Artegrove é unha asociación cultural que naceu no Grove o 26 de febreiro do ano 2002, formada por uns 40 artistas, na súa maioría pintores, aínda que tamén hai escultores, escritores, maquetistas, fotógrafos etc. Inclúe así mesmo socios colaboradores e afeccionados á arte.

Por nacer e desenvolve-lo seu labor no Grove, case tódolos socios que compoñen a asociación son desta localidade, pero tamén hai membros que residen en Caldas, Catoira, Vilagarcía, Pontevedra e outros concellos galegos. Está aberta a todas aquelas persoas que queiran participar, ben por realizar algún tipo de actividade artística, ben por amor á arte.

Obxectivos e actividades editar

O principal obxectivo desta asociación é o de difundi-la arte nas súas distintas manifestacións, e conseguir que o público en xeral, e sobre todo os nenos, aprendan a coñecelo e amalo. Por ese motivo, a asociación vén realizando desde a súa fundación diversas actividades como exposicións propias, talleres, cursos, visitas a outras exposicións ou concursos de debuxo e pintura para os nenos. Como exemplo das actividades desenvolvidas por Artegrove pódese citar unha exposición itinerante sobre o Camiño de Santiago Portugués, en colaboración coa Escola Utopía do Porto, que percorreu durante todo o ano 2010 diferentes localidades portuguesas e galegas ó longo do Camiño, comezando en xaneiro en Porto e rematando en decembro en Santiago de Compostela.

Artegrove colabora co concello do Grove nas actividades que este lle requira, como por exemplo, colaborar na decoración das carrozas da Cabalgata de Reis ou exercer de xurado nos concursos infantís de debuxo que organiza o concello ou outras asociacións sociais. No ano 2006 realizou un mural colectivo no que expresaba todo o horror que provocou a vaga de incendios forestais que asolou boa parte de Galicia no mes de agosto.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar