A anhedonia (do grego ἀν-: an- ‘falta de’ e ἡδονή: hedoné ‘pracer’) é a incapacidade para experimentar pracer, a perda de ter interese ou satisfacción na realización de moitas actividades. Considérase unha falta de reactividade ante os estímulos habitualmente pracenteiros. Constitúe un dos síntomas ou indicadores máis claros de depresión,[1] aínda que pode estar tamén presente noutros trastornos, compo por exemplo, nalgúns casos de demencias (Alzhéimer), en trastornos psicóticos e no trastorno esquizoide da personalidade.[2]

Anhedonia
Clasificación e recursos externos
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Hai diferentes escalas para a avaliación da anhedonia, como a de Fawcet (escala de pracer/despracer) e a Escala de Avaliación dos Síntomas Negativos (Andreasen, 1981), que inclúe unha subescala de "anhedonia e retracción social". É común en escalas de depresión conter elementos sobre o tema como na Escala de Depresión de Beck (BDI).

Está asociado con baixos niveis de monoaminas no sistema nervioso, como a serotonina, dopamina, adrenalina e noradrenalina, mais principalmente ocorre unha disfunción dopaminérxica e noradrenérxica. O tratamento dependerá da intensidade do síntoma e da asociación con outros posibles síntomas de depresión. Se a anhedonia for predominante, unha opción de tratamento farmacoterápico son os inibidores selectivos da recaptación de dopamina e noradrenalina (IRND), como bupropiona e mirtazapina.

Tanto terapias cognitivo-comportamentais como terapias analítico-comportamentais poden ser auxiliares do tratamento medicamentoso.[3]

Sen a discriminación de reforzo positivo é esperado que varios comportamentos saudables entren en extinción e o individuo pase a ser controlado principalmente por reforzo negativo (evitar sufrimento) e por punición. Unha persoa con anhedonia xeralmente dificilmente se adhire ao proceso terapéutico, por iso é importante a participación da rede social de apoio caso exista.[4]

Definición editar

Mentres que as primeiras definicións da anhedonia salientaban experiencia pracenteira, modelos máis recentes puxeron en relevo a necesidade de considerar diferentes aspectos do comportamento divertido, como a motivación ou o desexo de participar nunha actividade («anhedonia motivacional»), en comparación co nivel de goce da actividade en si mesma («anhedonia consumatoria»).

A anhedonia adoita confundirse coa apatía, mais son conceptos diferentes.

A cultura ten unha grande importancia na cuestión. Unha conduta pode ser aceptada positivamente por un grupo cultural e non ser ben vista por outro.

Diagnóstico editar

Os criterios xerais para diagnosticala como un trastorno son ver o grao de insatisfacción coas capacidades e logros do paciente, avaliar as súas relacións interpersoais e a forma en que afronta os acontecementos da súa vida. O importante é que o paciente aprenda a aceptar os feitos como se presentan; se o seu comportamento lle causa un dano a el ou aos demais, entón transfórmase nunha patoloxía que debe ser tratada.

Escalas de Chapman editar

En 1976 L. Chapman e M. Raulin propuxeron dúas escalas, coñecidas como «escalas de Chapman», para a valoración da anhedonia: a escala para a anhedonia física e a escala para a anhedonia social.[5] Posteriormente ambas as escalas foron revisadas pero, aínda que amplamente difundidas, non chegaron a ser publicadas de forma oficial. A Escala Revisada para a Anhedonia Física é un cuestionario autoaplicado de 61 preguntas que valora a capacidade de experimentar pracer de estímulos físicos típicos, como a comida, o tacto, o sexo, etc., mediante preguntas como «Sempre me gustarion os decorados fermosos».[6] A Escala Revisada para a Anhedonia Social é un cuestionario autoaplicado de 40 preguntas que valora a capacidade de experimentar pracer de estímulos como o trato coa xente, parolar, intercambiar impresións ou sentimentos, etc., mediante preguntas como «Unha viaxe en coche é máis agradable se alguén me acompaña».[7]

Inicialmente, os que desenvolveron as escalas creron que a escala para a anhedonia física sería a máis útil das dúas escalas, e que a escala para a anhedonia social veríase afectada pola presión social e o rumbo derivado do desexo de agradar. Estes supostos non se viron confirmados nas investigacións posteriores. En primeiro lugar, a escala para a anhedonia social resultou ser a máis útil das dúas escalas, e demostrou ser un robusto indicador do desenvolvemento posterior de trastornos do espectro esquizoide. En segundo lugar, a escala para a anhedonia social resultou ser estable no tempo para casos de individuos diagnosticados de esquizofrenia.

A anhedonia social demostrou ser tamén un trazo característico do trastorno do espectro autista, o que motivou, por exemplo, o estudo do solapamento diagnóstico entre a síndrome de Asperger e o trastorno esquizotípico da personalidade.[8]

Notas editar

  1. Peters, U. H. (2007): Lexikon Psychiatrie, Psychotherapie, Medizinische Psychologie. München, páx. 37.
  2. Aubry, Michel (2000) Anhédonie, Désir et Dépression, in Dépression et Libido, H. Cuche, L’Esprit du Temps, Psychologie.
  3. http://www.medcenter.com/medscape/Content.aspx?id=7168&langtype=1046 Arquivado 12 de xuño de 2008 en Wayback Machine. Sarah Guzofski, MD, Staff Physician, Department of Psychiatry, University of Massachusetts Medical School / Co-autora: Brian R Szetela, MD / Editores: Alan D Schmetzer, MD / Francisco Talavera, PharmD, PhD / David Bienenfeld, MD / Stephen Soreff, MD
  4. DOUGHER, Michael J. e HACKBERT, Lucianne. A behavior-analytic account of depression and a case report using acceptance-based procedures. Rev. bras.ter. comport. cogn. [online]. 2003, vol.5, n.2 [citado 2011-07-06], pp. 167-184 . Dispoñible en: <http://pepsic.bvsalud.org/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1517-55452003000200007&lng=pt&nrm=iso>. ISSN 1517-5545.
  5. Chapman, L. J., Chapman, J. P., & Raulin, M. L. (1976). "Scales for physical and social anhedonia". Journal of Abnormal Psychology, 87, 374-407.
  6. Chapman, L. J., & Chapman, J. P. (1978). "Revised physical anhedonia scale" (Available from L. J. Chapman, Department of Psychology, 1202 West Johnson Street, University of Wisconsin, Madison, WI 53706).
  7. Eckblad, M. L., Chapman, L. J., Chapman, J. P., & Mishlove, M. (1982). "The revised social anhedonia scales". (Available from L. J. Chapman, Department of Psychology, 1202 West Johnson Street, University of Wisconsin, Madison, WI 53706).
  8. Ruth M. Hurst, Rosemery O. Nelson-Gray, John T. Mitchell and Thomas R. Kwapil. "The Relationship of Asperger’s Characteristics and Schizotypal Personality Traits in a Non-clinical Adult Sample", Journal of Autism and Developmental Disorders, Volume 37, Number 9 / October, 2007.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar