Antolín Faraldo

escritor e xornalista galego


Antolín Faraldo Asorey, nado en Betanzos o 2 de setembro de 1822 e finado en Granada o 20 de xuño de 1853, foi un escritor e xornalista galego e un dos pais do movemento provincialista galego da primeira metade do século XIX e precursor do movemento literario.

Modelo:BiografíaAntolín Faraldo

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento2 de setembro de 1822 Editar o valor en Wikidata
Betanzos, España Editar o valor en Wikidata
Morte20 de xuño de 1853 Editar o valor en Wikidata (30 anos)
Granada, España Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, xornalista, político Editar o valor en Wikidata
MovementoRomanticismo Editar o valor en Wikidata
Familia
IrmánsTiburcio Faraldo Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1268429 BUSC: faraldo-antolin-1822-1853

Traxectoria

editar
 
Portada do nº 2 de El Recreo Compostelano, 26/1/1842.[1]

Antolín era fillo de Feliciano Vicente Faraldo e de Francisca Asorey Canda. O seu pai, escribán, era un activo defensor do absolutismo, aspecto que influíu decisivamente na súa ideoloxía.

Estudou, pese aos graves problemas económicos que sufría a súa familia tralo falecemento da súa nai, na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o grao de Bacharel en Medicina en outubro de 1842. Era un gran apaixonado da historia e da lectura, así como un mozo implicado cos problemas do seu tempo, polo que formou parte de múltiples movementos e asociacións públicas da época.

En 1842 incorpórase como xornalista ó periódico El Recreo Compostelano, que dirixía Antonio Neira de Mosquera, e do que pronto se convertería en redactor principal empregando o pseudónimo de Abenhumeya. Colaborou ademais no tamén compostelán La Situación de Galicia.

Participación na Revolución de 1846

editar
Véxase tamén: Revolución de 1846.

No ano 1843, na asemblea federal celebrada en Lugo, propuxo debater a independencia de Galicia. A súa proposta non chegou a ser considerada por un voto.[2]

Entre febreiro e outubro de 1845 funda e dirixe, xunto con José Rúa Figueroa e Antonio Romero Ortiz, El Porvenir. A revista, cuxo subtítulo era Revista de la Juventud Gallega, e que na súa cabeceira rezaba Todo para Galicia, serve a Faraldo de plataforma para expoñer o seu modelo político de Galicia, sempre mantendo unha liña liberal e rexionalista. O devandito modelo veríase plasmado coa súa participación na chamada Revolución de 1846, para a cal redacta o 15 de abril de 1846 a proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia, da que era secretario.

Fracasado o intento de revolución, o 26 de abril dese mesmo ano vese obrigado a exiliarse en Portugal, xunto a outros compañeiros, a bordo do buque Nervión. O 8 de setembro é condenado en rebeldía polo citado levantamento, aínda que ó ano seguinte lograría a amnistía, instalándose en Madrid. Alí dirixiu durante un breve período a publicación La Europa, para perderse despois a súa pista histórica ata o seu falecemento en Granada, á pronta idade de trinta anos.

Pensamento político

editar
 
Busto de Faraldo en Betanzos, obra de 1995 do escultor Eduardo Rodríguez Osorio.[3]

Cunha Galicia en crise debido, principalmente, ó intenso centralismo aplicado pola monarquía borbónica, a visión provincialista de Faraldo supúxolle ser recoñecido por autores como Manuel Murguía como "o primeiro e o mellor" dos precursores do chamado Rexurdimento (en Los precursores, de 1886).[4]

O pensamento de Faraldo pode resumirse no seguinte parágrafo, extraído da citada proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia:

(Tradución do orixinal en castelán) Galicia, arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente á engrandecer o antigo reino de Galicia, dando proveitosa dirección ós numerosos elementos que atesoura no seu seo, levantando os cimentos dun porvir de gloria. Para conseguilo esforzarase constantemente en fomentar intereses materiais, crear costumes públicos, abrir as fontes naturais da súa riqueza, a agricultura, e o comercio, e poñer en harmonía coa época os hábitos e as ideas que deixou unha sociedade decrépita fundada sobre a ignorancia. Espertando o poderoso sentimento de provincialismo, e encamiñando á un só fin todos os talentos e todos os esforzos, chegará á conquistar Galicia a influencia de que é merecedora, colocándose no alto lugar á que está chamado o antigo reino dos suevos.

— Antolín Faraldo, [5]

A través das publicacións nas que colaboraba, Faraldo pretendía xerar na mocidade galega da época unha conciencia da problemática galega, e facíao baseándose no engrandecemento da súa historia, sen dúbida influenciado polo nacente espírito romántico. Nas súas propias palabras, entendía que a medida que Galicia sexa máis coñecida será máis respectada e admirada.

No entanto, o fracaso da Revolución de 1846 e o seu posterior exilio truncaron as súas ilusións políticas, que xa non se plasmarán nos textos por el escritos desde ese momento e ata o seu falecemento.

  1. El Recreo compostelano en Galiciana. Biblioteca de Galicia.
  2. Pérez Leira, Lois (27 de xuño de 2016). "Cando Galicia foi unha república independente". Historia de Galicia. 
  3. Esculturas de Eduardo Osorio
  4. Los Precursores Arquivado 25 de decembro de 2014 en Wayback Machine. en Galiciana, Biblioteca de Galicia.
  5. Villares, Ramón (1991). Historia de Galicia. Biblioteca 114 (en castelán) II. El Correo Gallego. pp. 54–55. ISBN 84-85553-15. 
  6. "Querida Liberdade". Alvarellos Editora. Consultado o 2022-05-03. 

Véxase tamén

editar
 
Antolín Faraldo imaxinado por unha intelixencia artificial a partir da pintura de Francisco Sobrino. Autor: Manuel Gago Mariño.

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar