Andoriñón real

(Redirección desde «Andurón real»)

O andoriñón real ou andurón real (Apus melba ou Tachymarptis melba) é un cirrio migratorio que cría nas montañas que van do sur do continente europeo ata o Himalaia.

Andoriñón real

Andoriñón en Barcelona


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Apodiformes
Familia: Apodidae
Xénero: Tachymarptis
Especie: T. melba
Nome binomial
Tachymarptis melba
(Linnaeus, 1758)
Distribución
Distribución

Distribución

Descrición editar

 
Andoriñón real

Miden uns 23 cm. de longo e pesan entre 75 e 125 gramos. A envergadura das súas ás, que acada os 55 cm., fainos claramente meirandes có cirrio común. Son negros, coa barriga e a gorxa brancas separadas por unha faixa marrón no peito. A cola é curta e en forma de galleto. As ás, moi longas, danlles aspecto de media lúa cando voan, por ben que tamén poden voar en ocasións con elas rectas. O seu voo é máis lento e poderoso có dos cirrios comúns.

O seu chío característico e un berro ascendente que se pode oír a moita distancia e que emiten sobre todo nas tardes de verán. (Escoitar).

Distribución e hábitat editar

Os andoriñóns reais crían nas montañas europeas e asiáticas e pasan o inverno no sur de África e no Indostán. Durante a migración móvense de xeito errático e poden verse en boa parte da Europa e Asia meridionais. Aparentemente a especie tivo unha área de distribución meirande durante a derradeira glaciación, cando colonias grandes criaban por exemplo, hai entre 40.000 e 20.000 anos, nunha cova en Komarova, preto de Chestokova, Polonia (Tomek & Bocheński 2005). As aves europeas marchan para a África subsahariana a primeiros de outubro e volven en marzo e abril.

Bioloxía editar

Son grandes voadores que pasan máis das súas vidas no aire. Poden voar a favor ou en contra do vento, acadando alturas de ata 3.000 metros e velocidades de 250 km. hora.

Alimentación editar

 
Andoriñón bebendo

Aliméntanse do chamado "plancto aéreo", composto por artrópodos voadores de tamaño pequeno e mediano, que, en boas condicións, atrapan en grandes cantidades en pouco tempo. En días de bo tempo sobrevoan a grande altura as cidades e as zonas adxacentes á procura de comida. Con tempo malo voan baixo sobre prados e zonas acuáticas. Coma as andoriñas beben mentres voan sobre a auga, mantendo a parte inferior do bico lixeiramente por debaixo da superficie. En ocasións toman mesmo "baños" curtos mentres voan.

Reprodución editar

 
Andoriñón real voando
 
Tachymarptis melba
 
Colonia de andoriñóns

Crían en colonias en furados, fendas e nichos das penas. Na cunca mediterránea fano en acantilados rente ó mar. Outros fano en zonas montañosas como os Pireneos, o Cáucaso ou os Alpes. Dende hai algúns séculos (se cadra xa dende a antigüidade), crían e repousan tamén en edificios. As parellas fórmanse para toda a vida e volven ano tras ano ós mesmos niños, reparándoos cando é preciso. Os niños están feitos de plumas, pallas e pelos que pegan con saliva para formar unha cunca. Poñen dous ou tres (poucas veces catro) ovos brancos, que os dos membros da parella se roldan para chocar. A incubación dura entre 18 e 22 días e son coidados polos pais entre 54 e 66 días. Os polos son alimentados con bolas alimenticias formadas por insectos e arañas.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

O andoriñón real na "Lista vermella de especies ameazadas" da IUCN