza:

Conviene a saber: las feligresias de Sant Viçenço de Sispõo e de Sant Juan de Macẽeda e de Sant Giãao d'Artees e de Santo Andre de Cures con el coto de Nozeda, e de Santa Marina de Juyo e de los tres quartos de Santa Marina de Neyra e de los tres quartos de San Viçenço de Noal e de la feligresia de Sant Pedro de Muro e de la mayatad de San Miguell de Canbono e de la meatad de Sant Martiño de Minortos, e de la meatad de Sant Sadornino.[6]

En fontes eclesiásticas do 1500 aparece recollida a recadación na parroquia dese ano, uns 3.833 marabedís:

San Giao d’Artaes tres myll e ochoçientos e treynta e tres mrs[7].

Patrimonio editar

A igrexa parroquial é de estilo neoclásico. Foi construída entre 1749 e 1777 no lugar dun antigo templo posiblemente de estilo románico[4]. A planta, de cruz latina, ten unha soa nave con bóveda de canón. A fachada, simétrica, conta cunha porta rectangular con molduras no lintel e as xambas, e unha fiestra enriba para iluminar a tribuna. Os muros son de cantería de granito. Na fornela (feita no 1771 segundo a inscrición do seu pé) da fachada principal hai unha figura de San Xián, co seu paxaro característico na man dereita, e vestido cunha casaca representativa da vestimenta da época. No adro da igrexa consérvase un sartego antropomorfo de época medieval. A advocación celébrase o 7 de xaneiro.

O que fora a antiga escola das nenas, dentro do lugar do Outeiro, presenta na porta e en dúas ventás arcos conopiais de estilo gótico tardío propio dos séculos XIV-XV. Posiblemente pertencesen ou se aproveitasen dunha construción anterior eclesiástica vinculada á igrexa ou á casa do cura.

Artes ten dous museos: o Museo Etnográfico de Artes, situado no Centro Recreativo da parroquia, e a Museo do Gravado á Estampa Dixital, de promoción privada.

Galería de imaxes editar

Lugares de Artes editar

Lugares da parroquia de Artes no concello de Ribeira (A Coruña)

Arribas | O Barreiro | As Bouciñas | A Braña Aberta | O Castro | A Devesa | A Gándara | Goda | Gude | Os Muíños | O Outeiro | A Perdigoteira | Os Queimadoiros | Sego | A Soledá | A Teixoeira | Viñas


Parroquias de Ribeira editar

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Ribeira

Aguiño (Nosa Señora do Carme) | Artes (San Xián) | Carreira (San Paio) | Castiñeiras (O Bo Pastor) | Corrubedo (Santa María) | Oleiros (San Martiño) | Olveira (Santa María) | Palmeira (San Pedro) | Ribeira (Santa Uxía)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
  2. Vilas, F.; Arche, A.; Ramos, A.; Sopeña, A.; Rey, L., Nombela, M. A. (1986-1987). "El complejo de playa-lagoon de Corrubedo y los submedios característicos. Galicia, NW. España". Acta Geológica Hispánica (21-22): 233–243. 
  3. "Estacións meteorolóxicas". www2.meteogalicia.es. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2019. Consultado o 2016-04-13. 
  4. 4,0 4,1 Lustres Viturro, Ledicia (2013). Historia, Patrimonio e Antropoloxía de Artes (Riveira). Deputación de A Coruña. ISBN 978-84-9812-219-0. 
  5. "GMH: Resultados". gmh.consellodacultura.org. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2016. Consultado o 2016-04-13. 
  6. "GMH: Resultados". gmh.consellodacultura.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2016. Consultado o 2016-04-13. 
  7. "GMH: Resultados". gmh.consellodacultura.org. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2016. Consultado o 2016-04-13. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar