Paleontoloxía lingüística
A paleontoloxía lingüística é unha disciplina que pretende clarificar a prehistoria e cultura material dos falantes dunha lingua morta ou protolingua antiga. A paleontoloxía lingüística baséase na análise do vocabulario, e en particular a existencia de certos nomes de plantas e animais e innovacións tecnolóxicas, a partir das cales poden facerse conxecturas sobre a cultura material dos falantes das protolinguas que deron lugar ás linguas da familia. Así, a paleontoloxía lingüística trata de reconstruír a historia de épocas moi afastadas do presente onde carecemos de fontes escritas a través da evidencia lingüística; é unha fonte útil e igualitaria de coñecer o desenvolvemento das diferentes rexións, especialmente se se combina coa evidencia arqueolóxica.
Paleontoloxía indoeuropea
editarHistoricamente a paleontoloxía lingüística apareceu no contexto da lingüística indoeuropea. O extraordinario interese suscitado entre lingüistas, historiadores e arqueólogos pola constatación de que case todas as linguas de Europa e un importante número en oriente medio e o subcontinente indio derivaban dunha lingua nai común, chamada protoindoeuropeo; levou a buscar a orixe do pobo indoeuropeo que falaría esa lingua e o tipo de cultura material que tería. Así por exemplo a presenza do termo común para 'bronce' reconstruíbel para metal suxire que os indoeuropeos serían unha cultura calcolítica. A abundancia de termos referidos á tecnoloxía da roda e dos carros tirados por cabalos suxire que puido existir unha caste guerreira que empregou o carro como arma ofensiva na expansión indoeuropea. A presenza de certos nomes de animais e plantas, en comparación coa distribución do hábitat natural desas especies, levou a buscar o situar a rexión orixinal da expansión nalgún lugar entre o Danubio e os Urais. Con todo, o uso pouco rigoroso de argumentos paleontolóxicos conduciu a esaxeracións e erros considerábeis, razón pola cal numerosos autores criticaron certos usos da paleontoloxía lingüística.
Paleontoloxía doutras familias
editarA mesma idea usada para conxecturar aspectos probábeis das características dos antigos indoeuropeos foi aplicada a outras familias de linguas e ás protolinguas reconstruídas por medio da lingüística histórica. Así por exemplo a expansión bantú e as probábeis rutas de expansión das linguas bantús pode ser estudada a partir dos estudos de paleontoloxía lingüística aplicados ao idioma protobantú. Igualmente recentemente tentouse describir a expansión dos pobos afroasiáticos en África oriental e o norte do continente. As conxecturas formuladas no seo da paleontoloxía lingüística en si mesmas non son comprobábeis, pero constitúen un bo punto de partida sobre o que rastrexar arqueoloxicamente as expansións de pobos e linguas no pasado.