Corporativismo

(Redirección desde «Anticorporativismo»)

A diferenza do corporativismo gremial clásico, o actual corporativismo é unha doutrina que defende un sistema económico baseado na unificación, mediante corporacións dentro do Estado, de todas as organizacións sindicais: empresariais, laborais, profesionais etc. É unha forma peculiar e totalitaria de terceira vía que se aplicou como forma de organización socioeconómica por parte dos réximes Fascista e Nacionalsocialista, e que fixo énfase no sindicato e a planificación orientada.

O termo debe distinguirse daquel que se utiliza con sentido pexorativo para designar calquera política deseñada para favorecer ás corporacións, entendendo neste caso por "corporación" a súa outra acepción terminolóxica que refire ás sociedades anónimas características dos sistemas capitalistas modernos.

Principais características económicas do corporativismo editar

O corporativismo caracterízase por unha ríxida intervención do Estado nas relacións produtivas. Para lograr esta intervención a todos os niveis, deseña a creación de sindicatos verticais que permitan o control. Hai un profundo rexeitamento a toda política económica de corte marxista. Hai unha busca do interese nacional, poñendo baixo o control do Estado as regulacións das relacións laborais.

Características políticas dos réximes que acollen o corporativismo como sistema económico editar

O partido único dirixe o Estado por medio dun grupo de base reducido que se articula nunha pirámide xerárquica, e cuxos membros reciben instrución paramilitar nas milicias. O valor do tradicional é moi importante para este tipo de réximes. Adoita producirse unha reivindicación dos valores cristiáns (os tradicionais nos países de tradición non cristiás), fronte á sociedade liberal. Preténdese a reinstauración de asociacións do Antigo Réxime, así como á orde social medieval, intentando chegar a unha sociedade cristiá (tradicional) próxima ó socialismo utópico.

Oposición ó Marxismo e ás revolucións anarcosindicalistas. Este tipo de réximes tratan de buscar unha plena identificación entre Estado e Patria.

Principais correntes ideolóxicas que defenden o corporativismo como sistema económico editar

O fascismo deu a base ideolóxica para o sistema corporativista. Mussolini proviña da órbita socialista italiana e gran parte dos principios do fascismo no campo da Economía eran adaptacións marxistas á súa ideoloxía nacionalista e imperialista. O apoio do capitalismo, o gran capital, ó fascismo italiano foi en parte debido ó medo que tiñan á revolución socialista. Por iso Mussolini non puido nacionalizar a totalidade da economía, para non perder apoios na súa principal fonte de ingresos, pero si que introduciu na economía da Italia fascista multitude de elementos de intervención que sentaron as bases do corporativismo.

A ideoloxía fascista no seu ámbito económico -e, polo tanto, corporativista- foi exportada nos anos trinta a Alemaña e a España, onde Adolf Hitler e Francisco Franco xa gobernaban. A base económica dos primeiros anos do franquismo en España foi achegada polo falanxismo, cuxo principal ideólogo foi José Antonio Primo de Rivera. Primo de Rivera, xunto a outros personaxes que achegaron moito no campo da ideoloxía nacionalsindicalista como Ramiro Ledesma Ramos, creador das JONS xunto a Onésimo Redondo, fixeron unha adaptación da ideoloxía fascista italiana para as características españolas. Ledesma Ramos, como Mussolini, antes da súa conversión á ultradereita proviña orixinalmente da esquerda revolucionaria, e influenciado por ideas sindicalistas revolucionarias, o que lle deu a idea da organización sindical corporativa: o sindicato vertical, en oposición ó sindicato de clases do seu pensamento político previo.

Hitler tamén se viu atraído polas ideas de Mussolini e non tardou en mandar ós seus homes que adaptaran as ideas económicas do fascismo á situación do III Reich. A base económica do nacionalsocialismo era corporativista.

O Corporativismo na actualidade editar

Hogano poucas organizacións políticas defenden abertamente o corporativismo, malia que as enquisas de opinión sinalan as preferencias reais da cidadanía por este tipo de sistema en que hai un certo nivel de liberdade económica e mercado pero cunha forte intervención do Estado para asegurar l que se chamou o interese xeral.

Encubertamente, moitas políticas que se levan a cabo no mundo occidental ocultan políticas económicas corporativistas. Cada día son máis frecuentes as intervencións das institucións gobernamentais nos mercados para, supostamente, corrixir erros de mercado, pero extralimitándose nese obxectivo e chegando a unha completa regulación e intervención da Economía.

Obsérvase nos últimos anos como os orzamentos dos estados van aumentando cada vez máis e como a participación estatal na economía é máis grande, creando unha dependencia moi forte dos axentes económicos ó Estado. Partidas e sectores coma a investigación e desenvolvemento, o gasto militar, a política enerxética, o mercado laboral, o comercio internacional etc. teñen unha maior importancia no orzamento dos estados e están cada vez máis intervenidos.

Moitos grupos atacan a gobernos que se autocalifican como liberais alegando que as súas políticas económicas están máis orientadas a beneficiar certas empresas que ós obxectivos tradicionais de crecemento económico.

O sistema corporativo foi implantado en México a partir da institucionalización do réxime derivado da revolución mexicana e a súa forma máis acabada e en uso actual está plasmada nos chamados Contratos de Protección Empresarial produto directo dos mecanismos de control do estado a través da lexislación laboral, en particular a Lei Federal do Traballo vixente no país.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar