Abrir o menú principal

Anita Lucia Roddick, DBE, nada o 23 de outubro de 1942 en Littlehampton, Sussex Occidental, e falecida o 10 de setembro de 2007 en Chichester, foi unha empresaria inglesa do ramo da cosmética e tamén escritora, coñecida polo seu activismo ecoloxista.

Anita Roddick
Nacemento23 de outubro de 1942
 Littlehampton
Falecemento10 de setembro de 2007
 Chichester
Causahemorraxia cerebral
NacionalidadeReino Unido
Alma máterBath Spa University
Ocupaciónempresaria, feminista e fundador
FillosSam Roddick
PremiosDama comendadora da Orde do Imperio británico e Audubon Medal
editar datos en Wikidata ]

Índice

Vida e formaciónEditar

Naceu nunha familia de emigrantes italianos. A súa nai levaba un café e era unha apaixonada da reciclaxe. Estudou para mestra, viaxou polo mundo grazas a un traballo nas Nacións Unidas e casou en 1970 con Gordon Roddick, un mozo que lle presentara a nai. Abriron un restaurante e logo un hotel e tiveron dúas fillas. Cando ela agardaba pola segunda, separáronse por motivos laborais, e aí comezou a verdadeira carreira empresarial de Anita Roddick. Decidiu abrir unha cadea de cosméticos que fose respectuosa co contorno e que non empregase animais nas testaxes, para ter ingresos de seu. E así fundou The Body Shop, que abriu a súa primeira tenda na súa vila natal de Littlehampton en 1976.

O 14 de febreiro de 2007, un ano despois de retirarse da vida empresarial, Roddick revelou que padecía hepatite C, contraída como consecuencia dunha transfusión recibida durante o segundo parto. Como consecuencia, tamén sofre cirrose. Faleceu dunha hemorraxia cerebral.

Carreira profesionalEditar

A primeira tenda de The Body Shop tiña só 15 liñas, era pequena, e estaba situada entre dúas funerarias. O negocio funcionou rapidamente, e abriu unha segunda en só seis meses. Cando regresou o seu home do seu traballo nos Estados Unidos, entrou tamén a formar parte do negocio. En 1991, quince anos despois, a cadea tiña xa 700 tendas. En 2007, trinta anos despois, a cadea tiña 2.100 tendas en 55 países, e ofrecía uns 1.200 produtos distintos.

O 13 de decembro de 2005 o xornal National Post anunciou a retirada de Roddick do mundo das finanzas e a empresa e calculoulle unha fortuna persoal de 76 millóns de euros. Tres meses máis tarde, o 17 de marzo de 2006 anunciouse a compra de The Body Shop por parte de L'Oréal por un valor de 980 millóns de euros. Esta compra foi moi polémica, en primeiro lugar porque a cadea de cosméticos francesa si que fai testaxes sobre animais, e en segundo lugar porque forma parte do conglomerado Nestlé, que foi obxecto dunha das primeiras campañas de Roddick pola venda de leite en po aos países subdesenvolvidos.

Roddick declarara que o modelo de negocio fora produto do azar, e non dun plan excesivamente calculado. Entre os factores que destacaba está o da vaga de calor de 1976, o ano da apertura, que fixo subir a demanda de xabrón, desodorizantes e perfumes, ou a aposta case forzada pola reciclaxe: non tiñan botiños abondos para os produtos, e tiñan que reaproveitalos.[1]

Activismo socialEditar

Ela foi mundialmente coñecida polo seu modelo de negocio, onde introduciu variábeis de sustentabilidade e non agresión ao contorno. Os seus cosméticos non realizaban testaxes sobre animais e estaban elaborados con produtos naturais.

Era membro do Demos, un consello de asesores internacionais en temas de medio ambiente, e de Amnistía Internacional. Ademais, en 1990 fundou Children On The Edge, unha organización de axuda á infancia desprotexida en Europa Oriental e Asia.

Premios e condecoraciónsEditar

NotasEditar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 02 de abril de 2007. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Roddick, Anita - The Body Shop Book - Macdonald, 1985
  • Roddick, Anita - Mamatoto: the Body Shop Celebration of Birth - Virago, 1991
  • Roddick, Anita - Troubled Water: Saints, Sinners, Truth and Lies about the Global Water Crisis - Anita Roddick Books, 2004
  • Roddick, Anita - Business as Unusual - Anita Roddick Books, 2005

Ligazóns externasEditar